Recensión : Xesús Constela, A rotura das paisaxes
Título: A rotura das paisaxes
Autor: Xesús Constela
Editorial: Xerais
ISBN: 9788499149899
Nº de páxinas: 304 páxs
Sinopse :
Dous homes de avanzada idade camiñan por unha praia enleados en distintas conversas mentres, para o seu abraio e incomodidade, atenden, sen pretendelo, a unha serie de acontecementos que escapan da súa comprensión e van alterando o seu estado de ánimo. Esa circunstancia obrígaos a reflexionar sobre a súa situación na praia, sen liberarse da dúbida de que se atope alguén máis canda eles a quen non dan visto.Cunha linguaxe multifocal, que ás veces roza o surrealismo, mesturando realidade e ficción de xeito continuo e partindo dunha cita do pintor Toulouse-Lautrec (que di que o esencial é a figura mentres que a paisaxe é un mero accesorio), Xesús Constela achéganos un libro no que xoga con diversas técnicas literarias que van desde o máis espido dos diálogos, ata unha sorte de poesía de carácter narrativo, pasando pola linguaxe cinematográfica ou a prosa poética, entre outras.Con moitas e moi diferentes voces narradoras relatando ao mesmo tempo, A rotura das paisaxes configúrase como un libro que admite diversas ordes de lectura e, xa que logo, pode ser interpretado como unha novela para quen queira ver nel unha novela, ou unha colección de relatos para quen prefira ver nel unha colección de relatos.
A literatura é o mundo da experimentación e o enxeño creador. Con probabilidade, o único lugar onde a liberdade non é negociable. Hai días nos que a literatura ten ganas de ser máis complexa, nos que busca a súa propia esencia e dialoga con ela mesma. Lonxe de ser isto o comezo da escuridade no arte, é unha complexidade alegre e inspiradora. A literatura gusta de estrañarse a si mesma. Con todo, moitos autores tenden a botar a man a literatura nestes momentos e crear traballos brillantes. A rotura das paisaxes de Xesús Constela, é un deses traballos.
O autor crea unha novela tan complexa como fermosa. Un collage literario no que a experimentación responde tanto ó ficcional como ó real. Cunha indiscutible calidade enlaza elementos de distintos xéneros que manteñen unha conversa coa propia literatura. É que, A rotura das paisaxes non é unha novela corrente. É un rachar, unha "rotura", con todo o que se considera prototípico na literatura. Xesús Constela crea unha obra difícil de clasificar, unha proposta narrativa tan orixinal como experimental. A poesía, a narrativa e mesmo o teatro teñen cabida neste homenaxe a literatura.
Para crear esta atmosfera tan completa, válese da introdución de uns personaxes que deberiamos considerar monicreques do "teatro do mundo". O narrador ten un carácter demiúrxico e dirixe os personaxes cara os lugares que desexa e mesmo outórgalles características e saberes que logo elimina. Os personaxes chegan a cuestionarse mesmo o seu papel na praia que recorren durante toda a novela. Ignoran a súa natureza pero teñen a convicción de que todo o que pasa ten que ter unha explicación racional.
Precisamente, esa non racionalidade é un dos atractivos da novela. As interaccións entre os personaxes semellan teatrais coa introdución de acotacións e recursos do drama, e as súas reaccións ante o que lles acontece carecen de lóxica. Todo semella unha orquestra dirixida polo autor no que ningún instrumento ten autonomía. Ata o propio clima dese día na praia responde a intención de que os personaxes camiñen ou resgárdense da choiva para facerse cos documentos. A lectura semella, por tanto, unha solución sinxela ante a extraña situación que estes personaxes viven. A tranquilidade ante o descoñecido.
A introdución de textos e poemas que o autor xa publicara en outros medios, responde a intención de colocar anacos da súa propia obra nun proxecto aínda maior. Esta publicación é tamén unha recompilación de pezas literarias que buscan ser reflexo dunha existencia. Xesús Constela recórdanos, a través da famosa cita de Tolouse-Lautrec, que a figura é o máis importante e a paisaxe un mero accesorio. Por iso, introduce unha serie de textos nos que a realidade, a crueldade e mesmo o humor enchen de vida ás páxinas.
Cunha fusión mestra de elementos e unha imaxinación delirante, o autor produce unha obra que pode ser interpretada de moitas formas. Unha obra na que mostra admiración a Rayuela de Cortázar e mesmo a calquer outro libro. Unha obra tan fermosa como fragmentaria.