top of page

Recensión: Héctor Cajaraville, De remate


Título: De remate

Autor: Héctor Cajaraville

Editorial: Xerais

ISBN: 9788499149318

Nº de páxinas: 216 páxs

 

Sinopse:

De remate é unha novela tremendamente singular no xeito de narrar. Está construída fragmentariamente a través das columnas de opinión do seu protagonista, o xornalista Bieito Sanmarful, complementadas con textos pertencentes ao seu diario íntimo e outros materiais de diversa procedencia: correos electrónicos, anotacións en blogs, poemas, documentos oficiais... A través das páxinas desta novela non asistimos só ao retrato sociolóxico da Galicia que habitamos, senón que tamén imos descubrindo a propia vida e o itinerario persoal do protagonista, aflixido por unha doenza coa que se ve obrigado a convivir e que combate con humor, ironía e estoicismo. Coa lectura dos seus textos imos descubrindo un Bieito Sanmarful que se mostra, nos últimos anos de súa vida, como unha persoa fráxil e dependente, autoesixente, que nos achega a súa visión nada dogmática sobre o mundo e as persoas que o rodean, a través dunha reflexión permanente sobre si mesmo. Estamos ante un relato de estrutura poliédrica no que se artella un calidoscopio literario do país e dos seus habitantes valéndose dunha amálgama de estilos metaliterarios cos que o propio autor comparte protagonismos. De remate é unha novela entretida, divertida, ben escrita, que recrea con acerto e moita habilidade diferentes rexistros lingüísticos, incluídas diversas variantes dialectais que axudan a retratar os personaxes; unha novela sólida, moderna, que convence, que engancha e que nos fai redescubrir o gusto pola palabra.

Bootrailer:

 

De remate é unha amalgama de textos de todos os xéneros, unha miscelánea do século XXI, que consegue que o lector goce dunha narración cunha estrutura innovadora. A linealidade substitúese pola acumulación de manifestos da mesma realidade extraídos sempre fora do seu contexto pero que permiten dar unha sensación de totalidade. O lector é o encargado de compor a narración nun sentido recto ou desfrutar destes retazos que expoñen unha visión tan intimista como panorámica da vida de Sanmarful. Persoalmente prefiro unha análise derridiana do texto degustando destes pequenos fragmentos coma se fosen independentes e extraer deles os miolos.

"Que ninguén se figure un diario ó uso porque, como todo en Sanmarful, aquilo non tiña nada de convencional: reportaxes inéditas e bosquexos doutras, reflexións, notas soltas, correos electrónicos, versos (recompilados posteriormente no volume Cada palabra de Espiral Maior, á que lle agradecemos o permiso para publicar un dos poemas deste libro)... Literatura fragmentaria, dirían os teóricos, integrada nunha sorte de memorias que ás veces semellan estar concibidas para que alguén as leia e outras todo o contrario." (páx. 10)

Por suposto, con toda a cantidade de temas que se tratan na publicación, facer unha síntese de todos, por pequena que fose, sería eliminar un pouco as sorpresas que un pode atopar dentro desta publicación. Se sinalo que a variedade temática e ampla, case que vou a obviar a cantidade de subtemas que se poden atopar. O importante é que o mérito do autor está en darlle a cada tema a mesma importancia, realizando unha viaxe por todas as preocupacións do ser humano e o "ser galego". De feito, creo que Héctor Cajaraville non esquece criticar ou falar de ningunha das realidades. Se ata Bieito Sanmarful ten un conflito coa editora da propia historia, a Editorial Xerais.

Non podemos esquecer nesta recensión falar dese peculiar heterónimo de Cajaraville, un tal Bieito Sanmarful, "un Balbino do século XXI. E ademais, pobre" (p. 75). O autor válese deste personaxe para facer un recorrido pola Galicia actual sinalando as súas miserias e belezas. Unha especie de viaxe dantesco-humorística pola única terra que este home coñece case por completo e da que quere formar parte. O desarraigo que ten ante todo o propio (familia, amigos, parella...) é inversamente proporcional o amor pola lingua e a terra onde botou raíces. En De remate constrúese un personaxe que ben poderíamos ter por referente cultural, que non ten ningún baleiro biográfico que o autor esquecese encher. Non cabe dúbida de que Bieito sostense por si mesmo polo fenomenal traballo de caracterización do autor.

"Só me faltaba agora poñerme sentimental falando dun cacho de terra, cando non o fago nin pola xente máis próxima a min. Pero se isto se remata axiña quedarame máis mágoa de non coñecer mellor Galicia que de non ir nunca ao Monument Valley de Arizona" (páx. 187)

Outra cousa que chama a atención do texto e o coidado co que se trata a lingua e a lingüística en xeral. É preciso sinalar a inxente cantidade de textos que teñen por protagonistas as políticas, erros ou usos da lingua galega, pero que en ningún caso son parénteses baleiras na historia. De feito, considero que moitos deses textos son útiles como documentos lingüísticos para axuda dos docentes en lingua galega. Persoalmente, agradecín moitísimo moitas das anotacións porque moitas eran preguntas que nunca me fixera ou dúbidas que nunca fun capaz de resolver.

Na narrativa de Cajaraville/Sanmarful hai un gusto explícito polos xogos de palabras e pola introdución de elementos humorísticos que fai moi agradable seguir o ritmo da historia. O lector non ve a densidade, que a priori imaxina pola temática dalgúns textos, porque o estilo do autor logra axilizalos sen caer no erro de minimizar a súa importancia. O léxico é sinxelo e a prosa invita a ler con tino e reflexión, facendo pausas nos pequenos detalles para asimilar a construción da psicoloxía do personaxe.

En resumo, De remate é unha novela tan orixinal e distinta que pode asustar ó lector, pero ó mesmo tempo tan divertida que é un pasamento literario ideal. Nunca 216 páxinas ofreceron tantas posibilidades por tan pouco esforzo.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page