top of page

Recensión : Francisco Castro, Chamádeme Simbad


Título : Chamádeme Simbad

Autor : Francisco Castro

Ilustrador : Manel Cráneo

Editorial : Galaxia

Colección : Árbore

ISBN: 9788498651478

Nº de páxinas: 188 páxs.

 

Sinopse :

O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro. As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de adultos, non poden entender nada. Pero Paulo sí que comprende o avó. Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar. Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.

 

Xa dicia R.L.Stevenson (1850-1894) : "Tanta prisa temos por facer, escribir e deixar de escoitar a nosa voz no silencio da eternidade, que esquecemos o único realmente importante: vivir".

A verdade é que esta cita, di moito da realidade social na que vivimos. Tanto hai que facer e tantas as preocupacións terrenais que moitas veces esquecemos a parte máis vital da propia vida. Chamádeme Simbad é unha historia destas que exemplifican perfectamente a realidade e a emoción de vivir.

O avó sofre alzheimer, unha enfermidade que non ten cura posible e que pouco a pouco vai esquecéndose de nomes, de feitos ou de lugares. Moitas veces é temporal, pero noutras esquece cousas de maneira definitiva. O vínculo que ten co seu neto, ó que el chama Simbad, faise máis forte ó longo desta historia pola aventura que ambos viven.

Estes personaxes teñen en relación a necesidade de gozar da vida. Paulo como neno, goza dese infantilismo que todos precisamos na vida. Valora todo o que se lle da, por pequeno que sexa, e ve toda a súa vida como un xogo no que está moi contento de participar. O avó quere ó seu neto e para el, é a razón máis importante para vivir. En ningún momento é xulgado polos seus comportamentos e nin visto como un estorbo na súa casa. Acontecementos que poderemos ver na novela farán que comece unha nova aventura para eles, un xogo de pequenos enigmas e aventuras na que todos os personaxes descubrirán o máis importante da vida : vivir.

Non hai que esquecer que esta historia está adicada a un público infantil. Francisco Castro consegue crear un relato tan tenro como emotivo, de fácil lectura e con períodos sintácticos breves e sinxelos que permiten unha mellor aceptación por parte dos máis novos. O tratamento da sensibilidade infantil e o humor dálle aínda máis realidade o contido e conforma un bo e moi divertido produto infantil.

O tema do alzheimer é un dos principais na novela. O avó sofre esa enfermidade e produce nos personaxes dous tipos de reaccións: unha sería a do neno, de axuda e sobreprotección, outra a dos pais, lamento e despreocupación. O importante é que esa enfermidade consegue unir a toda a familia e recordar a todos a emoción de camiñar polas sendas da vida. O autor consegue que un tema tan complexo sexa comprensible para un público infantil grazas as directas e breves explicacións que da. O traballo e as preocupacións do día a día non son importantes, a obra que realmente queda de nós é o amor.

Nesta novela hai moito de amor. Para min, hai un evidente protagonismo do amor paterno-filial. Ese vínculo que pese a que algúns personaxes esquezan, é o máis importante das súas vidas. A emoción de querer e ser querido é algo que non se poder mercar nin conseguir doutra maneira. Os sentimentos están tan ben tratados nesta novela que é complexo non simpatizar con esta situación, que ó principio semella dura, pero que non o é tanto.

Non podemos esquecer que esta tamén é unha novela de piratas e aventuras. Paulo como Simbad o mariño, terá que rescatar ó seu avó dos filibusteiros. Nunha aventura con enigmas e cofres con tesouros terá que atopar as pezas para rescatar ó avó do esquecemento, tanto de sí mesmo como da propia familia.

En definitiva, esta historia de Francisco Castro presenta un cóctel de didactismo e vitalismo a partes iguais. Unha novela pequena para o seu público máis infantil pero que aborda grandes dimensións da sensibilidade humana. Sen dúbida, un acerto para calquera público e un convite a reflexión e a reconsiderar o valor da nosa propia vida.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page