top of page

Recensión : Anxo Fariña, 4_Xinetes



Título: 4_Xinetes

Autor: Anxo Fariña

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491211778

Nº de páxinas: 384 páxs

 

Sinopse:

Quizais nunca o pensases. Quizais nunca considerases que algo así podería chegar a acontecer. Así que inténtao. Intenta imaxinar por un momento o que habías sentir se un día descobres que vas ser o causante da morte de sete mil millóns de persoas. Imaxina que es un Xinete da Apocalipse.

 

Nas grandes historias de aventuras os protagonistas sempre son os encargados de salvar o mundo. ¿Que pasaría se neste caso son os causantes da súa destrución?. Baixo esta interesante premisa, Anxo Fariña escribe e publica 4_Xinetes, unha novela que expón a idea do Apocalipse, con manifestas diferenzas coa idea clásica, pero co mesmo recendo a fatalismo.

Nesta historia os protagonistas representarían os mesmos papeis que os catro cabaleiros da primeira parte do capítulo sexto da Apocalipse, é dicir : Morte, Vitoria, Fame e Guerra. Eles mesmos descoñecen a súa "condición" pero hai unha atracción entre eles tan enorme que lévaos a interactuar e a reunirse en torno un acontecemento de gran importancia na historia da humanidade. Ese dualismo dos personaxes ou a dicotomía ben/mal impresa no seu xenoma é interesante para a súa evolución, pero noutros personaxes tamén está presente:

"Para que querería alguén levar dous reloxos?. Non obstante, en canto comezou a pensar no concepto, non lle pareceu tan desatinado e viu reflectida a súa situación: dous reloxos marcaban dous tempos diferentes, marcaban dúas vidas. Unha visible para todos (pulso esquerdo), a convencional, a do home de negocios co seu maletín e o seu horario regular, a que se supón que debes levar, a da súa esposa. E a outra (pulso dereito), negra, de ocupación misteriosa e secreta, escura, inquietante, a da bela Mizuki." (pág. 76)

Persoalmente penso que isto é un pouco o símbolo da era contemporánea escenificado na presencia das redes sociais. Os personaxes teñen un perfil en redes sociais no que interpretan unha vida que non é exactamente a súa. Este aspecto acaban trasladándoo a súa personalidade e remata coa formación de seres excesivamente plurais que non son capaces de comprender o seu entorno nin actuar segundo unha moral propia. Outro aspecto a destacar e o gran acerto co que se inclúen diversos conflitos ideolóxicos ou ideas nas que ten que reflexionar a sociedade actual. Moitos se introducen dunha maneira intencionada e sen trabas e outros de maneira case imperceptible.

"Unha camareira de orixe asiática serviulle un capuchino un sorriso encantador. Na bebida, xogando coa escuma e a escura cor do café, debuxara unha especie de corazón. Co terrón de azucre nunha man, dubidou uns instantes antes de estragar a pequena obra de arte, pero á fin verteuno na cunca. Aínda así, fíxoo amodo, coma se aquel corazón tivese un significado especial. Ese café fora creado para ser bebido, pero bebelo implicaba que aquel debuxo desaparecería para sempre. Unha curiosa contradición" (pág. 163)

Dos personaxes principais non hai moito máis que sinalar. Todos eles teñen vidas paralelas (aínda que nas primeiras páxinas non sabes moi ben que pinta cada un) e converxen nun punto. Penso que en Noa e Adán si que hai unha evolución manifesta pero que en Mizuki e Red non existe. Os dous primeiros dan sensación de non ser parte de nada e rematan tendo que actuar e aceptar a súa realidade. Mizuki e Red xa eran algo dentro do mundo social e a súa ideoloxía non cambia ó coñecer o seu papel no xogo. Os personaxes cumplen a función de propoñer puntos de vista diferentes na historia e son moi interesantes por separado, pero xa arrancan nela nun proceso de caracterización moi adiantado. Tamén, non esquezo sinalar que as tramas amorosas non teñen moita lóxica pero enriquecen un pouco ós involucrados.

