top of page

Recensión : Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno


Título: Cartas de inverno Autor: Agustín Fernández Paz Editorial: Xerais

Colección : Fóra de Xogo ISBN: 9788491210160 Nº de páxinas: 121 páxs

 

Sinopse :

Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar. A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz (en terceira persoa) que dá paso a outra voz (en primeira), que a súa vez dá paso tamén a outra voz (tamén en primeira persoa). E cando esta acaba, unha recuperación escalonada e simétrica das voces anteriores.

Cartas de inverno recibiu o Premio Rañolas, ó mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 1995.

 

Recordo perfectamente cando me acheguei a esta fantástica obra de Agustín. Foi no ano 2011, cando contaba con quince anos de idade. O meu irmán tivo que ler este libro no colexio e, como abonado fiel ó Rincón del Vago, prescindiu desa lectura e deixou libro nos estantes. Por suposto, eu achegueime os estantes poucos días despois, no meu habitual tour pola miña libraría e, a diferencia do meu irmán, dinlle unha oportunidade. Sen dúbida, unha das mellores decisións que tomei nunca.

Cartas de inverno é unha breve pero intensísima novela que Agustín Fernández Paz publica en maio de 1995, con probabilidade, apenas uns días despois do meu nacemento. Nestes 21 anos de historia, continua sendo un libro de gran éxito editorial, de feito publicouse fai pouco a 35ª edición da que falarei un pouco máis abaixo.

Na miña opinión, este é o mellor libro de Agustín, o libro máis logrado. A narrativa é marabillosa e a atmosfera de suspense e desacougo que crea merece todos os premios que esta obra recibiu. Tamén introduce aquí eses anuncios do xornal que poderíamos ver en obras como Contos por palabras (1990). Considero que esta é unha clarísima declaración de intencións. A obra non esquece os elementos máis clásicos do autor e engade outros novos que a enriquecen.

A estrutura responde á clásica de bonecas rusas ou relatos enmarcados. Existen moitos niveis inferiores de narracións contidas noutras e iso ofrece un perspectivismo moi interesante. Tamén a introdución de correspondencia permite a creación dun relato epistolar que fai a novela áxil e dinámica. A descrición teimuda de elementos (a casa enmeigada, os arredores de Vilamaior, as estancias que se tratan nas cartas...) fai da novela algo tan realista que supoño que para Antonio Seijas, non foi nada difícil crear unha novela gráfica desta historia.

Falo deste libro esta semana, porque considero que nel temos o Agustín máis inquedante e lovecraftiano. O seu amor pola narrativa de Lovecraft, do que se consideraba un incansable lector, está presente en cada unha desas páxinas. O medo ante o sobrenatural e descoñecido, os enigmas e rituais, os símbolos descoñecidos e a escuridade máis lovecraftiana teñen nesta novela unha innegable influencia. De feito, non contento con isto, Agustín tamén deixou, aínda máis claro, a quen rende a homenaxe.

Lembras a nosa primeira viaxe a Barcelona, no outono de 1969?. Entón lembrarás tamén que foi daquela cando merquei Los mitos de Cthulhu nun quiosco das Ramblas. Era o primeiro libro que lía de Lovecraft, os seus relatos deixáranme fascinado. Ti dicíasme, vendo o meu entusiasmo, que non sabías como era capaz de ler aquelas historias que tanto che desagradaban. Eu sempre che contestaba que era natural que a ti non che gustasen, porque cometía o erro de crer que aquilo que contaban podía ser real, cando non eran máis que enseñosas ficcións que xogaban cos nosos medos. Pois ben, agora, mentres che estou escribindo, (...) teño que dicirte que quizais Lovecraft tiña razón, quizais ti tiñas razón e que hai cousas neste mundo que talvez as persoas nunca sexamos quen de imaxinar. (Cartas de inverno, p.15)

Outra cousa que para min é magnífica neste libro é a condensación de ideas do que para ó autor era a literatura, en concreto a literatura galega. Agustín considera esta novela como un eido perfecto para falar da literatura. Entre outras cousas, recorda a importancia do literario sexa cal sexa a lingua que o constitúa. Por suposto, tamén fai unha defensa explícita do feito de escribir en galego e a inexistencia das súas fronteiras.

Aínda hoxe me río dos que dicían que publicando en galego estaba pechándome fronteiras, que escribir nun idioma minoritario era un labor inútil. Coma se eu non soubese ben que o valor dunha obra nada ten que ver coa lingua na que estea feita, e que o éxito dun libro é algo que depende máis das canles de distribución que do idioma en que se escriba. (Cartas de inverno, p. 23)

Cartas de inverno é unha novela que permanecerá sempre no ideario colectivo galego. Unha novela por e para a mocidade pero cunhas ensinanzas e un discurso literario que fai que traspase fronteiras. O lector xuvenil e sempre o máis esixente, o que hai que atrapar para que goce das palabras toda a súa vida. Con esta obra, Agustín, coma sempre, conseguiuno.

 

Grazas a editorial Xerais, unha nova publicacións para render esta fermosa homenaxe a esta grandísima novela de Agustín Fernández Paz.


Fai pouco, dende a editorial galega anunciouse a 35ª edición desta novela nunha edición especial conmemorativa.

A novela ten unha capa cun selo dos 100.000 exemplares vendidos e abandona o tradicional cartoné e pasa a ser de flexibook. Engádese o epílogo do autor, que figura dende a 20ª edición, que na miña opinión, é do máis interesante.

Teño entendido que tamén reproduce algunhas ilustracións máis do ilustrador Antonio Seijas.

Sen dúbida, un agasallo da editorial para os lectores que se acheguen a esta obra de Agustín, así como os máis antigos, que aínda que sexa complicado conseguir unha primeira edición desta novela, poderemos ter unha edición conmemorativa destes 100.000 exemplares, entre os que está, ese que temos nos nosos estantes.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page