Presentación: Sabela González, Sangue de lúa (Vigo, 24/03/2017)
Este venres 24 de marzo tivo lugar en Vigo o acto de presentación de Sangue de Lúa, a derradeira entrega da triloxía As crónicas de Landereina de Sabela González. O lugar escollido foi a emblemática librería Librouro (Eduardo Iglesias, 12). Este acto contou coa presenza da propia autora e a compaña de Carlos Lema, en representación da Editorial Galaxia.
Carlos Lema presentou a triloxía como unha obra "moi estruturada", de feito sinalaba como os diferentes tomos seguían a orde clásica de introdución, no e desenlace. Por suposto non puido evitar eloxiar o traballo da autora nun xénero do que el non se considera un lector habitual. Non desaproveitou a oportunidade para facer algunhas preguntas acerca da procedencia dos nomes de moitos dos personaxes e lugares e tamén para declarar o impresionado que estaba polo compoñente de organización que teñen as novelas. En realidade, creo que so alguén tan entusiasmado con isto puido sinalar que a circularidade dos emblemas das portadas non é so estética.
Precisamente aí está a orixinalidade e o traballo da autora. En catro anos publicou esta triloxía que leva na cabeza "moitos anos, máis de dez" e na que todo o mundo artéllase dunha maneira tan textual como visual.
Sabela González non tivo máis que gratitude para os asistentes e a editorial por confiar nela e no seu proxecto. Declarou que non ten intención de escribir nada máis sobre este mundo de Landereina, xa que quere traballar en "novas historias", aínda que, afirma, "non se pode dicir desta auga non beberei e este cura non é meu pai". Deixounos tamén detalles sobre o proceso de creación literaria e sinalou a súa preferencia "polos secundarios" aínda que non esquece "ás súas mozas" protagonistas.
Para pechar o acto xurdiu a eterna pregunta nos seus actos sobre a elección de dúas mulleres como protagonistas. Para a autora, foi algo feito "sen pensar" algo que xurdiu da propia espontaneidade e sen unha vinculación cos roles da muller noutras novelas. De feito o interesante desa espontaneidade é que "se escollera un home ninguén preguntaría".
En definitiva, un acto familiar, a todos os niveis, e moi interesante para pechar o primeiro ciclo de Sabela González como autora e a que persoalmente desexo, que publique coa mesma ilusión e sensibilidade que sempre e que poida volver coincidir con ela cunha nova publicación baixo as mans.