Segundo Anfiteatro : Teatro de Ningures, Unhas poucas picadelas. FETEGA 2016
UNHAS POUCAS PICADELAS
De Laila Ripoll
REPARTO
ELA: SONIA RÚA EL: LOIS SOAXE VOZ: PEPA BARREIRO
TÉCNICOS: HECTOR PAZOS ESCENOGRAFÍA: PABLO GIRÁLDEZ “ O PASTOR” VESTIARIO : JULIA ABAL
ILUMINACIÓN : SALVADOR DEL RÍO MÚSICA: ANXO GRAÑA DESEÑO GRÁFICO: DIEGO SEIXO TRADUCIÓN: XOSÉ MANUEL PAZOS AXDTE. DIRECCION: PEPA BARREIRO DIRECCIÓN: ETELVINO VÁZQUEZ
Sinopse :
Unhas Poucas Picadelas afonda no terreo da violencia de xénero e, de maneira moi concreta, na violencia que exercen os homes sobre as mulleres. Non hai unha historia concreta, convidándonos a dar cabida a miles de historias reais e anónimas, todas as historias de violencia machista que acaban en asasinato e todas as que, sen morte física, acaban aniquilando vidas.
O detonante da peza é un recorte dun xornal que narra a nova do que foi un asasinato dunha muller por parte da súa parella. Isto deu lugar ao cadro homónimo de Frida Khalo, no que se ve unha muller tendida sobre unha cama co corpo perforado polo coitelo dun home que mira para ela. Destila o título a idea de que “non foi para tanto”, vaia, que non foron máis ca unhas poucas picadelas. A partir dese elemento, a autora propón unha reflexión directa e intelixente sobre a cuestión, metendo o dedo na chaga de moitos dos tópicos que, por desgraza, seguen a amparar este tipo de comportamentos violentos.
A violencia de xénero segue a ser unha triste realidade na sociedade. Non hai peor cancro para a sociedade que a propia acción denigrante e fatal do terrorismo. Utilizo este termo no seu sentido máis primario, o feito do terror. A violencia sexual, verbal, o acoso ou o abuso son portada nos medios día a día, lonxe de ser un comportamento propio dun individuo desprezable, moitas veces é xustificado por este. Calquera signo de maltrato é xustificado da forma máis ruín e insostible que exista. Laia Ripoll reflexiona con este texto sobre o orixe da violencia, o desenvolvemento e a miserable fin.
Teatro de Ningures foi o encargado de dar vida este texto. A compañía canguesa presenta o texto de Laia Ripoll mediante un espectáculo de gran beleza. Un traballo moi textual e que transmite unha gran cantidade de sentimentos ó público. A violencia no seu plano máis verbal crea unha ferida profunda na figura feminina que desgarra ó espectador.
A escenografía outorga aspecto de limpeza, orde e estabilidade. Unha mesa e unhas cadeiras son todo o que podemos ver. As tonalidades grises e pálidas responden a ese ambiente de familiaridade que quere dar a obra. Por suposto, todo é un engano para o espectador. A limpeza e a orde substitúese pola brutalidade e o desorde. Os elementos reciben todo tipo de ataques violentos e a súa utilidade pasa de ser a habitual.
O traballo dos actores é acertado. Probablemente debería engadirse unha violencia maior en escenas máis clímax e rebaixala en momentos menos importantes. Con todo, o papel feminino en posesión de Sonia Rúa está moi ben traballado. Transmite moi ben os momentos de dúbida, de dor e os conflito internos do personaxe. Lois Soaxe representa perfectamente o papel masculino. A violencia sen control é a principal arma do personaxe e o actor administra perfectamente a modulación da súa voz e o ton. Un moi bo traballo.
O texto de Laia representa moi ben as historias máis habituais da violencia de xénero. Considero que existen tamén bastantes clichés nos gustos e diversións do home. Por exemplo, considero que non debe ser universal que a todo home maltrata dor gústenlle os deportes, como o fútbol, e saír a tomar copas. Con todo, entendo que esa perspectiva de universalidade ten a intención de non crear personaxes. Os personaxes do texto de Laia son máis ben tipos que pretenden dar unha sensación de universalidade para representar calquera historia de violencia. Proba diso é que nin sequera reciben nomes.
A compañía galega presenta baixo a dirección de Etelvino Vázquez, unha boa adaptación do texto de Laia Ripoll e que cumpriu as expectativas do público nesta segunda xornada de FETEGA 2016.
Nota: As imaxes non coinciden coa representación do Fetega, pero non atopei imaxes dese día. Estas preséntoas para que vexades un pouco a idea.