top of page

Recensión : Héctor Cajaraville, A caixiña dos rancores


Título: A caixiña dos rancores

Autor: Héctor Cajaraville

Editorial: Xerais

Colección: Fóra de Xogo

ISBN: 9788491211273

Nº de páxinas: 328 páxs






 

Sinopse:

A xuíza Felpeto, acabada de chegar á localidade costeira de Valdomar, revoluciona a vila coas súas orixinais sentenzas. Cando Estevo é obrigado a pasar todo o verán visitando a Chiruca, a anciá a que atropelara co seu ciclomotor, imaxina unhas soporíferas xornadas aturando as historias daquela muller que cruzara polo paso de cebra sen mirar. Pero todo cambia cando a casualidade fai que o mozo descubra un segredo que ten na súa cerna a Chiruca e que ela mesma descoñece. Coa axuda de Paula, a noiva de Estevo, o nobelo daquel misterio irase desenredando ao mesmo tempo que xorde entre os tres protagonistas unha relación tan profunda como inesperada, que pasa por riba da diferenza de idade e que demostra que a amizade verdadeira non entende de prexuízos nin de convencionalismos.

Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, 2015

 

Quen podería imaxinar que dous elementos tan aparentemente inconexos como un atropelo accidental e o roubo de nenos poderían dar lugar a unha historia verosímil e cunha consistencia tan tremenda?. Supoño que ningún de nós pode, pero Héctor Cajaraville fixo ese traballo de conexión por nós e agasállanos unha novela cun ritmo trepidante e chea de camiños en continuo cruzamento.

A caixiña dos rancores é unha novela que gusta a calquera lector. As súas tramas combinan elementos de distintas procedencias cunha calidade narrativa ó alcance de moi poucos. Posúe unha estrutura moi compacta que permite ó lector organizar as ideas e os datos con facilidade, e recompoñer tanto a vida dos personaxes como o caso que tanto lles preocupa. Hai un traballo moi relevante na composición das biografías dos personaxes, enchendo todos os ocos posibles e facendo da lectura unha investigación histórica na que o lector tamén participa.

"Un día collín a miña caixiña dos rancores, esa que todos temos e que se vai enchendo a medida que andamos pola vida, seguro que ti tamén a tes... Pois collín a caixiña e pecheina ben pechada; logo guindei a chave ao mar e algún todopío encargouse de afundila entre a xerfa da beirada. A caixa non a tirei, porque non hai que esquecer nunca, pero por aí quedou, cerrada e gardadiña, tanto que xa non sei onde está. "(páx. 308)

A amizade interxeracional que se da entre Chiruca e Estevo non é cousa do azar, senón da comprensión de que a experiencia e a xuventude son eidos en constante interacción. O tratamento da cuestión dos nenos roubados é importante na construción dun imaxinario social pasado por parte de Estevo, que aínda que non o pode aceptar, axúdalle a comprender a inexistencia de límites na cobiza, a ruindade e as diferencias sociais. A concepción do mundo tan pechada de Estevo, tamén de Paula, desaparecerá, sendo isto un paso de xigante cara a propia madurez.

Respecto dos personaxes, o realismo é o máis importante neles. Vese que o autor ten ben apuntada a receita para a creación duns bos personaxes, xa que Chiruca, Paula e Estevo están perfectamente construídos. Os elementos que os fan merecedores de esta anotación son: os seus comportamentos máis orgánicos que novelescos, o seu discurso lonxe de ser prefabricado xorde da espontaneidade e o inmediato e que a súas relacións teñen vida fora do papel.

Coma sempre, as novelas de este autor merecen un apartado sinalando a importancia da linguaxe. Aínda que menor que en De Remate, os elementos folclóricos (como as cantigas e as cancións de traballo) están presentes e o rexistro é adecuado e distinto en cada personaxe. Tamén se introduce a combinación de diálogo clásico coa reprodución do mesmo a través das redes sociais coa súa xerga específica. O humor está presente principalmente no xogo de palabras e na retranca, que achega o texto aínda máis ó especificamente galego.

Na parte negativa sinalar que cústame un pouco crer a reacción de Carolina de confesar todo de primeiras sen ningún tipo de dificultade. É certo que iso demostra que é un personaxe que busca redención, pero o certo é que se non precisaba desa presión dos rapaces é difícil de comprender que non actuase. Nela non creo que haxa unha dúbida, ao máis puro estilo Hamlet, senón a intención de agochar todo por máis tempo aínda que teña que vivir con iso.

A caixiña dos rancores é unha novela que todo adolescente, cativo ou adulto debe ler. Unha historia de tristuras e enganos pero tamén de amor e amizade. Sen aderezos de ningún tipo e cun ritmo áxil e unha prosa sinxela, esta publicación de Cajaraville é tan natural como engaiolante.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page