top of page

Recensión : Iban Zaldúa e Julen Ribas, A vitoria final


Título: A vitoria final

Título orixinal: Azken Garaipena

Autores: Iban Zaldúa e Julen Ribas

Tradutores: Karlos Cid Abasolo e Ricardo Pichel Gotérrez

Editorial: Urco editora

ISBN: 9788415699453

Nº de páxinas: 52 páxs

 

A tenente Sigrid Frisch devece polos cómics. Leos na comisaría de policía cando non ten outra angueira. Mais en poucas ocasións pode rematar a lectura tranquilamente. Recibe un aviso xusto cando está a ler o clásico que conta como gañou Alemaña a II Guerra Mundial: uns cativos atoparon un cadaver nun gran canal. Ao chegar ao lugar dos feitos decátase de que terá problemas co caso. Ao pé do corpo, alén da policía, andan unha Oberstandartenfürher das SS e os seus soldados a fisgar. Que fan alí? Só é un afogado. O cadáver non ten identificación e na man hai un papel do que termaba con forza. E o máis sorprendente: o bandullo ten embigo! Algo imposíbel na Alemaña de 2052, ano CVII da Vitoria. Non, non será un caso doado.

 

A Vitoria final (Azken Garaipena) é unha das primeiras publicacións de banda deseñada de Urco Editora. Un éxito de crítica no País Vasco que recibiu entre outros premios o Premio Euskadi de Literatura (2012) e entrou na Lista de honra do IBBY. A edición de Urco mantén as características da orixinal, algo que sen dúbida os lectores agradecen.

¿Que pasaría se Alemaña gañase a II Guerra Mundial?. Supoño que todos fixémonos esta cuestión algunha vez. Os autores desta historia dan resposta a iso.

A Alemaña do século XXI é unha nación cosmopolita e as súas metrópoles non teñen nada que envexar as actuais. O réxime nacionalsocialista segue vixente, e as súas prácticas seguen en pé. O problema é que moitos alemáns descoñecen os erros do pasado, porque neste mundo non son erros. O país segue sendo un lugar perigoso e con moita censura tanto informativa como literaria. As investigacións científicas seguen tendo por bandeira unha, xa normalizada, experimentación con seres humanos. O sistema segue tendo os seus segredos ocultos e estes remataran por estragalo. De feito, este aspecto de misterio e escuridade está sempre presente na historia.

O personaxe principal é unha muller, a tenente Sigrid Frish, que é de todo menos feliz. Ten problemas co seu ex-marido pola custodia do neno, non sente que avance no seu traballo, o neno ten unha enfermidade que provócalle ataques... O único que consegue acalentala é a lectura de cómics. Nestes cómics vemos a influencia do réxime na literatura, porque pese a que nótase menos o efecto, o certo é que a historia arranca cunha crónica mediante a banda deseñada da vitoria de Alemaña na guerra mundial. Os cómics supoñen unha dose de alento a un alma aflixida como a da protagonista, e por iso son tan especiais. Gústame moitísimo o trato dos autores con este personaxe xa que semella tan feble nunhas viñetas, como inexpugnable noutras.

A trama principal é unha reflexión sobre o feito de quen son os gañadores e vencidos nas guerras, e a propia febleza dos sistemas. O asasinato sen resolver é unicamente o feito que desencadea a andaina de Sigrid pola historia máis escura e endexamais relatada do seu país. Paréceme que o fío argumental é axeitado para a viaxe dos personaxes e está sempre xustificado. Polo tanto, a coherencia dentro desta historia "incoherente" lograse con facilidade. Un lector/espectador acude a esta viaxe sempre sometido a adición que supón ó progresivo coñecemento e a solución de misterios.

Respecto do estilo narrativo, A vitoria final é un produto moi orixinal. A historia ten unha dimensión metaficcional que é resultado da introdución de distintos niveis narrativos. O propio cómic é protagonista dun deses niveis pois é quen desencadea todo o coñecemento previo e final do lector. Deste xeito, a historia pódese entender como circular, en sentido estrutural, xa que o fin e o comezo da historia podense sustituir. Non hai, polo tanto, un final concreto, este queda aberto e semella remontarse a un novo inicio. Unha boa idea e moi ben executada.

A calidade do debuxo coroa esta boa historia. As viñetas buscan sempre a expresión plástica das diferentes accións e conségueno con moito detalle. A estética dos soldados, os vehículos, as marcas faciais ou a teima na construción de interiores e exteriores, danlle a historia unha atmosfera de realismo dentro das lexitimacións ficcionais.

A vitoria final é unha historia sobre os vencedores e vencidos na maneira de que ninguén sabe que é cada un, unha reflexión sobre a crueldade humana, o poder da burocracia e o estado en si mesmo sobre a poboación, e unha mostra da eliminación sistemática de aquilo que consideramos diferente. Todos somos e seremos vítimas sexa cal sexa a dirección do mundo.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page