Entrevista. Diego Ameixeiras : "Os de Get Back son xente normal con problemas normais, o que si
Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976) é un xornalista, escritor e guionista. Cultivador do xénero negro, publicou un gran cantidade de novelas : Baixo mínimos (Xerais, 2004); O cidadán do mes (Xerais, 2006); Tres segundos de memoria, Premio Xerais de Novela (2006); Dime algo sucio (Xerais, 2009), Premio Especial de Dirección da Semana Negra de Xixón; Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010), Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano; Historias de Oregón (2011), Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; Todo OK (Xerais, 2012); Matarte lentamente (Xerais, 2013); Conduce rápido (Xerais, 2014), Premio Losada Diéguez de Creación literaria 2015, e A noite enriba (Xerais 2015). Algunhas das súas obras foron traducidas ao castelán, catalán, alemán e italiano.
No eido do teatro a súa experiencia é menor pero non de menor calidade. Con todo, temos que destacar Currículum Vitae (2012) e O aniversario (2015) que foron un éxito de público e de crítica.
Diego Ameixeiras tivo a amabilidade de respostar a este pequeno cuestionario sobre Get Back, a nova producción de eme2 na que é responsable do texto. Disfrutádea!
PG: ¿Que é Get Back para Diego Ameixeiras?
D.A: É a historia de cinco personaxes que quedan pechados nun vagón de metro, en Londres. Todos cargan con problemas, desexos e frustracións. O feito de non poderen saír dese espazo provoca que teñan que se relacionar uns cos outros, mesmo sen querelo, e que se vexan obrigados espirse emocionalmente.
PG: ¿Cal foi a xénese deste proxecto? ¿Como xorde?
D.A: Traballei a partir dunha idea de Camilo Franco, que fixo un traballo de investigación en Londres entrevistando a galegos que residen na cidade. Con esa base fun armando unha estrutura e uns personaxes mentres mantiña reunións co equipo artístico. Posteriormente pasei á fase da escrita durante varios meses, en solitario. Jorge Coira e Víctor Duplá, dende a dirección, orientáronme durante o proceso e aportáronme moitas solucións.
PG: Get Back é un traballo conxunto de moitos profesionais distintos do mundo da cultura, literatura e teatro. ¿Como é traballar nun entorno tan estimulante?
D.A: Con algúns xa coincidira en diferentes proxectos profesionais, así que non foi unha sorpresa comprobar que daban o mellor de si. Coñecer diferentes puntos de vista sobre o texto axudoume a confeccionalo sobre unha idea compartida por todos.
PG: Para Diego Ameixeiras, ¿cal é a diferenza entre escribir unha obra de teatro e unha novela?
D.A: A miña experiencia teatral é reducida. No caso de Get Back, como xa apuntei, traballei sobre unha idea establecida e baixo a supervisión do equipo de dirección. O traballo aproximouse á escrita dun guión audiovisual. Nas novelas -ata o momento publiquei dez dende 2004- son eu o responsable de todo.
PG: ¿Como definiría vostede ós londoners?
D.A: Os de Get Back son xente normal con problemas normais, o que significa que podemos identificarnos con eles sen ningún esforzo. Do que non andan moi sobrados é de esperanza. Todos pasamos algunha vez pola súa situación: falta de traballo, ruptura de parella, rabia, desorde vital... O asunto do Brexit aínda lles provoca maior desacougo.
PG: O proceso de elaboración do texto, ¿foi máis complexo para vostede que noutras obras?
D.A: Sempre aparecen complicacións e hai que suar a camiseta, pero cando rematei de redactar o texto fun consciente de que eu tamén fixera unha viaxe emocional en paralelo á dos personaxes. Por iso me gusta escribir tanto como respirar.
PG: A idea de Get Back con cinco personaxes nun vagón sen coñecerse pero con cousas en común, recórdame un pouco a O divino Sainete de Curros Enríquez. Os personaxes de Curros dirixíanse en peregrinación a Roma. ¿Cara onde viaxan os personaxes de Get Back?. ¿Teñen algún destino?
D.A: Polo feito de iren no metro teñen un destino que ten que ver coa súa rutina diaria, pero na medida en que se ven obrigados a permanecer pechados, imos descubrindo que tamén camiñan cara outro tipo de lugares que teñen que ver coa felicidade, a esperanza, a desilusión...
PG: ¿Que quere mostrar Get Back ó seu público? ¿Que podemos agardar desta produción?
D.A: Oxalá que a resposta do público sexa positiva. O magnífico traballo dos actores merece iso e moito máis. Tras moitos meses de pelexa sobre o papel, velos en acción nos primeiros ensaios foi moi emocionante para min.
Son cinco e van nun vagón de metro. Son cinco e teñen moitas cousas en común. Pero eles non o saben. Aínda. Saben que van no mesmo vagón de metro. Saben de onde veñen, pero ningún está moi seguro de cara a onde vai. Son xente normal e están en Londres.
O proceso de construción desta comedia comeza cunha investigación sobre os londoners (nome que se dan a si mesmos os galegos que viven na capital británica). A achega a esta realidade permitiunos ir construindo, mediante un modo de traballo cooperativo, un proxecto sólido que reflicte, en certo modo, a realidade fraccionada da Galicia contemporánea. Interviron e intervirán no proceso xa en marcha: Camilo Franco (traballo de investigación), Diego Ameixeiras (texto), Jorge Coira (director), Victor Duplá (axudante de dirección), Anxo Graña (música) e Alfonso Agra, Federico Pérez, Tamara Canosa, Miguel Guido e Mercedes Castro (elenco).
Déixovos tamén as fechas e localidades confirmadas onde poderedes gozar deste prometedor espectáculo. Por suposto, tamén farei unha pequena review crítica cando o vexa. Calquera información que precisedes tédela na web de Eme2.