top of page

Recensión : Antonio M. Fraga, Querido H.P Lovecraft


Título : Querido HP Lovecraft

Autor : Antonio M. Fraga

Editorial : Urco Editora

ISBN : 9788415699835

Nº de páxinas: 151 páxs

 

Sinopse :

Querido H.P. Lovecraft:

Cando lea estas liñas eu non estarei xa no mundo dos vivos…

Con estas palabras comeza a carta que Robert E. Howard lle envía ao seu amigo e mentor. Nun delirante escrito, o fantasista texano narra o seu progresivo descenso cara ao inferno da loucura e a desesperación, iniciado coa visita a unha antiga tumba india no interior dunha cova.

A partir dese fatídico día, Howard comeza a sentirse acosado polas sombras, propias e alleas, nunha desacougante mestura de soño e realidade. A escrita, os amigos, a relación coa súa moza, a saúde da nai… cada aresta da súa vida semella afectada polo miasma malsán no que devagar se vai mergullando.

Sen saída, totalmente acurralado polo celme dos seus medos, Howard debe procurar unha solución, unha fuxida, un sacrificio.

 

Con Querido H.P. Lovecraft , Antonio Manuel Fraga ven de gañar a primeira edición do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, convocado pola Fundación Vicente Risco e Urco Editora, entre outras entidades, para a divulgación do xénero fantástico. Esta novela ten como xerme o gusto do autor polo círculo de Lovecraft e un gran uso do xénero epistolar, que da como resultado unha primeira novela para adultos do autor cunha calidade importante.

Robert E. Howard será o protagonista desta historia. Este personaxe principal comeza esta carta como unha explicación ó seu mestre, paso a paso, do seu descenso ó averno buscando atopar unha solución ós seus problemas. É un personaxe débil e complexo, que vive nunha agonía constante pois non é capaz de diferenciar entre soños e realidade. Todo o que lle importa cae pouco a pouco e el non pode facer nada. Non por iso é conformista, loita contra as limitacións con todo o que pode.

O estilo narrativo responde ó habitual na epístola, pero cunha profundidade e descrición de ambientes que, moitas veces, un esquece que o que le, só é unha carta. Unha epístola profunda e chea de detalle que expresa perfectamente todos os aspectos e pormenores da traxedia que persegue ó protagonista. Howard é o narrador e protagonista da historia polo que outorga o seu punto de vista en todo tipo de accións. Tamén reproduce diferentes misivas con outros personaxes, así como diálogos que alimentan e dan veracidade ós feitos.

Como conclusión, temos que destacar esta novela como unha corrente de aire fresco no xénero fantástico en galego. Antonio M. Fraga destápase como unha gran promesa cunha historia que, dende o respeto ás grandes figuras da literatura fantástica, presenta uns personaxes e descricións marabillosas. Unha gran idea de Urco, entre outros, a de crear un premio que aportará novelas tan fantásticas coma esta nos próximos anos.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page