top of page

Xosé Duncan: "Considero que a fantasía é un xénero tan de adultos que merece o mesmo recoñeceme


Xose Duncan (Taragoña, 1970) é un autor galego que deu os seus primeiros pasos no mundo da literatura dentro do proxecto Contos estraños, no que participou dende os seus inicios.

Xa dentro de Urco Editora conta con varias publicacións: a triloxía As crónicas de Bran (Urco, 2013-15), Hostal Norte (2014) e Negruña (2016). Participa no novo proxecto literario de Urco, Contos do Sacauntos, nado no eido das Xornadas Romasanta en Allariz, e é un dos creadores da web literaria lermos.gal.

1. Unha pregunta sinxela, ¿Quen é Xosé Duncan?. Son un rapaz de aldea emigrado á cidade cando non tiña máis de tres anos. Amante da música, das motos, da tecnoloxía e, cando era novo, un lector voraz de fantasía e terror. Despois, cando medrei e o meu tempo de ocio era moito máis limitado, comecei a escribir en vez de ler. Non sei o porqué mais, cando algo me apaixona, sinto o impulso de querer facelo eu, de non ser un mero espectador. Ás veces sae ben e outras é un verdadeiro desastre, porén, non podo evitar tentalo. No caso da escrita tiven a sorte, ou non, de ir aprendendo ao mesmo tempo que ía publicando. Comecei con algo máis ‘accesíbel’ como son os relatos e, aos poucos, fun creando novelas longas e curtas.

2. ¿Cal foi a túa primeira inmersión no eido da literatura? ¿Foi dende cativo unha ocupación ou divertimento para vostede? Como lector as miñas primeiras achegas foron obras ‘clásicas’ que collía na biblioteca da escola ou as municipais que había daquela: a do actual Arquivo de Galicia e a dos Xardíns de Méndez Núñez. Con nove anos comecei con Drácula, A caída da casa Usher, Frankenstein, Os asasinatos da Rue Morgue e, cando cheguei ao instituto, continuei co Señor das Moscas, Fahrenheit 451, Un mundo feliz e cousas polo estilo. Como escritor escribín varios relatos curtos na adolescencia que, por fortuna para o mundo, quedaron esquecidos e atrevinme cunha novela cando tiña 22 anos. Levoume moito, moito tempo rematala e, de feito, aínda lle fixen un ‘remake’ hai pouco para darlle o acabado final. En canto a que foi para min… Sempre foi un divertimento, unha válvula de escape. Talvez, desde que publico o que escribo, estea a converterse nunha ocupación un chisco máis ‘estresante’ pola presión que supón querer mellorar e ver os teus libros expostos ao público.

3. Sempre di que Contos extraños foi un momento importante na súa carreira literaria, a porta de entrada. De feito, tamén foino para moitos escritores galegos. ¿Qué pensas da designación do voso colectivo como “xeración extraña”? A min, particularmente, encántame esa designación por todo o que implica. Somos xente estraña, autor*s estrañ@s, alle@s ao sistema literario actual mais, penso, máis próxim@s ao que precisan os lectores galegos de hoxe en día. Hai tantas formas e xéneros narrativos cos que experimentar, tantos mundos marabillosos que case non teñen representación na nosa lingua. Si, estou convencido de que ‘xeración estraña’ é unha designación moi acaida para nós.

4. ¿Cómo foi escribir As crónicas de Bran?. Unha saga semella un proxecto inmenso para un autor novel. Foi complexo, si. Na miña defensa podo argumentar o meu atrevemento dicindo que, conceptualmente, era un único libro. De feito, malia ser unha triloxía, a trama é continua e lineal desde o primeiro volume até o terceiro. A idea detonou a partir de dous relatos que publiquei en Contos Estraños: O ollo do corvo e Os últimos de Landeiras. Penso que foron eses dous contos tan diferentes os que aportaron a mestura entre fantasía épica e terror sobrenatural que se pode ver nas Crónicas. Ademais, os dous estaban ambientados no Barbanza. En diferentes épocas mais nunha mesma localización. Iso tamén serviu para os saltos entre universos que acontecen no último volume.

