Recensión : Xosé Duncan, Negruña
Título: Negruña
Autor: Xosé Duncan
Ilustracións : Segismundo Rey
Editorial: Urco Editora
ISBN: 9788415699873
Nº de páxinas: 321 páxs
Sinopse:
Unha cidade non é máis que o reflexo das almas dos seus habitantes e, cando unha podrece, as outras déixanse arrastrar até o extremo máis escuro e vil. Pasaron moitos séculos desde que A Coruña se converteu en Negruña, deseñada e pensada para ser máis eficaz dentro da economía do Consorcio de Cidades, mais gobernada e dirixida polos mesmos ineptos de sempre.
Hoxe en día son moitos os que se embarcan en facer distopías, sen dúbida, o subxénero máis de moda na literatura destes primeiros anos do século XXI. O auxe deste xénero ven dado pola situación política que vive o mundo e, en concreto, o noso país. Nestas novelas moitos lectores buscan unha análise indirecta do mundo de hoxe, o mesmo tempo que os autores buscan, libres de censura, facer crítica e satirizar as ironías da sociedade moderna.
Os representantes da nova escola adícanse a crear novelas cheas de tópicos e de personaxes planos, con tal de crear un mundo que sexa vendible e se pode ser que teña unha adaptación cinematográfica. Imos falar claro, facer da desgraza e a miseria da humanidade un negocio. O que temos claro é que esas novelas non valen nada e, con seguridade, grandes autores coma Bradbury, Orson Scott, Huxley ou Orwell reméxense no seu sepulcro ó ter escoitado títulos como The Hunger Games, Divergent o The Road. Como na música, na literatura o que realmente gusta é a vella escola. Os que realmente entenden do que falan. Con todo, entre todo este escuro panorama, ás veces, faise a luz e xorden traballos ben feitos. Negruña de Xosé Duncan é un deses.
Lonxe de atopar un protagonista principal plano ou a muller forte, independente e "pateacús", entre outros tópicos que aparecen na miña mente, en Negruña temos unha interesante variedade de personaxes. Si, escoitaches ben, personaxes. A cantidade de personaxes en Negruña é inmensa pero iso vai en consonancia coa inxente cantidade de subtramas que podemos atopar. Non pensedes que iso pode producir descoidos na caracterización. Os personaxes teñen un tratamento tan realista e diverso que fai da lectura un traballo de psicoloxía innegable. Os seus comportamentos son tan racionais como irracionais pero iso é o que os fai realmente humanos. Son fillos do seu tempo e contexto situacional, pese a iso, o medo e a inseguridade non os fan exentos de coraxe e ansia de liberdade. Se teño que destacar un trazo dos personaxes en conxunto, este sería a súa faceta de antiheroes. A loita é sempre individual buscando unha vinganza contra aquilo que a cadaquén afecta. Esas tramas de vinganza individual suporán unha conciencia colectiva que rematará cunha revolución violenta.
A introdución da fantasía foi outro dos elementos que me sorprenderon, non imaxinara que ían ter tan boa acollida na novela. A fantasía dálle un toque moito máis desacougante a trama e dótaa dun misterio inusitada. Con todo, é un complemento que axuda a comprender moitos dos feitos e que non desluce o traballo distópico. Isto tamén xustifica unha estrutura en forma de caixas chinesas na que presenciamos distintas accións en tempos e localizacións xeográficas distintas. Esta novela caracterízase pola harmonía dos seus diversos elementos e esa ousadía é premiada cun traballo sensacional.
Con todo, a xoia da coroa desta novela é o mundo que crea o autor. Coru... Negruña é unha inmensa cidade dividida en moitos distritos que caracterízanse por un certo tipo de traballo ou unha orde social. Os espazos públicos e privados están ben delimitados e o sistema político é o habitual dun goberno ditatorial pero con certas melloras engadidas. As descricións de interiores e exteriores están feita con teima e con grande realismo pero sempre renunciar a súa funcionalidade no relato. Aparecen novas ferramentas, vehículos e maquinaria que, acompañada sempre dunha magnifica instrución de usos e compoñentes, fai as delicias dos afeccionados ós mundos ben construídos. Toda aparencia con certa cidade do norte de Galicia restrínxese a rúas, locais e monumentos arquitectónicos.
Podemos dicir, sen posibilidade de erro, que a denuncia social e política de Orwell ou Huxley está ben representada en Negruña. A sátira clasista, a demonización dos gobernos corruptos, a análise da tiranía, os efectos dunha política incorrecta ou o engano a poboación, teñen a súa vixencia na novela. Considero que en Negruña dáse un proceso de deshumanización dos seus habitantes por parte do poder local. Os habitantes da cidade traballan como pequenas formigas ó servizo dun goberno que vende favores e tenta entretelos dos seus pensamentos, eliminando o ámbito público, o social é a propia cultura. Non sei de que me soarán a min esas cousas. Coido que as teño lido antes.
O dia transcorría tranquilo e lento na vida da urbe. (...) Os representantes da clase alta exhibíanse indolentes nos locais de ocio mentres o resto da poboación se fechaba nas súas casas, unha vez rematados os horarios permitidos para o cambio dos seus vales nos pequenos comercios do barrio. Así era como funcionaba Negruña cos seus habitantes, como unha nai que marcaba claras diferenzas entre as súas crianzas. E cando un deles estaba sinalado como bastardo desde cativo, non había xeito de que deixase de ser un marxinado, condenado a pasar o resto dos seus días soterrado na miseria. (Negruña, p. 97)
Xosé Duncan dota a súa novela dun estilo sinxelo e ben traballado, con diálogos áxiles e cunha dispositio que facilita a lectura. O tratamento das escenas é sempre coherente, outorgando patetismo e ton satírico as situacións máis cínicas e un ton incómodo e, incluso, desagradable, as máis violentas. A historia é desacougante e misteriosa de principio a fin e iso condiméntase cunha prosa que avoga polo descritivismo das formas e un escuro cromatismo e ton case fúnebre, que as ilustracións de Segismundo Rey, amais de embelecer a edición, tamén transmiten.
En definitiva, Negruña é unha novela extensa que mestura moitos elementos e é, tamén, froito dunha imaxinación delirante. Unha historia que precisa dunha lectura sosegada ,e se pode ser con anotacións, xa que a cantidade de personaxes e localizacións fai que a acción de ler sexa tamén un traballo do lector. É unha criatura que debese coidar e tratar con delicadeza para que de todo o seu potencial. Unha obra das de antes, das que molan, das que soan a vello rockeiro. Duncan chega para non marchar, podedes quedar tranquilos.