top of page

Recensión : Manuel Esteban, A ira dos mansos


Título: A ira dos mansos

Autor: Manuel Esteban

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491211013

Nº de páxinas: 192 páxs

 

Sinopse:

O cadáver dunha nena con síndrome de down aparece nos terreos do edificio Bandeira en Vigo. Para resolver o crime, o inspector Carlos Manso ten que percorrer os intestinos da delincuencia viguesa e internacional. O inspector móvese habilmente polos diversos escenarios da cidade e vive, ao tempo, un proceso que derruba as súas barreiras emocionais. A ira dos mansos é unha magnífica novela policial, cun acusado enfoque social, que propón unha viaxe de superación de moitos prexuízos, cuestionando a normalidade e a perfección e obrigando á reflexión. Escrita cun estilo directo, rápido, eficaz, sen adobíos, a novela apóiase nun gran sentido do humor, ás veces ácido e cínico, e nunha trama que nos atrapa, e que nos obriga a seguir lendo, colocándonos contra as cordas á hora de percibir o que é e non é pertinente dentro das convencións sociais, e poñendo en valor as persoas que traballan con colectivos con síndrome de down. A ira dos mansos é unha novela negra cunha historia trepidante que trata sobre a inclusión, a dignidade e o respecto.

 

Con moito tempo de atraso, principalmente polo feito de que esta publicación tivo dúas etiquetas moi atractivas para os membros da miña familia "Xerais" e "Premio de novela". Por fin puiden ter a miña agardada primeira cita, co consentimento e consello de media familia, co inspector Carlos Manso.

A ira dos mansos tivo unha aparición sorprendente na literatura galega sendo a gañadora dun premio que, polo normal, sempre tivo a autores xa consagrados, ou simplemente non debutantes no mundo da literatura, como gañadores. A aparición de Manuel Esteban como autor da novela foi sorprendente como tamén a irrupción desta no mercado literario onde sigue nos postos máis altos das listas de libros máis vendidos. O éxito non é casual.

A novela brilla con luz propia polo seu ritmo frenético, os seus personaxes con carácter e a aposta por unha visión do mundo que non cae excesivamente na crítica social ambigua e da protagonismo a un colectivo ó que sempre se lle negou. É indiscutible que na novela son as persoas con síndrome de Down as verdadeiras protagonistas tanto da trama, do transcurso como da mesma resolución do caso. É moi interesante ollar este colectivo dende a óptica de Carlos Manso, unha ollada descoñecida, como a nosa propia.

"Por iso me sorprendeu a miña primeira reacción ao ver a vítima. Cando o compañeiro da municipal sinalou o corpo deitado non puiden reprimir un aceno desgusto. Con coidado de non estragarlle a festa aos da científica puiden apreciar, baixo as mazaduras e as feridas da cara, uns trazos inconfundibles : ollos alongados, lingua grande, fronte ampla... Os rapaces con síndrome de Down dan ben nos almanaques, sorrindo ao fotógrafo pero perden feitizo coa boca partida e os miolos espallados polo chan" (p. 12-13)

Carlos Manso supón un punto de conflito na miña opinión da historia. É un personaxe moi feito, cun carácter e humor determinado e con preocupacións máis alá do corpo. O problema é que boto en falta un pouco máis de profundidade na súa biografía. Coido que sería moi interesante coñecer un pouco a situación familiar do inspector, a xustificación de certas formas de pensar, os seus intereses… Pese a que o personaxe sexa tan “incompleto” é moi loable a capacidade de Manuel Esteban para que non resulte a caricatura, hoxe case tautolóxica, dun inspector de policía namorado do seu traballo e inútil no amor. Sen embargo, a evolución na súa concepción sobre os rapaces con síndrome de Down fai del un personaxe moito máis interesante e permítelle o autor presentar pensamentos e divagacións moi interesantes.

"Púxenme en pé cunha frase de Saramago dándome voltas no maxín: <<Deféndenos, Señor, da ira dos mansos.>> O portugués propuxera esta oración anticipando que os maltreitos pola historia, os asoballados, os mansos desprovistos de toda voz, se erguerían, fartos de calar, reclamando o seu dereito a figurar na gran foto da humanidade. Ese día os donos do poder, atemorizados, caerían de xeonllos elevando a Deus esta breve pregaria. O meu irmán e mais eu adoitabamos chancear coa súa posible alusión ao noso apelido" (p. 13)

Lorena paréceme o personaxe máis interesante na novela porque colabora na inmersión do lector deixandoo entrar na súa asociación. Dende a súa posición, dentro dos verdadeiros problemas, un pode presentar mellor as cousas que non se ven fora. Unha transición amable cara a comprensión da realidade. Onde o inspector ve “atrasados” ou “anormais”, ela ve persoas que son máis capaces de transmitir sentimentos e emocións ou de representar aspectos esenciais do que é ser un ser humano que aqueles considerados “normais”. En certa forma, tanto ela como os pertencentes a asociación son tan esenciais para pechar o caso que moitas veces entregan o traballo case feito ó inspector.

"Ás veces os silencios molestan. Este non foi deles. Agarroume do cóbado e introduciume con delicadeza no seu pequeno mundo. Un mundo estraño, inesperado, poboado de seres e cello engurrado, non porque estivesen anoxados senón de pura concentración, de puro esforzo. Imaxinara un repertorio vulgar de bicos con babas e patéticos berros incomprensibles. En troques, atopeime cun Xanadú agochado, unha illa do tesouro sen mapa, un reino perdido á vista de todos." (p. 35)

"Miroume con esa cara que ten de decatarse de todo. Sempre me desarma. Algún día hei de atreverme a dicirlle que detrás da miña fachada de policía desaborido e mordaz hai un idealista que a admira. Que se emociona cada vez que a escoita falar dos seus <<rapaces>>. Que sente envexa do seu lume cando a ve loitando contra o mundo porque é o mundo o que non ten razón cando os despreza. E da súa coraxe testalana e digna do soldado do terzo que sabe que está no bando perdedor e mesmo así, ou precisamente por iso, segue presentando batalla. Aínda que no fondo supoño que ela xa o sabe" (p. 75)

Respecto do estilo, o autor sirvese dunha prosa con períodos curtos, sen aderezos, cunha barbaridade de estranxeirismos e referentes da cultura actual, cun estupendo glosario ó final para os máis despistados, e un ritmo áxil que fai da lectura da novela un acto invasivo nas tarefas diarias do lector.

O entrecruzamento das tramas e a boa resolución das mesmas nun espazo e tempo tan limitados, xunto co protagonismo dun colectivo ó que sempre se lle negou, fai da Ira dos mansos unha novela entretida e de revelación e, por qué non, tamén de revolución.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page