A tarefa de escribir as Crónicas foi complicándose a medida que fun avanzando. O primeiro volume era todo frescura e enerxía, unha aventura frenética con todos os ingredientes que adoraba das novelas fantásticas. No segundo xa me sentín coa obriga de explicar as motivacións de cada personaxe (son unha chea deles) e iso levou a que tamén se complicase a trama, deixando a velocidade desenfreada da acción en prol dunha narrativa máis traballada. O terceiro converteuse en algo angustioso por momentos. Tiña que fechar todas as liñas abertas, quería que fose o mellor dos tres e, por enriba, enfrontábame ao fin do mundo, ao Ragnarok particular das miñas criaturas. Quedei moi contento coa historia mais, seguramente, lle peguemos unha revisión bastante completa dentro de pouco.

5. ¿Cales foron as túas influencias para a construcción do mundo fantástico que hai nesta saga? Por unha banda, as miñas vivencias na miña aldea. Todo canto me marcou de adolescente, cando pasaba os veráns en Taragoña. As paisaxes, a xente, o mundo do rural visto polos ollos dun rapaz; un rural desde unha perspectiva de ocio, xaora. Pola outra banda, a fantasía épica de Michael Moorcock e Margaret Weis. Tomando das súas obras a amargura e a complexidade emocional dos personaxes e engadindo compoñentes da mitoloxía celta, algúns toques wiccanos e moito de lendas e folclore da miña aldea.

6. Hostal Norte é unha novela moi experimental. Tanto é así que ten unha cantidade de simboloxía e enigmas que a fan literariamente interesante. ¿Cómo xorde a idea de escribir esta historia? É unha banca de tres patas. A primeira foi a proposta de Urco de escribir unha novela curta para a súa liña xuvenil. Fun quen de cumprir a proposta só no primeiro capítulo xa que, despois del, a novela cobrou vida propia e foi por vieiros non demasiado axeitados para o rango de idade ao que vai dirixida a liña editorial desa colección. A segunda pata é a primeira das influencias que ten esa novela, o filme Identidad de John Cusack. Quixen traballar o concepto do engano total ao lector, só deixando unha serie de pistas espalladas pola novela, en forma de imaxes e personaxes que, de xeito repetitivo e aparentemente inofensivo, aparecesen ante o protagonista constantemente, coma unha presencia que sempre o acompañase. E a terceira pata foi a novela Entre los muertos de Edward Bryant e a narrativa tan onírica e surrealista que ten. Foi o que me levou a escribir os capítulos oníricos. Son escenas imposíbeis para o lector. No momento no que aparecen na novela, o lector non pode ser quen de atoparlles o sentido mais, se se len unha vez rematada, talvez, ve a relación que teñen coa trama e os protagonistas. En resumo, a intención era propor un xogo de pistas e detalles case invisíbeis que fan moi arriscada esa novela. Se o lector non se decata delas, ou eu non souben amosalas debidamente, o final pasa de espectacular a ridículo en cuestión de segundos.

7. Supoño que ese particular gusto polo misterio e o terror ten parte de culpa en moitas das súas lecturas. Si. Non só das lecturas que comentaba antes senón tamén dos filmes, da banda deseñada, da música que consumín e consumo, e, en definitiva, do que me chama a atención ou me atrae da vida. Considero que a vida que levamos é moi aburrida, demasiado real. Non son relixioso nin creo que haxa nada despois da morte mais gusto de imaxinar, soñar, con que hai algo máxico e sobrenatural ao noso redor, dándolle un pouco máis de emoción aos anos que pasaremos neste mundo.

8. Negruña é unha historia extensa e ten unha gran cantidade de elementos de distintos xéneros. ¿Foi complexo enlazar pezas tan distintas? Pois resultoume máis doado cás Crónicas, por exemplo. Supoño que será porque o número de personaxes, aínda que grande, era máis reducido e, sobre todo, as súas afiliacións eran tamén máis claras e definidas. Tiven tamén a gran sorte de contar co meu equipo de ‘beta-readers’.

Con Negruña fixemos un pequeno experimento na liña de traballo que consistiu en que el*s ían lendo a novela capítulo a capítulo e reportaban as súas impresións a tempo case real. Deste xeito, en lugar de darme a súa visión cando a novela xa estaba rematada, tiven un retorno do que gustaban máis a medida que eu ía escribindo. Sempre o comento nas presentacións pero, por exemplo, o capítulo ambientado na India que narra a nenez de Marut non se tería escrito se non fose polas opinións do equipo que demandaron saber máis sobre o noso xigante mudo. Si que é certo que, a medida que ía achegándome ao final, converteuse nunha guerra fría entre a liña distópica e a fantasía histórica. Cada unha delas turraba con moita forza, reclamando ser a protagonista, e custoume manter o equilibrio.

