top of page

Recensión: Manuel Nuñez Singala, Camiños na auga



Título: Camiños na auga

Autor: Manuel Nuñez Singala

Editorial: Galaxia

ISBN: 9788498656848

Nº de páxinas: 296 páxs

 

Sinopse :

O protagonista da novela, chamado Szymo, queda descrito pola letra dunha canción que el mesmo escoita por asualidade e na que se acaba por recoñecer:

"Son un negro / a miña pel é branca / e iso gústame / é a diferenza o que é bonito. / Son un branco / o meu sangue é negro / e iso encántame / é a diferenza o que é bonito. / Gustaríame / que nos entendésemos no amor / que nos comprendésemos no amor e na paz. / A vida será fermosa / cadaquén poderá ter o seu amor / a vida será fermosa". ¿Todos somos diferentes ou todos somos iguais? Esa é a pregunta sobre a que se artella unha historia que intenta reformular a ficción da "diferenza" contrapoñéndoa á igualdade proclamada nos inicios da Idade Moderna pola Ilustración e a Revolución Francesa (a Europa actual). Núñez Singala escribe unha novela de iniciación situada na África poscolonial: a peripecia do protagonista, que busca a liberdade e o fai a través dunha viaxe iniciática, é o motivo que se desenvolve e mediante o cal o autor expón unha versión posmoderna da subxectividade, exemplificándoa nun caso de ambigüidade extrema, o dun individuo —Szymo— cuxa identidade contradí as súas características físicas. Dese xeito, a literatura acaba por ser reforzo nada banal dunha das cuestións centrais da posmodernidade, a da produción de subxectividade como estratexia de reformulación da sociedade civil. De aí a pertinencia narrativa de situar esa reformulación nun contexto poscolonial, contexto no que claramente se está a resolver un conflito identitario semellante ao do suxeito posmoderno mais no nivel da organización política, é dicir, no nivel das nacións como discurso da diferenza.

 

Non existe nada tan cru nin violento como a mesma realidade, diso non cabe a máis mínima dúbida. Camiños na auga é a nova proposta de Manuel Nuñez Singala, unha novela cun marcado ton social, pero tamén unha novela que fala dunha longa e real viaxe cara a liberdade. Aínda que esta pode que non sexa o tan ansiado galardón para o noso protagonista.

Camiños na auga é unha novela de fácil lectura e de ritmo áxil. A viaxe do protagonista por moitos lugares do continente africano dota o protagonista dun múltiple perspectivismo e permite ó lector coñecer os estados das cousas en outras partes do continente. Dende os costumes de certas tribos cara a sociedade de "ben estar" das cidades, o protagonista é sempre un apátrida e olla, nas mesmas condicións que o lector, un mundo novo no que tenta facerse un oco. En certo modo, esa ollada inmigrante prodúcese mesmo no lugar onde naceu o respecto de quen era a súa familia.

Szymo é un albino e, por iso, é rexeitado no seu país africano de orixe. É un personaxe baseado nunha persoa real, Moszy, un inmigrante que fuxiu que Benin pola persecución que sufría e polo perigo de morte que corría. Nuñez Singala constrúe un personaxe homenaxe a este home outorgándolle trazos e unha historia ficcional que non ten desperdicio. A intensa documentación, que relata ó final da novela, permítelle crear un personaxe realista e ben traballado. Szymo mostra un sufrimento e unha ideoloxía que non pode senón conmover o lector. É un personaxe que busca a luz entre a escuridade e convéncese de que atopará unha vida mellor lonxe do seu fogar. O que máis destaco é a humanidade do personaxe. Non é un ser perfecto, tamén se ve obrigado a enganar ou delinquir, máis a situación límite leva a calquera ser a xogar nos lindes da legalidade.

Os personaxes secundarios da novela están dotados dunha psicoloxía moi interesante. Todos os compañeiros do camiño de Szymo sono tamén con respecto a súa noxenta vida. A viaxe serve de catarse para moitos deles para demostrar que posición queren adoptar na súa nova vida. Na historia teremos personaxes que quererán aproveitarse ou maltratar a Szymo pero tamén personaxes agradecidos e cun alma caritativa axudándoo coa súa peregrinaxe. Malaïka e Jean-Paul son os que máis destaco pola súa influencia na trama. Conseguen que Szymo amose a súa mellor parte (co seu amor e lealdade por eles) e a peor (cando desconfía ou lles oculta algo). Estes dous personaxes fan deste último, un personaxe realista e son imprescindibles na novela.

Pero o que é, sen dúbida, o prato forte da novela, é o tratamento dos sentimentos e as reflexións íntimas. A sensibilidade no trato da psicoloxía e o gusto pola descrición elaborada fan da novela unha xoia literaria. O autor dota a novela dun realismo particularmente traballado pero que finalmente dota o produto dun aroma case tanxible. Certos momentos do relato que denotan unha violencia inmensa, están ben recollidas, sen agochar nada, pero sen caer na vulgaridade. As partes que se configuran cara a reflexión positiva ou negativa son maduras e cun estilo marcadamente sincero que chegan o lector cunha frescura impensable.

E ao final, Szymo debía de recoñecer que se cadra Malaïka levaba razón. Tiña que esquecer o de yang-upendo e ser capaz de dicir kwa heir, que significa "adeus". Ás veces hai que aprender a despedirse, aínda que doa, porque existen camiños que por forza deben diverxer, amizades ás que é necesario deixar atrás, xente á que non volveremos ver por moito que un breve contacto nos faga intuír unha grande afinidade. (Camiños na auga, p. 118)

Camiños na auga é a miña primeira achega a narrativa de Nuñez Singala pero podo adiantar que non será a única. Agardaba unha novela social e moral no que o peso ficcional fose pouco pero atopo un traballo serio e literario acerca dun tema tan tráxico e preocupante como é a inmigración dende o punto de vista do propio inmigrante.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page