Recensión : Andrea Maceiras, Europa Express
Título: Europa Express Autora: Andrea Maceiras Editorial: Xerais ISBN: 9788499149431 Nº de páxinas: 216 páxs
Sinopse :
Aroa, Xacobe, Nico, Beatriz, Óscar, Piero e Mía deciden viaxar xuntos por Europa en Interrail ao rematar o Bacharelato. Descubrirán a vida en liberdade e a complexidade das relacións persoais, marcadas polo carácter de Xacobe. Dez anos despois da viaxe, Nico atopará en Berguen, unha postal que lle revelará certa información que provoca nel un cuestionamento da súa vida actual e a necesidade de resolver as dúbidas sobre a traxedia que os envolveu ao seu regreso da viaxe de tren. Malia as reticencias de Aroa a revolver no pasado, Nico logra contactar c@s compañeir@s de viaxe e organiza unha festa de reencontro a partir da cal irán aflorando todos os matices que permitirán aclarar as causas daquel fatídico acontecemento. Novela coral de intriga psicolóxica, a historia alterna lugares, personaxes e tempos narrativos no seu avance cara o descubrimento dunha verdade inexorábel, capaz de cambiar o rumbo das vidas dos seus protagonistas. A liberdade das viaxes, a identidade ou a procura do amor son algunhas das constantes deste relato que afonda na esencia da mocidade, tan efémera no tempo como perdurábel na memoria.
Miguel de Cervantes utilizou no seu Don Quijote de La Mancha, o tópico do “manuscrito atopado” como excusa para crear unha das obras máis importantes da literatura universal. Agora Andrea Maceiras faino coa “postal atopada”. Esta imaxe de pequenas dimensións que Nico compra nunha tenda, será a culpable de retomar unha historia por moitos esquecida. Ou non. Europa Express introdúcenos nunha historia con moitos personaxes no que todo xira o redor da figura de Xacobe, un antigo amigo común e compañeiro da viaxe máis importante das súas vidas.
Os personaxes conforman unha panda do máis pintoresca pola súa composición: unha materialista adiñeirada (Mia) e o seu curmán maior (Óscar), unha futura psicóloga (Beatriz), un italiano (Piero), unha rapaza tan fermosa como intelixible (Aroa), un rapaz bo de máis (Nico) e un rapaz místico e adicto ó sensorial (Xacobe). A autora outorga a cada un a súa voz propia, no pasado e no presente, para que poidamos coñecer un pouco máis do que se agocha baixo aquel verán de hai dez anos. Este conxunto de voces tan carismáticas e autónomas crean moitas frontes abertas na narración para gozo dos lectores.
Respecto da trama principal, esta é complexa pero ben fíada. A autora presenta a cada un dos compoñentes do grupo mediante unha chamada ou reunión con Nico. Isto permítelle o narrador afondar nas características tanto físicas como psicolóxicas de cada personaxe. Tamén introdúcense polo medio, pequenos flashbacks que axudan ó lector a comprender mellor os feitos pasados. O ritmo da narración e sen dúbida áxil e aditivo. É moi complicado non lela dunha sentada pola sinxeleza que outorga ó lector unha historia ben dosificada e de capítulos breves.
O espazo é moi importante na novela. Os medios físicos polos que viaxan os personaxes están ben descritos e as referencias ós diferentes monumentos e construcións están documentadas. Europa Express tamén presenza un espazo interno, o psicolóxico, eido do descoñecemento e a identidade. A andaina dos personaxes por todos estes espacios tamén supón o crecemento dende a inxenuidade da xuventude ata o desengano adulto.
O tratamento do amor é moi interesante, porque non é o máis habitual nas novelas do xénero xuvenil. É un amor imperfecto, baseado no xogo realidade-aspecto. Un amor descafeinado, e en moitos casos, completamente conformista. Un amor moito máis adulto, fora de todo tópico adolescente. A inexistencia de comunicación revélase unha enfermidade fortemente arraigada en todas elas. Case non existe comunicación entre as parellas e iso crea unha tensión e incomodidade latentes.
A resolución, na miña opinión, é o punto máis frouxo da novela. Como lector, esperaba unha conclusión moito máis radical e inesperada. A “primeira resolución” penso que sería a máis correcta para concluír a novela, outórgalle un simbolismo especial e un compoñente de sorpresa moito maior. O verdadeiro final quítalle moito valor a un personaxe en particular respecto da súa construción. Por suposto, isto non supón un punto fraco na calidade da publicación.
Respecto do estilo, a narrativa de Andrea Maceiras é fantástica. A aparente sinxeleza da novela é mostra dun traballo moi profundo e admirable. Os capítulos comprenden moi poucas páxinas polo que a síntese é tan necesaria coma complexa. O agarimo e a delicadeza da escrita, fai a problemática da novela moito máis seria e profunda. A autora solventa todos os problemas que se lle poñen por diante e presenta un producto con recendo a relato curto e a traballo ben feito.
Europa Express é unha boa novela, desas que fan pensar á xuventude e tamén ós adultos, desas que temos que compartir. A importancia da verdade, a amizade, a búsqueda da propia identidade e a dureza da represión da memoria vense representados nesta novela, que foi a gañadora do premio Jules Verne en 2015 que entrega a editorial Xerais de Galicia.