Recensión : Xavier Queipo, Os Kowa
Título : Os Kowa
Autor : Xavier Queipo
Editorial : Galaxia
ISBN: 9788498656817
Nº de páxinas: 248 páxs
Sinopse :
Velaquí unha novela de aventruas que comeza en Europa (Bruxelas, Compostea, Copenhague) para continuar co pano de fondo da selva amazónica. Partindo dunha casualidade, a descubierta nun catálogo de bolboretas tropicais dun espécime de Callitaera aurora, Xavier Queipo escribe un texto de celebración da aventura, da busca da identidade, dese lugar privativo que é o noso lugar no mundo. O narrador é un científico naturalista que, logo de iniciar unha viaxe equinoccial, se atopa perdido no medio do mato, nunha selva inzada de perigos mais tamén de descubertas existenciais. Conforme avanza o relato, as reflexións íntimas do protagonista van deixando un pouso entrópico que nos devolve ao paraíso perdido, á selva enigamática, ao labirinto sen fío de Ariadna salvador. Nesta novela, coa que obtivo o Premio Blanco Amor en 2015, Xavier Queipo consegue un alento narrativo intenso e, ás veces, desacougante no que se apalpa a soidade e a tensión dun home enfrontado ao seu destino.
Nesta novela gañadora do Premio Blanco Amor 2015, Queipo preséntanos unha historia de aventuras, na que a acción principal reside na busca, aceptación e comprensión dun mesmo. Para iso preséntanos a un personaxe protagonista que busca desesperadamente un auto-recoñecemento, un recuperar o seu propio “eu” para estabilizar a súa vida. A necesidade de investigar un tipo de bolboreta descoñecido para os biólogos é o motivo polo que comeza a súa viaxe, unha forma de volver o panorama científico pola porta grande. Recórdame, por outra banda, a un emigrante que busca gañar fóra o suficiente diñeiro para voltar e manter ós seus. Neste proceso, realiza unha viaxe cara a selva amazónica como membro dunha pequena expedición científica. A selva será o lugar onde a trama intensifíquese e onde observaremos pouco a pouco a súa transformación nunha viaxe cara o descoñecido.
O tratamento do espazo é un aspecto salientable. A través dunha ollada emigrante, tanto narrador como protagonista introdúcense nos perigos do descoñecido e protéxense dos seus medos co intelecto como único utensilio. Presenta unha natureza viva e non domesticada polo home, unha natureza salvaxe que resulta tanxible para o lector pola calidade das descricións. O traballo de documentación é innegable tanto no apartado técnico-biolóxico como no espazo xeográfico.
Respecto os personaxes, a importancia reside en os Kowa, o grupo indíxena que da nome a novela, que son unha tribo cunhas regras e rituais moi peculiares. Os Kowa son un reflexo dunha sociedade que pretende ser libre e que non ten ansias de rebelarse, o único que buscan e gozar da natureza e do que a vida lles outorga. Unha tribo pacífica que é posuidora dun lugar no espazo e que non precisa de arrebatarllo a outras. Os costumes e aceptación do descoñecido destes personaxes sorprenderán o noso protagonista, pero tamén serán o empurrón necesario cara unha catarse final.
O estilo desta novela é o exemplo do traballo ben feito. Mediante o uso dunha gran variedade e riqueza léxica e dunhas descricións profundas e traballadas, o lector pode acceder a historia con gran facilidade. Existe unha gran cantidade de digresións e reflexións que veñen sempre apoiadas con moitas referencias cultas que enriquecen a novela e con algunhas notas o pé. É unha novela cun ritmo moi lento o principio, pero que pretende con iso a introdución nos pensamentos do personaxe protagonista cara unha representación perfecta dunha psicoloxía quebrada polos desenganos e problemas da súa vida. O ritmo, polo tanto, avanza lentamente buscando un sentimento de angustia progresivo no lector.
Con todo isto, Queipo crea un relato de aventuras tanto reais como intelixibles, onde lévanos a reflexións tan profundas como o auto-recoñecemento ou a busca da liberdade.