Presentación : A ira dos mansos de Manuel Esteban (Vigo, 07/10/16)
A librería Librouro (Eduardo Iglesias, 12) foi o lugar escollido para a presentación da novela gañadora do Premio Xerais de Novela 2016, A ira dos mansos de Manuel Esteban. Na mesa acompañaron ó autor a xornalista, e integrante do xurado neste premio Xerais de novela, Marta Gómez González e Manuel Bragado en representación de edición Xerais de Galicia. O acto tivo unha cantidade de asistentes sorprendentes, que abarrotaron todo o local. Unha nova mostra máis de que hai moitos lectores e que ven nesta novela unha interesante proposta.
Manuel Bragado fixo de mestre de cerimonias e abriu o acto recordando ó público a historia e prestixio que ten este marabilloso premio de novela. Un galardón que non ten o xénero negra como descoñecido, senón que novelas como Crime en Compostela de Carlos Reigosa ou Unha noite con Carla de Aníbal Malvar recibírono anteriormente con unha proposta similar. Tamén recalcou o marcado acento vigués que ten a narrativa galega actualmente, non só pola procedencia dos autores, senón porque a cidade esta a recuperar esa importancia na literatura que sempre tivo. Sinalou que a novela ten unha marcada tendencia cívica e social dentro do xénero negro e mesmo apuntou que recordaba "as novelas de Mankell"
Marta Gómez González agasallounos cunha ollada lectora da novela. Incidiu na calidade da prosa pese a condición de "descoñecido" do autor, na construción dos personaxes, na empatía que xeran algún deles no lector ou a adición que causa a súa lectura. Sinalou tamén o sentido de homenaxe os traballadores da organización de DownVigo a través do personaxe de Lorena. Declarouse namorada desta novela dende que "eran pouco máis que uns folios grampados" e desexoulle tanto a autor coma novela unha boa viaxe no mundo das letras.
O autor tivo unha intervención breve pero certeira. Sinalou que a súa novela non foi produto dunha intención creativa, senón da necesidade de contar mediante palabras e de liberar todas as frustracións e tensións do día a día. A ira dos mansos "comezou sendo un de moitos relatos e "foi crecendo ata que rematou sendo unha novela". Eses relatos sempre tiveron como inspiración e protagonismo o seu fillo Antón, que sofre síndrome de Down. Un fillo que lles cambiou a vida, pero ó que axudan diariamente a derrubar todas as dificultades coas que se atopa no camiño. Recordou tamén o marcado protagonismo que teñen os enfermos de síndrome de Down na novela e presentounos brevemente os diferentes personaxes da mesma. Por último, pechou o acto cunha fermosa cita de Mil leguas de viaxe submarina.
Foi un acto breve pero o mensaxe foi claro. Todos os asistentes que aínda non tiñan o libro achegáronse a mercar o seu exemplar e levalo asinado polo autor. Todos os presentes co desexo de chegar as súas casas e somerxerse neste Vigo cheo de intrigas e asasinatos xunto co inspector Carlos Manso.