top of page

Recensión: María Canosa, Cando cae a luz


Título: Cando cae a luz

Autora: María Canosa

Editorial: Urco Editora

Ilustración: José María Picón

Edición e Revisión: Tomas G. Ahola

ISBN: 9788415699972

Nº de páxinas: 121 páxs

 



Sinopse:

«Moitas veces ouvín dicir que os lobos non atacan as persoas. E isto non é certo», así dicía Ánxel Fole. Claro que, arredor dunha lareira, coas tebras da noite caendo sobre as costas, as lapas bailando na negrura e debuxando monstros na cara, as palabras dos relatos podían vestir de negro os pensamentos máis agochados. Naquela escena resultaba máis críbel e aterrador.

Noites de inverno nas que as palabras, o caldo e o viño quecían máis que o propio lume. Traballar pola fresca da mañá e xuntarse para falar ao cabo do día eran os fitos que marcaban o calendario. Falar. Comunicar. Transmitir. Compartir.

Os radiadores, a calefacción, quentaron os corpos e arrefriaron os corazóns.

Claro que os lobos seguen a existir. Non son tan doados de ver. Ocúltanse no monte e baixan silandeiros, en forma de sombras, ruídos, bicos traizoeiros, treboadas, badaladas…

 

Poderíamos definir a escuridade como a falta de luz ou a non luminosidade. Tal vez moitos darían por válida esa definición, tan simple e inexpresiva, e quedarían moi contentos. O problema é cando nos enfrontamos a esa realidade. Na antonimia non podemos atopar os arrepíos, a confusión de formas e o nerviosismo que provoca a falta de luz. Para os descontentos, coma min, coa tendencia en ocultar do léxico o contido moito máis profundo, María Canosa achéganos a través de distintas historias, á faceta máis escura da propia escuridade.

Esta obra presenta relatos de dúas vertentes. Uns primeiros relatos máis preto do cinematográfico, cun estilo moito máis sinxelo e directo que serían os nove primeiros (dende Rañaceos de celulosa ata Asasino a soldo). Os feitos semellan calcos fotográficos da realidade, nos que apreciase moita teima na visualización das secuencias de movementos dos personaxes, todos eles aderezados cunha tensión latente que remata liberándose cun golpe final directo e potente. Os catro últimos teñen unha literariedade máis patente e son moito máis técnicos (dende Torreón ata Badalada). De feito, son moitísimo máis experimentais e achéganse moito máis o plano sensorial e, aínda que perden esa insoportable tensión, gañan moitísimo na expresión. Impresións máis minuciosas á marxe, o colectivo resposta a unha intención de crear uns relatos nos que o macabro, a violencia sen aparentes culpables, e os encontros directos co mal que agocha a escuridade, son os grandes temas.

Hai que sinalar que os primeiros contos non teñen grandes alardes de estilo, que contrapoñen cunha lograda tensión narrativa, pero os últimos si que teñen un traballo no ornato moito máis visible. Pese a estas notables diferencias, o certo é que en ningún momento hai unha perda dun estilo propio. A ambientación lógrase con eficiencia en todas as historias e é preciso destacar o uso de períodos sintácticos curtos que xogan coa inminencia das traxedias, e que desequilibran ó lector.

Cando cae a luz de María Canosa é unha breve, pero intensa, colección de varios relatos no que se nos achega o compoñente máis aterrador da vida. A perda de luminosidade lévanos a un plano onde a seguridade e o confort non existen e onde a ledicia pérdese, comesta polas sombras. Onde hai escuridade da que non está presente nos dicionarios.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page