top of page

Recensión : Eduardo Blanco Amor, Os biosbardos


Título: Os biosbardos

Autor: Eduardo Blanco Amor

Editorial: Galaxia

ISBN: 9788482889146

Nº de páxinas: 92 páxs

 



Sinopse:


Os biosbardos é un conxunto de "contos para a xente", postos todos en boca de sete rapaces de diferentes idades que van contando experiencias persoais do intenso e ás veces dramático mundo infantil. Estes relatos pertencen, sen dúbida, ao núcleo das mellores páxinas que nos deixou este mestre da moderna narrativa galega. Son, quizais, as máis sinceras e menos académicas de cantas escribiu. Nelas brillan con luz propia as mellores virtudes do seu autor, sen interferencias de ningún tipo. El mesmo o recoñecía así.

 

Tranquilos, non vou descubrir hoxe unha obra da que ninguén falase antes. Hai moitísimas lecturas e moito estudado sobre estes contos, a miña non será unha innovación, pero considero que tiña que manifestar as miñas opinións sobre esta obra que tanto me gustou. Unha obra que non é so un documento literario, senón que ten moito de histórico e de cultural. Uns contos que non foron concibidos como unha obra magna, pero dunha riqueza salientable.

Non hai cousa que máis caracterice á literatura en lingua galega que o amor que sempre manifestaron os seus autores polo relato. A tradición do relato provén dese gusto dos galegos pola tradición oral, que cultivouse de forma colectiva e sempre ó servizo do entretemento da poboación ou da busca de explicacións os fenómenos máis curiosos. Galicia é terra de lendas, de meigas pero sobre todo de contos "á lus do Candil" como diría Fole. O que queda claro é que Os Biosbardos de Eduardo Blanco Amor non se pode comprender sen toda esa tradición, pero a tradición tampouco poderá comprenderse sen estes magníficos relatos do autor.

A narración recórdame a esa tradición oral que antes comentaba. As fórmulas discursivas e a narración en primeira persoa permiten ó lector somerxerse nas historias cun narrador que cede unha cadeira ó seu carón. O discurso non ten nada de innovador, son "contos para a xente" ,como dicía o propio Blanco Amor, pero é sorprendente a beleza expresiva que neles podemos atopar grazas a intensa adxectivación, moi no eido do sensorial, e a melodía interna dos propios textos.

A min dábame moita tristura o asubío do tren. Cando era no bo tempo duraba pouco, pasaba rachando o ar como un paxaro. Pero no tempo das chuvias perdurables, ía e viña por sobre de nós, arredor de nós, estarricándose, subindo e baixando por enriba dos nubeiros, mergullado nos profundos da terra, rolando polas canles do sangue noso. Era un laido rondo, axordado, ouveado, que metía a pena no corazón. Alonxábase, facíase mol, e o tren arrástrabao após de si como un pano longo, como un fume vagantío, até desaparecer. Entón o silencio debruzábase outravolta encol da cibdade e tornaba a ouvirse máis rexo e seguido o escachar da chuvia nos teitos, e o vomitar dos canos nas lousas das rúas. Con todo, o asubío do tren era como unha escampadela, e cando se deixaba de ouvir semellaba que chovía máis arreo, con raiba aínda maior. (páx. 64)

Todos estes contos teñen en común situacións cotiás na Galicia da época. Unha Galicia esencialmente rural, na que a alfabetización non era o máis habitual e moitas veces a fame e a miseria era protagonista. Pero non é iso o que máis importa no texto. Os rapaces son os protagonistas e as súas lideiras, falcatruadas e troulas son as protagonistas da meirande parte dos textos. Moitas delas son similares a moitas das que os nosos avós e bisavós poden relatar, cunhas verbas case idénticas. De feito ese é un dos máis grandes acertos destes relatar, narrar dende unha perspectiva realista e, aínda por riba, infantil.

Aquilo era vida, e non o andar apegados ás saias das nais esmorecidos e cansos sen ter feito nada. Eles, pola contra, tiñan decote os ollos faiscantes, falando a berros, chamándose polos alcumes, seus ou da familia, botándose a correr sen vir a conto, ollando sempre derredor como se os perseguisen, buscando sen dárense folgos novas toladas para rir, nunca coas mans quedas, con elas sempre bulindo no ar, que soamente as metían nos petos cando había que parar a coller unha determinación... (páx. 32)

A emigración, o salvamento, o caciquismo, a educación, o catolicismo, a (a)moralidade, a fame e a infancia son os eixos principais destes relatos que constitúen un fito na historia da literatura galega por unha cuestión tan sinxela como dificilmente realizable: escribir "contos para a xente" dende a propia xente.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page