Segundo Anfiteatro: Teatro do Atlántico, Helena: Xuízo a unha lurpia
Ficha técnica
Autor: Miguel del Arco
Dirección: Xúlio Lago
Adaptación: Inma López Silva
Escenografía: Antonio F. Simón
Deseño de son: Anxo Graña
Deseño de iluminación: Xúlio Lago
Vestiario: Susa Porto
Música: Anxo Graña
Intérprete: María Barcala
Sesión: Santiago, 15/12/2016
Sinopse:
Nese espazo no que a nosa memoria a converte en INMORTAL, atopámonos con Helena de Troia, "a bela Helena", a filla de Zeus e Leda, a esposa de Menelao, a amante de Paris. Estamos no século XXI. Helena xa non é "a bela Helena", senón unha muller con certos signos que nos falan do implacable paso do tempo; malia iso mantense posuidora dunha enerxía desbordante, habitando nunha especie de tobogán emocional transitado polos intensos episodios da súa travesía vital.
A historia da humanidade sempre foi unha das máis ilóxicas manifestacións da violencia pola violencia, do arrebatar sen pedir nin esperar resposta e da cobiza, que no seu punto máis álxido logrou establecer ditaduras e provocar incribles matanzas. Non o neguemos, o ser humano ten unha capacidade destrutiva que moitas veces é maior que a construtiva pero, a nosa maior capacidade é a de xustificar todo o que facemos. Todo ten xustificación, ata a máis tráxica violación das leis naturais. Na guerra de Troia, Helena foi a xustificación. Unha muller que por mostrar iniciativa e buscar o amor foi causa dun dos conflitos máis grandes da época clásica. Imaxinade por un momento que Helena, condenada a vivir nun "non espazo" conseguise comunicarse con nós e explicar a súa visión dos feitos, esa que non foi nunca escoitada.
Helena: xuízo a unha lurpia, é o resultado da suposición de que a propia Helena de Troia (María Barcala) tivese unha oportunidade para contar a súa visión da historia, a que sempre foi esquecida. Ela non busca unha liberación dos seus cargos nin cambiar a súa condición, de feito séntese culpable da traxedia, pero non da que todas a fan responsable. O interesante do extensísimo monólogo de Helena non é dar unha xustificación a todos os feitos, mais ben é presentar unha voz feminina que nunca tivo importancia. Helena foi espectadora duns feitos que nunca puido evitar nin sequera intervir neles. O resultado foi o castigo por un dano que non quixo producir nin foi capaz de comprender as súas verdadeiras razóns.
No texto, nunha tradución fidedigna de Inma L. Silva, Miguel Arco ispe a este personaxe histórica e mostra a parte máis persoal. Helena é a que comeza a obra e a que a remata. Non Helena de Troia. Os feitos relátanse dende a individualidade, non hai no seu discurso un "nos". Búscase desmontar o mito de Helena de Troia dende Helena, non desde a cultura falocéntrica que culpou a beleza para xustificar a barbarie. Un monólogo intenso, moi narrativo, sen esquecer algunha parte lírica, que outorga o espectador a esquecida peza na historia para que esta teña sentido. Como única crítica negativa sinalar que o espectador ten que estar moi centrado no espectáculo, perder un pouco de atención pode facer que sexa complexo recobrar o ritmo nun texto tan intenso.
María Barcala é a responsable de dar vida a Helena de Troia. Dende ese "non lugar" xoga co espectador nun soliloquio no que as moitas apelacións conseguen dar o efecto dun diálogo. Helena fala consigo mesma, pero non pode evitar falar cos deuses lamentando a súa desgraza. A actriz de Vila de Cruces consegue facer patente o individualismo do personaxe. A dor, a sensibilidade e ese discurso tan potente e rabuñado fan que a súa interpretación sexa marabillosa.
Fotografía : María Barcala como Helena.
Mención especial merece tamén o vestiario e o espazo escénico. Moitas veces semella que o minimalismo, para ignorantes, é síntoma dunha falta de presuposto ou da pouca lucidez. En Helena: xuízo a unha lurpia, o protagonismo ten que caer en Helena (María Barcala), por iso ese vestido vermello ten unha función tan importante. Consegue que nun escenario dominado polo branco, a forza da tonalidade vermella centre a vista do espectador. Tamén esta moi ben elixido como síntoma de toda a sangue derramada en Troia e da que a Helena cúlpaselle. O espazo escénico constitúese por unhas columnas e unha escalinata e cun fondo azul que semella o mar. Persoalmente, deume una impresión de altitude, como estar no alto dun outeiro. Nese "non espazo" ou "non lugar" onde non se pode nin vivir nin morrer. Unha cela para aquela que non se lle permite arder no inferno nin chegar o olimpo.
Helena: xuízo a unha lurpia é unha proposta moi intensa e axeitada para os nosos días. Nela existe unha visión importante de xénero, crítica social e, mesmo cultural. Unha obra que ten moito máis de actualidade do que a súa personaxe principal indica.