Recensión : Ramón Nicolás, O espello do mundo
Título : O espello do mundo
Autor : Ramón Nicolás
Editorial : Xerais
ISBN: 9788491210511
Nº de páxinas: 192 páxs
Sinopse :
Martiño recibe o encargo de desentrañar os contidos duns documentos de moita antigüidade que teñen que ver co devir histórico dun convento de monxas denominadas «onas». Neles emerxe Ona Guiomar, a abadesa de San Pedro de Ramirás, que mantén unha enigmática correspondencia co estranxeiro. O espello do mundo, primeira novela de Ramón Nicolás, presenta un feitío de novela histórica, incorporando textos de orixe documental, que por veces son pura fabulación e outras non, ao servizo do deseño dunha época esvaecida na historia de Galicia que cobra, agora, unha nova perspectiva. A conexión coa trama histórica, enraizada no cenobio feminino de San Pedro de Ramirás (Ourense), vincúlase, ideolóxica e espiritualmente, con determinadas correntes relixiosas da Alemaña da época e particularmente coa figura de Hildegarda von Bingen. A esta realidade asómase Martiño, quen deberá afondar na revelación dos segredos que se atesouran nunha relación epistolar inédita con contidos altamente reveladores.
Tras moitos anos traballando na sombra no noso sistema literario galego, Ramón Nicolás toma a decisión de traspasar esa zona de relativo “confort” e gañarse un oco entre os moitos autores que cativárono coas súas historias. Lonxe de ser todo un atrevemento, co posible castigo cunha novela mediocre e inexperta, a voz narradora de Ramón Nicolás ten unha forza sorprendente.
O espello do mundo é unha novela moi traballada, cun léxico coidado e unha estruturación correcta. Nicolás ofrécenos, polo tanto, un produto literario a medida do seu labor crítico : un traballo de profunda erudición e un valor literario indiscutible. Sen dúbida, un comezo dunha etapa moi interesante na literatura galega para Ramón Nicolás.
Martiño representa un personaxe pouco conformista e cun afán de sabedoría inmenso. Recibe o encargo de investigar en profundidade uns manuscritos sen obter ningún beneficio. Sorprendentemente, nestes tempos que corren, Martiño da mostras dunha vontade case erudita desentrañando os misterios da historia de Galicia ó servizo do coñecemento. Con probabilidade, este personaxe homenaxea a todas esas voces anónimas que sen ánimo de lucro, crean unha historia de Galicia para os galegos.
As interesantes páxinas sobre botánica e remendos, que aporta a totalidade da relación epistolar entre Ona Guiomar e Hidelgarda, alimentan aínda máis o valor das comunicacións entre dous mundos menos afastados do que se pensa. Unha época de profundo valor científico e na que Nicolás non esquece a muller. O autor chama a reflexión da importancia dunha figura feminina que levou voz e bandeira no panorama científico do momento.
Persoalmente, definiríaa como unha novela “de gran lector”. Dende a humildade e o afán crítico, Nicolás recolle elementos das súas lecturas e déixase enfeitizar por eles de tal maneira que resultan ata inconscientes. É por iso, unha obra de converxencia, un galardón a unha carreira crítica chea de recoñecemento e de goce coas palabras. Un chamamento os lectores para recordar que os críticos tamén fan boa literatura.
Nicolás premia o público cunha novela apta para calquera tipo de lector, que poderá recoñecer, nesta novela, unha historia de historias. Un confluír de xéneros que se adapta as necesidades de todo individuo.
Sen dúbida, somos o que lemos.