Recensión : Jaureguizar, Placebo
Título: Placebo Autor: Jaureguizar Editorial: Xerais
Selo: Milmanda ISBN: 9788491210948 Nº de páxinas: 200 páxs
Sinopse:
Roi sobreviviu a un accidente horrible. A memoria quedoulle sepultada nun aeroporto de París. De regreso a Galicia debe lembrar quen é, confiar no pasado que lle describen. A súa muller, Beatriz, axúdalle a recompoñer ese tempo, aínda sendo difícil. Roi négase a esquecer o desagradable. Asume que o seu concesionario de coches está na ruína e que ten unha amante, Helena, á que prometeu máis paraísos dos que está disposto a visitar. Andados os días, acepta que volver ser Roi foi un erro irreparable, pero o amor ha axudalo a soportar cada día ata o anoitecer. O amor: ese placebo, esa bonita rúa sen saída.
Nesta sociedade é sorprendente a necesidade que o individuo ten de buscar o benestar físico e mental en compostos químicos e caixas de pílulas. Non é preciso máis que botar un ollo ás listas de fármacos, sendo os antidepresivos os máis vendidos, a normalidade do consumo de estupefacientes ou a dependencia que crea en todos eses suxeitos que venden a súa alma “ó progreso”. Pero cando pensamos que non pode ir peor a cousa, o remedio “natural” que atopamos e localizar un anxo da garda e elixilo como foco de dependencia, ese pau que debemos agarrar se non queremos que a vida se perde nin deixar de virar neste mundo cada vez máis merdento. Químico, artificial ou físico, nos momentos de desgraza todos buscamos o noso placebo.
Jaureguizar presenta nesta novela a idea de dependencia nas súas máis cínicas e extremadas condicións. A perda da memoria supón unha fenda na propia vida que lonxe de ser cuberta cos recordos, tapiase coa idea de enganar a identidade. A crise económica, familiar, moral e sentimental é substituida por un estado de aparente felicidade. Nesta novela o trauma cúrase coa mentira e o segredo, e iso é so un placebo.
"Neses días fun un bebé cunha intelixencia poderosa: era quen de analizar o presente na súa complexidade, mais era incapaz de lembrar." (páx. 25)
Placebo é unha historia escrita dende a primeira persoa, a propia subxectividade do eu, e por iso é fácil que calquera fágaa propia. Cunha prosa moi descarada, que non manca pero doe, supón un sucesivo descenso cara o cinismo provocado pola dependencia de calquera cousa que poida cambiar unha vida de merda. Unha publicación no que o silencio é sinónimo de liberdade, da non necesidade, da infancia e con iso do fetiche do consumismo.
"Interrompín a respiración.
De neno xogaba a que ese aceno detiña o camiñar taimado dos minutos. Que hora é no Paraíso? Cortar a respiración durante uns intres procurábame un pasamento fugaz, representaba a garantía dunha eternidade breve e intensa na que gozar daquela felicidade." (páx. 27)
A personaxe de Beatriz é o máis significativo da novela pola súa nula resistencia ante a presión social. Ten unha necesidade insaciable de contentar, de conformar ó outro con ela mesma, polo que non dubida en modificar a súa aparencia, costumes ou gustos. En ningún momento vive na mentira que organiza Roi, é partícipe dela pola necesidade de facela real. Roi é un personaxe que pensa que a vida está na mercancía e as facetas máis crematísticas da vida, non entende o concepto de familia, o de fidelidade ou o de humanidade. O seu placebo é negar a necesidade da parte máis humana da humanidade.
"- A vida é un proceso moi sinxelo –argumentei-. As materias que a componen son erguerse, defecar, comer e volver durmir. As outras componentes engadímosllas nós por teimar no amor, na ambición ou mesmo na necesidade de calma." (páx. 33)
En conclusión, Placebo é unha novela na que o sentimentos son tan palpables que pese a que se intenten substituír, saen a luz. Unha historia de individuos con necesidades e realidades que non queren admitir e que esconden baixo mentiras, segredos e cinismo. Unha historia dura, tristemente verosímil pero fermosamente construída.