top of page

Recensión : H.P. Lovecraft, A chamada de Cthulhu e outros contos de terror cósmico. Biblioteca Lovec


Título : Biblioteca Lovecraft 1. A chamada de Cthulhu e outros contos de terror cósmico. Autor : H. P. Lovecraft Tradutores : Tomás González Ahola e Fran Morell Editorial: Urco Editora ISBN: 9788493855802 Nº de páxinas: 208 páxs.

 

Sinopse :

Toda mitoloxía ten uns alicerces e toda épica ten uns inicios, e o chamado «Ciclo de Cthulhu», polifonía estridente e impía que desafía toda cordura, non podía ser menos. Neste volume preséntanse as primeiras obras de H.P. Lovecraft nas que se perfila este inmenso e complexo cosmos estarrecedor poboado das máis aberrantes entidades. Dos poboadores prehumanos e extraterrestres de «A maldición que caeu sobre Sarnath» ás areas de Arabia que sepultan a esquecida «Cidade sen nome», dos saqueadores de tumbas de «O sabuxo» aos escuros segredos de Nova Inglaterra que relata «O festival», dos adoradores de Nyarlatothep de «Os soños da casa da bruxa» a, como non, os sanguinarios cultistas de «A chamada de Cthulhu», estas páxinas revélannos o nacemento dunha das mitoloxías máis importantes do século XX.

 

Nun dos meus habituais paseos polos estantes da biblioteca pública da miña cidade, achegueime fai uns anos a este primeiro volume das historias de Lovecraft. Leveino para casa e adiquei unha noite a cada historia durante esa semana, recordo que foi unha das mellores lecturas que fixen. Fai uns días, organizando as lecturas do Gatsbyween 2016, tiven un reencontro moi especial con este volume, polo que para min sería imperdoable que non sexa a segunda publicación da que imos falar esta semana.

Todos coñecemos a narrativa de Lovecraft, aínda que non o saibamos. ¿Sabíades que a meirande parte dos videoxogos de rol ou fantásticos teñen personaxes que se extraen directamente das súas historias? ¿Coñecíades que o famoso Necronomicón, coñecido pola súa etiqueta de libro prohibido, foi unha idea ficcional do escritor e que moitos consideran que é real?. Toda esta mitoloxía e fandom que xorde a través do mundo de Lovecraft non é casual, é unha mostra da indiscutible calidade da súa narrativa e da creación dun submundo tan amplo e sobrenatural que consigue facer miles de lectores.

¿Que ten de especial este volume de Urco Editora?. No seu momento elixín este volume para achegarme a narrativa de Lovecraft en galego. Pescudei un pouco pola rede e, a risco de errar, a biblioteca Lovecraft de Urco é o único resultado dun intento de tradución da obra de Lovecraft ó galego que atopei. Poden existir traducións de relatos de Lovecraft en galego, pero o esforzo de compilación e exclusivo desta editorial santiaguesa.

A edición é un luxo, xa non só pola capa tan bonita que ten, obra de Denís Fernández, senón porque temos un prólogo moi sintético e útil que asina Tomás González Ahola. Neste prólogo hai resposta a calquera dúbida que poida xurdir sobre a estruturación da edición e as razóns da elección dos diferentes relatos para este primeiro volume. Polo tanto, considero que é unha edición perfecta para mergullarse no inmenso mundo que é a obra de Lovecraft.

Este primeiro volume da Biblioteca Lovecraft contén : «A maldición que caeu sobre Sarnath», «Cidade sen nome», «O sabuxo», «O festival», «A chamada de Cthulhu» e «Os soños da casa da bruxa». Todas estas historias corresponden ó chamado "Ciclo de Cthulhu" e constitúen o núcleo máis forte do mundo de Lovecraft. Foi a primeira vez que oín falar do Necronomicón e sobre o mito de Ctulhu, con probabilidade, os legados máis coñecidos de Lovecraft no imaxinario colectivo. Persoalmente, gústame moitísimo o relato de "O sabuxo", considero que aínda que non ten a fama doutros, como lector fascíname o misterio que ocultan os mortos e os sepulcros. Hai un macabrismo nese conto e un gusto por tratar os aspectos máis noxentos da vida humana que o fan unha xoia dentro deste volume.

O mundo de Lovecraft é tan inmenso como aterrador. Hai un gusto evidente polos elementos tétricos, pola escuridade e polo terror psicolóxico. O inmenso interese que tiña o autor polos ritos e a mitoloxía exprésase na obra, moitas veces como protagonista de moitos dos relatos, como por exemplo «O festival». Considero que debe tamén falarse do gusto do autor por expresar as miserias humanas como a cobiza ou a febleza emocional. Os seres de Lovecraft conseguen penetrar en todos os eidos da mente humana e trastornar ata o punto de perder a racionalidade. A cantidade de personaxes é inmensa, pero todos teñen en común o seu camiño imparable cara ó descoñecido e o trauma que prodúcelles a escuridade na súa manifestación máis terrorífica.

A rica fantasía e mitoloxía, o terror ante o descoñecido, o macabrismo e o gusto polo exotismo ambiental fan deste primeiro volume da Biblioteca Lovecraft, unha síntese perfecta cara unha inmersión na narrativa do autor.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page