top of page

Segundo Anfiteatro: Chévere, Eroski Paraíso


Ficha técnica

Dirección : Xesús Ron

Adaptación: Manuel Cortés

Escenografía e vestiario: Chévere

Deseño do son: Xacobe Martínez Antelo

Deseño de iluminación: Fidel Vázquez,

Música: Terbutalina

Intérpretes:

Patricia de Lorenzo: Eva Martínez (nai)

Miguel de Lira: Antonio Formoso (pai)

Cristina Iglesias: Alexandra (filla/directora)

Luís Martínez: Avó

Fidel Vázquez: Mozo/Asistente de direción

 

Eroski Paraíso é a primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro. Trátase dun proxecto escénico construído sobre a promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se esborralla. O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado. Este é o retrato dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de marketing que se usan para influír nas decisións de compra dos consumidores.

 

Xa sinalaba Jean Paul que "o recordo é o único paraíso do cal non poden expulsarnos". Non é de sabios sinalar que somos o que somos produto da nosa realidade histórico-social: dos nosos erros e acertos. Calquera deles non son exclusivamente individuais, o ser humano inventou algo que chamamos erros colectivos que como o diñeiro, as leiras, ou unha colección de vinilos, tamén se herda. Eroski Paraíso é unha proposta de Chévere que tenta que o espectador lembre que o estado benestar semella algo no que a felicidade cómprase e véndese, pero que iso, afortundamente, non é verdade.

A proposta de Chévere baséase na construción dun filme documental por parte dunha cineasta ideóloga (Cristina Iglesias) que pretende facer unha película dunha realidade cercana, a historia de amor dos seus pais (Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo). Para iso recupera vellos mobles e trebellos do antigo local ochenteiro de Muros, O paraíso, e tamén elementos do que hoxe en día é, un supermercado Eroski. Todo iso reúnese nun local onde o público acude cunha entrada/tarxeta VIP a un set de rodaxe, onde é testemuña desta catarse colectiva.

O espectáculo xa comeza antes de que todos os espectadores poidan facer sitio ó cu nas súas cadeiras. Alexandra (Cristina Iglesias) e o seu mozo (Fidel Vázquez) son os encargados de colocar parte da escenografía ó mesmo tempo que realizan os preparativos (probas de son, colocación das luces, conexións dos diferentes dispositivos electrónicos...) para comezar a gravación. Si, como antes dicía isto é unha película. Este inicio in media res é un tanto curioso para algún espectador distraído que pensa que chegou ó espectáculo e este está a medio montar. De feito, os demais participantes deste espectáculo comezan a chegar un por un o escenario sen estar sequera preparados para gravar as escenas da película. Este amateurismo da produción é o que permite a espontaneidade dos personaxes ante a "cámara" e tamén unha das claves do humor.

Eroski Paraíso móvese entre o humor e o drama, ambos moi intensos nalgunhas escenas, buscando facer unha panorámica dos últimos anos da historia do país. A cantidade de produtos e elementos que vemos no escenario é unha mostra de que o único que queda desa época son pequenos fragmentos dunha vida que, sen embargo ninguén recorda con claridade. De feito, a filla do matrimonio é a única que pretende crear os recordos prescindindo do material. Moitas fotos non están no seu álbum pero en cambio, hai unha pequena glosa que afonda no máis profundo da instantánea inmaterial, no puramente sentimental, que é o que realmente permanece.

O traballo do elenco é sensacional. Miguel de Lira como Antonio Formoso achega o humor á galega, a ironía e os recorrentes xogos lingüísticos que enriquecen un discurso desenfadado. Patricia de Lorenzo achega a perspectiva maternal vendo o traballo da súa filla coma un pasatempo infantil e aportando a comicidade a obra como unha galega que non é capaz de falar máis de tres palabras no seu idioma e ten que asistir continuamente o castelán. Ambos forman un dúo que como matrimonio non funcionou pero que teñen en común o moito que perderon polo camiño. O personaxe de Alexandra interpretado por Cristina Iglesias é o que máis me gustou. Representa o idealismo da mocidade, a loita por ver máis aló do materialismo e a busca dunha realidade agochada máis aló do que as instantáneas mostran. Ela é a dose de esperanza que une a súa familia e que pretende conservar os recordos e crear outros novos. Mención especial merece tamén o traballo de Fidel Vázquez pero por riba de todo o de Luís Martínez que con pequenas intervencións enchen á escena de tenrura.

Respecto a trama desta "película", todo orixínase por unha foto da que Alexandra non pode máis que intuír, e idealizar, como foi o momento no que o seu avó a tirou. Estará moi equivocada nas razóns polas que pensa que se produzo esa instantánea, pero que igualmente é responsable deste presente. A imaxe dunha xeración que pode que tivese todo para ser feliz pero que non aproveitou as súas oportunidades. Dando tombos polo mundo, tentando que a mesma vida fose o seu Virxilio particular. O final dunha vida no que os poucos recordos felices están fora do materialismo e que por moito que se encheran os estantes con fetiches materiais, ó final da vida realmente todo é un baleiro.

Eroski Paraíso é unha obra cun marcado ton cómico pero cun mensaxe tan profundo e tan directo que asusta. O estado de benestar crea unha necesidade do material para tapar os buracos das malas decisións. O fetichismo convértese en forma de vida e o desarraigo en protagonista principal. Pero non debemos esquecer que os lazos sentimentais e as emocións son as que fan únicas ás situacións. A memorias, os recordos e a noción de pertenza a algo. Eses son os compoñentes do verdadeiro paraíso. O resto tan só cinzas que non amosan o paso pola vida e, quen sabe, tal vez sexan orixe dun novo hipermercado para máis vidas baleiras.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page