top of page

Recensión: Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta


Título: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

Autora: Ledicia Costas

Ilustracións: Andrés Meixide

Editorial: Xerais

Colección: Fóra de xogo

ISBN: 9788491210702

Nº de páxinas: 248 páxs

 

Premio Lazarillo de Creación Literaria, 2015





Sinopse:

O 21 de maio de 1884 Jules Verne chegou a Vigo a bordo do seu impoñente iate. O afamado novelista levaba moito tempo atrás da pista das misteriosas mulleres planta. Lograría por fin, logo de tantos anos de busca, atopalas naquela baía? Na botica do vello Philipot custódiase un importante segredo: alí, aparentando normalidade, viven a avoa Melisa e Violeta, dúas mulleres rodeadas dun halo de misterio. A chegada de Jules Verne á botica revolucionará as vidas desta singular familia. O tempo esgótase: a avoa Melisa está enferma e necesitan atopar unha cura. Mais hai ocasións en que non se pode loitar contra a forza da natureza. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta é unha homenaxe ás novelas de aventuras, unha viaxe no tempo cargada de maxia onde todo é posible


 

Todos tivemos nalgún momento das nosa vidas acceso a brillantes novelas de aventura. Quen máis e quen menos tivo acceso as novelas de Emilio Salgari, Stevenson, Dumas ou Jack London e, por suposto, as de Jules Verne. Do que non tiña todo o mundo coñecemento, inclúome no grupo dos incultos, é de que o afamado escritor francés pisou o porto de Vigo en dúas ocasións. A verdade é que na primeira non puido queixarse co recibimento, case como unha superestrela. Na derradeira delas, pénsase que unha avaría foi a culpable de que se detivera en Vigo. E se iso non fose todo? E se algo se agocha tras esa avaría no seu iate?. Ledicia Costas ten a resposta.

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta é unha homenaxe tanto á figura do escritor francés como á propia cidade de Vigo. As páxinas desta novela teñen ese cheiro tan característico do mar, permiten sentir o frescor do vento e son unha chamada ó lector para que sexa testemuña da aventura dos nosos protagonistas e da historia da cidade. Como vigués, non podo esquecer anotar este último aspecto, xa que o amor que amosa a autora pola cidade consegue transmitilo dunha maneira brillante.

Vigo é unha cidade con arterias, pulmóns e toda unha estrutura ósea que a sostén. O seu corazón é azul e os devanceiros puxéronlle o nome de Atlántico. El é quen expande o recendo salgado por toda a costa, coma se albergase no interior das súas augas un artefacto manexado por misteriosos e incansables animais mariños que nunca deixan de bombear coas súas patiñas, mentres exhalan burbullas de aire. (páx. 11)

Pero non so a autora é unha amante da cidade, os seus personaxes tamén o son. Pierre e Jules Verne, aínda sendo estranxeiros, amosan unha total admiración pola nosa cultura. O mesmo que Sanjurjo Badía, que pese o seu mal talante, pasou a historia de Vigo polos seus inventos. Phillipot, Melisa e Violeta escollen a cidade como lugar onde esconder o seu secreto, e no fondo do seu corazón, saben que na cidade van a atopar respostas. Aínda vivindo en momentos distintos da historia, ambos (autora e personaxes) son capaces de representar a esencia da cidade, por riba dos diferentes nomes das rúas, das distintas vestimentas ou costumes das súas xentes.

Jules baixou do Saint-Michel III tratando de disimular a emoción que lle producía pisar de novo aquela cidade. (...) Non ía frío ningún, o día amencera cunha agradable caloriña primaveral, coma se a cidade quixese recibir o novelista por todo o alto. (páx. 21)

Violeta sentíase unida a Vigo dunha forma especial. Para ela non era posible buscar a quintaesencia da cidade que amaba. Como elixir entre as cousas que máis lle gustaban daquel lugar, cando todas eran intanxibles: o arrolo das mareas no seu xogo eterno coa area, a airexa que axitaba con elegancia o velame dos barcos no peirao, o voo das gaivotas e das pombas, o son das súas ás ao axitárense tan alto, alá arriba, no espello do ceo. (páx. 99)

A narración, coma sempre, é unha das grandes marabillas da novela. A autora consegue aplicar esa voz tan persoal e agarimosa que tanto a caracteriza ó seu discurso. A propia musicalidade da prosa xunto cun montón de referencias sensoriais permiten unha perfecta inmersión (nalgunhas partes completamente literal) do lector na historia. As leccións históricas mestúranse coa narración e, con todo, iso non fai que se esqueza de respectar a marca da casa das súas historias, aprender deleitando ós lectores.

Pequenos ou maiores, vigueses ou non vigueses, gozarán desta fermosa historia de aventuras, amizade e amor, aderezada cunha reflexión necesaria sobre o papel das propias mulleres na sociedade. Sen dúbida, unha aventura tenra, fermosa e inesquecible.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page