top of page

Recensión: Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos


Título: Cabalos e lobos Autor: Fran P. Lorenzo Editorial: Xerais ISBN: 9788499148366 Nº de páxinas: 192 páxs

 

Vigo. Setembro de 1972. Paula acaba de atravesar unha cidade tomada pola policía franquista e colapsada pola folga. Na súa casa, no alto do edificio de Gran Vía nº 2, agárdaa unha revelación. Ten quince anos e acaba de decatarse de que non coñece a súa nai, a herdeira dunha influente estirpe de empresarios alemáns asentados no porto vigués a finais da I Guerra Mundial. O que ela descobre esa tarde é o primeiro segredo dunha rede de mentiras e silencios que, xa no presente, se verá obrigada a destecer para o seu fillo. Nese relato achará as claves de quen é a súa familia. Un colar de rubís, unha carta sen resposta, un país bombardeado, trens que parten cara ao frío e, sobre todo e contra todo, o amor prohibido que unirá de por vida o seu tío Álvaro co inquietante Bruno. Cabalos e lobos, a primeira e magnífica novela do xornalista Fran P. Lorenzo, é o retrato íntimo da historia dun século marcado pola guerra, o totalitarismo e a barbarie. Unha fotografía, con Vigo ao fondo, do combate individual que os seus protagonistas libran por aquilo que desexan, nese preciso lugar en que a cidade se funde cos seus soños.

 

Manuel Reyes Mate, un filósofo español que entre outras se adicou a investigación da dimensión política da razón e a historia dos vencidos e os vencedores, dixo nunha entrevista unha frase que para min resulta hoxe lapidaria : "Hai que repensalo todo á luz da barbarie". Con isto querería dicir que o noso deber é reflexionar sobre os feitos que deron orixe a esa barbarie para non cometelos no futuro. Non podemos esquecer. Quero incidir nesta cita pola importancia que ten na novela que trato hoxe.

Cabalos e lobos é unha reflexión sobre o terror da época, os totalitarismos e as atrocidades que cometeron os seres humanos. O interesante é que non vemos nela os síntomas nin a atrocidade máis directa, senón que é unha novela que incide no que ninguén ten en conta. Esta novela repensa o concepto de atrocidade e de barbarie e lévaas o plano máis íntimo e microhistórico da sociedade.

Paula é o noso protagonista principal. Unha muller cunha vida triste e melancólica onde a única nota de luz pona o seu fillo. Non coñece en realidade os membros da súa familia e mantén unha relación distante con eles. Nesta historia coñecera moitos deses segredos que perturban a súa vida e relación cos demais, e descubrira todos os misterios en relación co seu pai e un tal Bruno. O mellor deste personaxe é ó seu interior. O autor fai ver o seu desengano vital, as súas frustracións e a dureza do seu pasado. Paula pasa polos anos pero estes non fan incidencia algunha nela, continúa sendo esa nena de quince anos.

Penso en que este refuxio, este porto seguro, ao que chamo casa, se asenta un medo moi anterior a min, e que foi construído sobre ese medo. Case todo o que herdei da miña familia leva impresas dúas marcas de auga, a do medo e a da culpa. Apenas se advirten esas marcas, pero están aí. Unha ou outra. Ou as dúas. Sempre. (Cabalos e Lobos, páx. 88)

Vigo, como ven sendo habitual, convértese no espazo máis importante da novela. A súa importancia radica en que é o lugar onde semella que nada pode pasar e, sen embargo, que agocha os máis escuros segredos. Como vigués, agradezo o tratamento e o detalle que se lle da a descrición da cidade e a sociedade. O autor reconstrúe a cidade e dálle ese aroma da época, tan necesario para crear unha ambientación convincente. Vigo e, sobre todo, a casa de Gran vía nº2 son, por iso, tamén personaxes principais na novela.

O tratamento da homosexualidade e a súa represión e rexeitamento pola sociedade tamén está presente na historia. A relación de Álvaro e Bruno estará sempre marcada pola traxedia da consideración dos seus actos pola sociedade. O marcado fervor católico da sociedade e o conservadorismo social levará ós dous amantes a manter unha relación oculta e que sempre atopará pedras no camiño. O amor sempre será a súa arma contra unha sociedade que os repudia.

Respecto á estrutura, esta novela ten unha construción moi interesante baseada na utilización de flashbacks e cartas, xunto con unha narración presente moi ben traballada. Cabalos e lobos semella unha escolma de diarios personais dos que se extraen anacos das microhistorias dos personaxes que encaixan a perfección coma un crebacabezas. A prosa de Fran Lorenzo é moi agradábel e transmite cun léxico sinxelo, ideas que son froito de moita reflexión. O seu estilo demostra un especial gusto por afondar na psicoloxía, na identidade e nos pensamentos dos seus personaxes.

A crueldade do ser humano, a necesidade da verdade e os sentimentos dan forma a unha boa historia. Unha reflexión sobre a cara oculta da barbarie e os seus efectos a posteriori. Cabalos e lobos repensa unha época tráxica da historia da humanidade a través da dureza da represión que a escuridade fai sobre a luz.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page