Se xa falamos dos limiares ‘documentais’ que preceden os capítulos, eses pequenos anacos foron fundamentais para explicar o proceso que levou a Negruña a estar como estaba e, tamén, para vestir os capítulos históricos con pequenas píldoras informativas que axudaban a comprendelos mellor.

9. Negruña é unha publicación que ten moito de crítica, de sátira, de denuncia e mesmo de revolución. En definitiva, é unha novela moi vital e actual. De feito, eu considero que distopía postapocalíptica é unha etiqueta moi ínfima para a novela… Eu véxoa máis como se fose as miñas memorias de mocidade na Coruña. Cando eu cheguei a esta cidade, agora vou parecer un avó contando batallas, os barrios estaban moi definidos, funcionaban case coma clans e a xente facía a súa vida case integramente no barrio. A división viña dada moitas veces pola orixe dos habitantes, se eran das Rías Baixas ou de Lugo ou de Ourense… Outras pola diferencia económica e social. Penso que as cousas non mudaron tanto hoxe en día. Quizais haxa máis quero-ser-rico-mais-non-podo-pero-como-mola-parecelo mais seguen a ser as mesmas diferenzas de sempre. Despois están as políticas que padeceu Coruña. Verdadeiros despropósitos en prol de facela ‘bonita’ e turística mentres os barrios non contan con servizos mínimos como pode ser accesos para cadeiras de rodas ou unha xestión correcta do urbanismo e as zonas verdes. En fin, quedou unha novela longa (non é tan curta como poida semellar pola maquetaxe) mais Negruña/Coruña aínda daba para criticar unhas cantas páxinas máis.

10. Qué podes dicirnos de ese novo volume colectivo no que participas : Os contos do Sacauntos : Romasanta o criminal ? Pois que é un proxecto fantástico e que era moi necesario para a nosa cultura contemporánea. Os británicos teñen a Jack e non deixaron de pasar a oportunidade de levalo centos de veces ao audiovisual e á narrativa. Nós temos a un suposto serial-killer e non facemos nada con el. O volume de Romasanta, o criminal é o primeiro dunha serie de libros colectivos que saen do forno das Xornadas Romasanta que se celebran en Allariz (hai uns días tiveron lugar as deste ano) e nas que @s escritor@s coñecen de primeira man os diferentes puntos de vista do fenómeno Romasanta: xurídico, criminolóxico, social, psicolóxico, etc. O complicado deste tipo de relatos é combinar a información real e histórica que recibes coa fantasía e o misterio que lle queres aportar.

11. Cre que a fantasía ten boa acollida no sistema literario galego? Na miña modesta opinión, non. E digo non porque considero que a fantasía é un xénero tan de adultos que merece o mesmo recoñecemento que calquera outro. Se escribes fantasía, semella que o estás a facer forzosamente para a rapazada ou para unha comprensión lectora inferior do que poida agardar unha persoa adulta. A fantasía queda relegada a ser ese primeiro prato que se lle dá de xantar aos cativos para que, cando desenrolen o sentido do gusto e saiban gozar de cociña de deseño, lean literatura ‘seria’ na súa madurez. O que está claro é que está nas nosas mans mudar ese prexuízo, tentando crear as mellores obras que sexamos capaces e que vallan, ademais, para atraer novo lectorado que nunca se achegara a unha obra en galego.

12. Para rematar, ten pensado publicar algunha nova historia próximamente? Si. Teño escritas tres novelas agora mesmo. Dúas curtas (non tan curtas coma Hostal Norte) e unha longa. O plan de publicación é sacalas con Urco a razón de unha por ano. Se todo vai ben, a seguinte poderemos presentala no meu aniversario (para o mes de marzo) e as outras terán que agardar a súa quenda. As dúas curtas van nunha liña moito máis intimista e onírica do que fixen até o de agora (en especial unha delas é un verdadeiro experimento de estilo) e a longa é fantasía pura e dura.

 

Obras de Xosé Duncan

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page