Recensión: Chimamanda Ngozi Adichie, Todos teriamos que ser feministas
Título: Todos teríamos que ser feministas
Autora: Chimamanda Ngozi Adichie
Editorial: Sushi Books
Tradución: Moisés Barcia
ISBN: 9788415920991
Nº de páxinas: 56 páxs
Sinopse:
“O problema cos roles de xénero é que prescribe como teriamos que ser, no canto de recoñecer como somos. Imaxinade canto máis felices seriamos, canto máis libres de ser quen somos en realidade, se non soportásemos a carga das expectativas de xénero.” Chimamanda Ngozi Adichie demostra neste elocuente e perspicaz texto que ser feminista non é cousa só de mulleres. Neste libriño, a autora nixeriana ofrece unha definición singular do que significa ser feminista no século XXI, cun estilo claro e directo, sen deixar de lado o humor, ao tempo que dá pistas de como facer deste mundo un lugar máis xusto. Adichie recorre á súa experiencia persoal, como muller residente en Lagos, e a numerosas expresións da desigualdade de xénero que se poden ver aínda a día de hoxe en todo o mundo.
"Decidín falar do feminismo porque para min é algo importante. Sospeitaba que quizais non fose un tema moi popular pero tamén confiaba en iniciar un debate necesario. ciaciaDe xeito que aquela noite mentres estaba no estrado, sentinme coma se me achase en presenza dunha familia, un público amable e atento, pero que podía ofrecer resistencia ó tema da miña charla. Ó final o seu aplauso pechado deume esperanzas" (Limiar, páx.10)
Non hai dúbida que o feminismo é hoxe un debate necesario, máis ben obrigatorio. A posición e influencia da muller na sociedade aínda é moi limitada e a súa capacidade de acción é sempre freada. Considérase radical irromper nunha sociedade perfectamente organizada, vista dende unha óptica masculina claro, e ilexítimo, para moit@s, manifestar a igualdade social, económica e política entre homes e mulleres. A "normalidade" é o maior erro da sociedade, cualificar unha práctica cuestionable como normal, simplemente pola súa frecuencia, é un erro imperdoable nunha suposta democracia.
"Se facemos algo unha e outra vez, acaba facéndose normal. Se vemos a mesma cousa unha e outra vez, acaba facéndose normal. Se só os nenos poden ser delegados da clase, nalgún momento todos pensaremos, aínda que sexa de xeito inconsciente, que o delegado da clase ten que ser un neno. Se só vemos nenos como máximos responsables das empresas, empezará a parecer natural que os máximos responsables da empresa sexan homes" (páx. 18)
Nesta recensión non hai moito de literatura como arte, pero si de literatura como discurso. A palabra é un dos elementos máis poderosos que temos e o seu uso non precisa de aderezos nin de simboloxías, a verdade e a franqueza son os inimigos máis poderosos da represión. A literatura sempre foi útil no discurso feminista, non se deben esquecer textos como Un cuarto de seu de Virginia Woolf. O discurso literario tivo moita importancia no pasado como fundamento de moitas ideoloxías.
"Os roles de xénero importan en todas as partes do mundo. E hoxe gustaríame pedir que empecemos a soñar cun plan para un mundo diferente. Un mundo de mulleres e homes máis felices, que son máis honrados consigo mesmo. E velaquí, como empezar temos que criar as nosas fillas doutro xeito; e temos que criar os fillos doutro xeito" (páx. 29-30).
Chimamanda pide neste breve texto, resumo da súa charla TED co mesmo título, a igualdade entre homes e mulleres mediante a educación dos nenos e nenas na discusión dos valores do patriarcado e o continuo cuestionamento da moral e da sociedade. Iso non ten a intención de crear individuos escépticos, senón mellorar o entendemento de conceptos como xénero ou sexo, ou reclamar a posición de cada individuo cun espazo propio e igualitario dentro da sociedade.
Persoalmente, este discurso da autora nixeriana é dunha forza e intensidade moi interesante. É un discurso de igualdade e de conciencia da necesidade de superación das estruturas actuais. Non é unha narración simbólica nin chea de didactismo gratuito, senón que ten como obxectivo a reflexión e dar conta o lector/público das prácticas que o rodean e nas que moitas veces non repara. Un cuarto de seu, considerado o primeiro gran discurso feminista, na miña humilde opinión é unha obra tan simbólica e indirecta que non chega con facilidade ó público e que complica moito a comprensión do pensamento de Woolf para o gran público. Chimanda sen embargo, en apenas sesenta páxinas, si.
En resumo, Chimamanda propón neste texto un chamamento a igualdade e a educación en valores xustos dende o propio nacemento do individuo. A formación como seres igualitarios ten como punto de inicio a infancia e non pode rematar nunca. En definitiva, Todos teriamos que ser feministas, é un texto de lectura obrigatoria a todos os niveis, fácil de comprender e con moito que analizar.