top of page

Recensión : Diego Giráldez, Galería de Saldos


Título: Galería de Saldos

Autor: Diego Giráldez

Ilustracións: Iago Sánchez Losada

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491210535

Nº de páxinas: 168 páxs

 

Sinopse:

En cada un dos relatos de Galería de saldos mestúranse as vidas de personaxes cotiáns, protagonistas de calquera crónica de actualidade, con obras de arte orixinais ou reproducións baratas. Un mondrian nun edredón, un maruja mallo nunha bolsa de pan. A arte, igual que as traxectorias dos que fracasan, tamén pode quedar fóra de contexto. É doado identificarse con calquera dos personaxes do libro porque están aí, na sección de sucesos dun xornal, sentados no bar de sempre. Son superviventes dunha crise que os obriga a crer que teñen mala sorte. Caen enfermos. Padecen desamor, violencia e frustracións. Galería de saldos é unha homenaxe aos antiheroes en bata de casa. Escrito con importantes doses de ironía e a franqueza máis cruenta, neste libro non hai oco para a fantasía, unicamente para unha realidade que doe. As vidas dos personaxes son coma pezas da mostra dunha galería en rebaixas tan só visitada pola persoa encargada da limpeza.

 

Hoxe imos facer algo diferente, un experimento. En vez de que o lector, eu poñamos por exemplo, poida dicir algo da publicación, imos deixar que o autor sexa quen a priori diga algo da súa obra. Non nunha entrevista, aí hai que ser máis correcto, senón na tranquilidade dunha conversa. Así non hai queixas do tipo "alguén fai unha mala crítica dun libro e o autor non pode defenderse". Coméntovos a expresión coa que Diego Giráldez, que seguro non lle importará, faloume por vez primeira da súa publicación. Cito textualmente: "É un libro un tanto gamberro"

Si, líchedes ben, non vaiades de novo a lelo e seguídeme nas vindeiras liñas. Como comprenderedes, non sabía que agardar dunha publicación venerada polos críticos e que o seu propio autor definiume cunha palabra tan de xerga xuvenil como é "gamberra". Tíveno que ler, movido pola casualidade. Durante un mes adiqueille un pouco do meu tempo. As veces un capítulo, outras veces apenas unhas poucas páxinas, outros días uns parágrafos. O tema é que fai unhas semanas o rematei e creo que agora, libre das influencias finais e cunha visión de conxunto, xa ten que ten esta publicación de "gamberra".

Galería de Saldos non é só e unha viaxe literaria e pictórica, senón que é unha sobredose de realidade. Un libro que inclúe todo e todo está nel. A variedade temática e tan ampla coma as propias referencias culturais, de masas ou "alta cultura", formando unha miscelánea tan novidosa neste xénero como "gamberra". O lector camiña por unha visión do mundo realista, sen aderezos de ningún tipo, onde a realidade manca e doe, e non so superficialmente.

O estilo que se amosa nestes contos é o máis marabilloso da publicación. A narrativa de Diego Giráldez é un compendio de vocábulos que responden ás normas dunha cultura remix. É capaz de pasar dun imaxe fermosa a unha relación de conceptos totalmente banal. E si, tamén pode mesturalas nunha mesa frase. Este home non ten escrúpulos. Este xeito de narrar é a súa maior "gamberrada". Pese a todo, a beleza que desprende o conxunto de "alardes" dos textos achéganse a unha musicalidade notable. Non o cualificaría de prosa poética, pero é indubidable que o propio texto ten "o seu aquel".

Persoalmente quero destacar o relato "Neoplasticismo". Na miña modesta opinión, o relato máis logrado da obra, non só pola súa beleza estética, senón polo completo descontrol que hai entre esta e o tema a tratar. De feito, se Virgilio erguese a cabeza, tería o autor estudando retórica e a súa rota virgilii ata o día do xuízo final. No século XXI, aburridos de sempre o mesmo, agradecémolo con aplausos. Outra "gamberrada" que lle perdoamos.

En conclusión, debo sinalar que Galería de Saldos é un libro cun compoñente enorme de sátira, humor e realidade. Unha alfaia para a literatura actual e que debemos de ler minuciosamente para gozar dela como debemos. Visto o visto, a tan citada palabra define moi ben o escritor e a súa obra. De todos modos vou sinalar toda a frase no seu contexto, por iso de non censurar. "É un libro un tanto gamberro, agardo que che guste". Si, Diego, esta gamberrada mola moito.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page