top of page

Recensión : Miguel Cuba, Punto de Fuga


Título : Punto de Fuga

Autor : Miguel Cuba

Editorial : Demo Editorial

ISBN : 9788493699352

Nº de páxinas : 80 páxs

 

Sinopse :

<<`Punto de Fuga' fala de realidades ben próximas, dalgúns dos conflitos cotiáns dun grupo social e xeracional claramente identificable, da desorientación, as contradicións, as dúbidas de personas que están día a día ao noso carón, se non somos nós mesmos versións do protagonistas da historia ou dalgún dos seus amigos e compañeiros. [...]

Déixanos diante dun paradigma desta xeración en crise, un anaco de vida con selo de autenticidade, en tempo presente e impreciso futuro, lonxe dos tan abondosos e reiterativos relatos de postadolescentes nostálxicos, dos exercicios autobiográficos compracentes e triviais.

Miguel Cuba amosa nesta obra todas as súas potencialidades como autor de cómic e fai unha achega madura, necesaria e importante á banda deseñada galega.>> Miguelanxo Prado

 

Punto de fuga foi a miña aposta para iniciarme na banda deseñada en galego. A calidade dos debuxos e a realidade do argumento foron as premisas ás que me aferrei para facerme cun exemplar desta publicación. Ese pequeno frechazo a primeira vista veuse confirmado ó gozar desta novela gráfica.

Nesta obra exponse unha historia simple e real. Miguel Cuba amósanos a realidade dunha xeración en crise que pese a ser emprendedora e loitadora estáncase nas dificultades. Responde tamén a un golpe de realidade ante a situación actual. O romanticismo propio doutras épocas intercambiase polo fastío vital, a sensación de falsa liberdade e o medo a soñar.

Mateo é un home normal. Si, sen máis, non hai peros. Un anónimo máis no mundo. Mateo representa o típico home de clase media que chega ó mundo laboral dende a universidade e dáse conta da realidade do mundo. O lector enténdese facilmente con el e coa súa situación. Mesmo, con toda a súa seriedade, é protagonista dalgunhas accións que arrebatan un sorriso ó lector. É un profesor de debuxo que vive dun traballo que aborrece. Un home que imaxinaba o arte da maneira máis bucólica e romántica. Con probabilidade, tiña na súa mente unha vida nos cafés rodeado de intelectuais, con grandes ideas e proxectos a diario e cunha obra de valor recoñecido. Mateo non ten máis opción que esquecer eses soños e limitarse a ser normal. Como vedes, non toda a banda deseñada ten que ter como protagonista personaxes con poderes máxicos, forza inhumana ou habilidades extraordinarias.

A narrativa é sensacional. O uso do humor nos diálogos e de referencias, algunhas incluso literarias, fai moi rico a historia, no que a texto refírese. O gran beneficio da banda deseñada reside precisamente no seu contido visual, que ofrece máis profundidade e significado ó texto. O sistema de tonalidades empregadas en cada situación complementa perfectamente ó texto, creando un híbrido sensacional. O trazo delicado e a composición das ilustracións é perfecto. Poderías pasar páxinas e páxinas por puro pracer. O mimo e detalle co que se coida cada ilustración merece un especial recoñecemento. O tratamento da luz, as diferentes tonalidades de cor e as sensacións que expresa cada trazo fan gozar a quen as observa. Unha lámina desta novela ten un valor artístico innegable. Con razón estiveron expostas en varias ocasións.

Sen dúbida, Punto de Fuga cumpriu as miñas premisas e as de calquera lector que a acolla nos seus estantes. Unha novela gráfica realista, fresca e dunha sensibilidade mestra. Unha retrospectiva da situación actual e unha viaxe pola experiencia da vida. Unha boa forma de introducirse na banda deseñada, e máis concretamente, en lingua galega para lectores de todas as idades.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page