Respecto ó universo que presenta Anxo Fariña, todo está baseado na tecnoloxía e nas redes sociais. A idea de mundo interconectado mediante as redes e de supremacía do tecnolóxico non ten moito de diferente co actual senón que seguen vixentes as mesmas ideas e a mesma sociedade clasista. A información, as liberdades e os comportamentos son sempre mediados polo estado e as clases dominantes en xeral. Sen embargo, as redes sociais alcanzan un poder aínda maior que o actual xa que se consideran espazo de liberdade.

"- De todos os xeitos- continuou o rapaz, creo que Mysoul é algo xenial. Grazas á rede podemos ser máis libres, dicir o que queiramos, sen límites, sen restricións. Se fose polas outras canles de información, non nos decatariamos do que pasa realmente no mundo. Ademais, en Mysoul todos somos unha comunidade, non hai fronteras, non son necesarios pasaportes nin bandeiras." (páx. 176)

De feito, o autor presenta poucas variacións nos discursos políticos e sociais da humanidade e incluso utiliza algúns xa preestablecidos no ideario cultural e reformados mediante os intereses da nova sociedade. As relacións sociais cambian, incluso o concepto de amizade, a fraternidade volvese máis global e por iso a palabra é un arma política moito máis poderosa.

"Coñecedes a historia do nacemento de Mysoul, coñecedes a miña historia. Cando era pequeno tiven un soño, o soño dun mundo unido, que non estivese separado polos idiomas ou por absurdas fronteiras. No meu soño, as persoas podían comunicarse unhas con outras a grandes distancias, sen que ninguén o impedise. No meu soño, as persoas podían compartir opinións, fotos, vídeos, sen ningún tipo de restricións; no meu soño todas as persoas eramos amigas." (páx. 186-187)

Respecto a parte máis física e visible do mundo, N-Babilon non deixa de ser unha cidade futurista e chea dos elementos máis habitual para describila (grandes edificios, tecnoloxía abundante...) sen dexeneracións próximas a estética cyberpunk. A idea de perfección revélase nunha arquitectura pulcra, que elimina os elementos máis orgánicos (non aparece natureza en toda a novela) en substitución de materiais de construción sintéticos e alleos a natureza, que ensamblan perfectamente entre eles. As luces, os edificios ostentosos e unha economía baseada en conquistar a través dos ollos, son as claves da nova cidade moderna.

"Calquera descrición que puidese ler ou ver non tiña comparación coa realidade. Cristal, aceiro e polímeros de nova xeración uníanse para crear un silencioso ecolóxico sistema de transportes. Ao ser unha illa artificial, a cidade-Estado xa previra a rede subterránea con anterioridade, polo que era practicamente perfecta. As formas orgánicas dos túneles recordaban vagamente o interior dunha bucina mariña, e as estruturas e armazóns de vigas, o esqueleto dunha balea." (páx. 199)

"As mellores tendas e boutiques da cidade estaban alí e podíase mercar calquera cousa que un puidese imaxinar. Se algo non estaba en N-Bábilon, quería dicir que non existía. O mero feito de ver os escaparates ou os propios establecementos xa era un privilexio que non se podía ter en ningunha outra parte do planeta." (páx. 206)

Falando da novela en canto estrutura podemos sinalar que se lle da moita importancia as frases e parágrafos curtos permitindo diversos niveis de lectura para os diferentes lectores que se acheguen a novela. O autor gusta moito do que eu chamaría "frases dinamita" xa que prenden a mecha no comezo, enchendo o interese do lector, e rematan cun golpe de efecto que deixa a quen le con ganas de máis.

En resumo, 4_Xinetes de Anxo Fariña é unha historia ben ensamblada e moi entretida. Cun ritmo áxil e o tratamento interesante dalgunhas cuestións, conquista ó lector mediante unha boa idea e unha boa execución.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page