Recensión : Fran Alonso, Terraza
Título: Terraza
Autor: Fran Alonso
Editorial: Xerais
ISBN: 9788491211556
Nº de páxinas: 80 páxs.
Sinopse:
Un home contempla a vida e o paso do tempo desde a terraza dun bar e escribe poemas mentres toma un café. Pero a vida –e o tempo–, coma un agromo que se renova cada día, nunca se detén, nin nas miradas extraviadas dos perdedores, nin na arrogancia indomable dos adolescentes, nin no narcisismo fetichista das redes sociais, nin na estrañeza das avestruces que se ocultan, nin na aceptada resignación das persoas devoradas pola rutina, nin na ambición insolente e pretensiosa das motos.
Nesta era onde a tecnoloxía e o consumismo absorben moitas das esferas da vida do ser humano, esquecemos que a innovación no eido artístico non está nos grandes medios, senón no pleno contacto coa realidade, sen ningún filtro artificial que poda enganar os sentidos. No feito tan simple, a súa vez complicado, de coller lapis e papel e debullar o mundo a través de versos pode estar a esencia dos nosos tempos do massmedia e o crush financeiro.
A clientela da terraza está
formada por diminutos
home solitarios - coma min, penso-.
pequenos grupos de mulleres
que se citan aquí e,
por veces, algunha mesa de estudantes
aos que a palabra adolescencia
lles ferve baixo a pel (páx. 24)
Terraza, como o seu título xa suxire, é unha poética do cotián, do costume, do feito social, da actualidade. Un libro de poemas que presenta a ansiedade na que vive unha sociedade cimentada na velocidade e no maquinismo, feitos que tanto fascinaron a Marinetti e ós seus colegas de vangarda. O eu poético analiza a sociedade dende unha posición que semella allea a súa concepción, estático nunha mesa nunha cafetería. Isto permítelle presentar a enorme flutuación de persoas, cun comportamento propio da enxeñería, practicamente inorgánico, en continua transición sen chegar a unha meta.
A cidade compórtase como un todo estruturado na que ningunha peza pode negar a súa natureza dentro do todo e da que non se pode fuxir. A tecnoloxía e o sistema son culpables de que o ser humano, xa na súa natureza dúctil, sexa practicamente insensible ó concepto de sociedade ou a arte. As conversas non se producen por medios especificamente humanos e a noticia non xorde da observación senón da información dunha colectividade chamada internet. Os grandes edificios e o continuo movemento limitan a observación dos elementos dunha cidade como Vigo, que no século XXI pode perder a súa condición de marítima.
Hoxe podo ver o número dos autobuses
(pasa o 9A, Urzaiz- Pi i Margall),
pero apenas vexo o mar e, definitivamente,
perdín a miña condición de atalaia.
Síntome cego porque vexo
o que non quero. (páx. 30)
O eu poético fai un exercicio de desintoxicación e de rebeldía contra a sociedade facéndose forte e constante dentro dun lugar fugaz, como a cafetería. Nel observa ós cidadáns que piden e consumen sen deterse a ler o periódico ou a ter unha conversación coa persoa que teñen diante. Un momento de descanso convértese en algo cotián e fugaz no que somerxerse na rede ou falar con terceiras persoas e ignorar a quen tes diante. O poeta polo tanto é unha illa nun arquipélago que so conserva o título, xa que tende a fragmentariedade. A tarefa de escribir poesía é un exercicio no que o eu poético íspese completamente e nin sequera recibe a atención dun outro.
Escribir poemas
nunha terraza como esta
é un feito estraño, que
en boa medida me deixa espido
en plena rúa. (páx. 50)
O que está claro é que toda actividade que vaia en contra do socialmente aceptado, remata sendo un paso en falso ante unha liberdade perigosa. A rebeldía ante a ansiedade da cidade, mediante o estatismo, sentado nunha cadeira dun lugar de transición, pode levar o costume e polo tanto a formar parte desa masa mecánica que chamamos sociedade. Polo tanto a caer no maquinismo, e incluso no animalismo porque se perdemos a palabra non temos nada que nos diferencie dese "outro" animal que cremos tan afastado de nós.
Os gatos ladran e
os caos miañan,
a terra treme,
fiarse nestes tempos
é como pretender camiñar
por riba das augas. (páx. 58)
Respecto do estilo, Fran Alonso presenta nesta obra o coloquialismo como bandeira, a utilización de imaxes máis ferintes que fermosas e a sinxeleza fronte a recursos discursivos cargados de complexidade. O ritmo do poemario basease en versos curtos en continuo encabalgamento e cun léxico moi do cotián remarcando moitísimo termos do campo semántico do incómodo e o urbano.
En resumo, é moi agradable ler versos tan directos froito dun exercicio de observación tan intenso. Terraza é un conxunto de versos "nerviosos" con ruído de coches e cores de semáforos. Fran Alonso preséntanos un poemario cun marcado ton social e de crítica sen caer na demagoxia e cunha enorme capacidade comunicativa.