Recensión : Xosé Duncan, Hostal Norte
Título: Hostal Norte Autor: Xosé Duncan Editorial: Urco Editora
Selo : Alcaián ISBN: 9788415699552 Nº de páxinas: 138 páxs
Sinopse :
Unha fuxida, ás veces, non é máis que unha carreira frenética que tenta afastarnos de nós mesmos. Sabemos do que queremos escapar mais case nunca estamos seguros de até onde nos levará. Brais marcha da casa dos seus pais e chega ao Hostal Norte, onde o agarda un amigo que prometeu axudalo a comezar unha nova vida. Porén, á súa chegada ao hostal as cousas torceranse e nada sairá como el esperaba, nada é o que parece ser. Seis cuartos, seis vidas completamente diferentes que conforman, ao seu xeito, un universo único que, aos poucos, irase apoderando da cordura de Brais. Seis hóspedes que tecerán a arañeira dos recordos que tentou deixar atrás, agochados no fondo da súa mente e que, de deixalos saír, conducirano ao máis horríbel dos destinos.
Sigmund Freud plantexa en Das Unheimlich (1919) o concepto de o sinistro ou ominoso como unha vivencia contraditoria onde o estraño preséntasenos como coñecido e o coñecido tórnase estraño. Ese sentimento que sendo tan habitual regresa a nós con unha sensación de estrañeza e contido terrorífico que produce angustia. Freud reflexionou sobre o seguinte ¿Como é posible que o familiar convértase en terrorífico?. O famoso psicólogo seguro que gustaría de ler Hostal Norte para exemplificar ese inesquecible artigo.
Hostal Norte é a historia de Brais, un rapaz de aparente vida acomodada, que toma a decisión de fuxir da súa casa pola difícil relación cos seus pais e busca a un amigo, Xoel, que lle promete traballo e o comezo da súa nova vida. Esta decisión levará ó noso protagonista ó Hostal Norte, un lugar onde toda a vida de Brais tornará nunha enorme traxedia.
Esta é unha novela onde o real estráñase tanto que, sendo primeiramente literario, chega a uns niveis metaficcionais e oníricos que sorprenden a calquera lector que se achegue a publicación. Xosé Duncan válese para esta publicación de todos os elementos clásicos do relato de terror : o onírico, a escuridade, os ratos noxentos, as estancias caótica, o hostal como encrucillada de camiños ou a sucidade. Con eles, constrúe un produto complexo, pero bastante entretido.
Temos que destacar que esta non é unha lectura sinxela. A historia que nos propón Duncan non é valida para calquera lector. Esta novela ten un forte carácter onírico e o simbolismo esta presente en moitísimas ocasións. O lector que se achegue a ela ten que darse de conta de que está fronte a un traballo cheo de moitas referencias, nas que moitas pasan inadvertidas pola dificultade das mesmas. Na miña opinión, iso engade un halo de misterio e misticismo que fai ca lectura unha actividade máis entretida. É un libro que da pé a resolver enigmas e reflexionar sobre eles.
O personaxe de Brais paréceme fascinante pola madurez que ten en algúns momentos e a súa sorprendente infantilidade noutros. Sen dúbida, iso o fai moi humano. Considero que, poderíamos definilo como un personaxe inconsciente, vítima dos seus terrores e accións e protagonista indiscutible de todo o que resulta macabro e onírico na novela. Brais responde tamén o máximo grao de inocencia (historia) e deshumanización (final) simultaneamente. Un rapaz preso en si mesmo nun Hostal no que nada é o que parece. Faltoume na novela, nunha lectura simplificada por suposto, ter uns poucos datos máis do seu amigo Xoel e tamén un pouco menos de precipitación na presentación da relación express con Lara.
Hostal Norte é unha novela de clara finalidade hermenéutica e por iso ten unha orixinalidade abraiante. A imaxinación delirante de Duncan e o xogo case intelectual que propón, son mostra dun afán por retar ó lector. Unha historia da que gocei moito e que me recorda moitísimo a Der Sandman de ETA Hoffman, por presentar como o familiar ou diario pode estrañarse tanto ata chegar a ser terrorífico. A historia de Brais, en moi pouco tempo transforma elementos da realidade en inusitados e, cando todos volven ó seu estado orixinal, o terror que provocan é aínda maior. Aínda que ten os seus erros, é unha novela cunha atmosfera terrorífica que fai que o lector, entenda ou non os simbolismos e misterios, mantéñase preso entre as súas páxinas ata o final.
Se líchedes o libro e queredes resolver algúns dos seus misterios, facede click aquí.