Anxo Fariña : "O libro, pese a ser ficción, relata situacións que poden ser moi plausibles hoxe
Anxo Fariña (Vigo, 1977). Licenciado en Belas Artes. Escritor, ilustrador e Director de Arte. Coñecido autor que compaxina o traballo creativo co contacto directo cos seus lectores, que comprenden un amplo espectro debido á súa variada obra. Ten participado en Salóns do Libro, obradoiros de ilustración, conferencias para docentes, ou en campañas de promoción do galego para a Xunta de Galicia como «Graffiti e letras», «Creando historias con Anxo Fariña» e «Ti creas a historia». Ademais de ler gústalle: escalar, o deseño, os robots, facer snowboard, os reloxos, a arquitectura, correr... e debuxar con música de Frank Sinatra! En Xerais ten publicados os libros A chave da Atlántida (2011) Premio Merlín de Literatura Infantil 2011 e Premio Frei Martín Sarmiento (5º e 6ª Primaria), 2013, a Serie Os Megatoxos, Horizonte de sucesos (2016) e 4_xinetes (2017).
1. De onde xorde a idea de 4_ Xinetes?
En moitas historias, sexa cine, banda deseñada ou literatura, o protagonista principal está predestinado a salvar o mundo. Así que pensei que sería interesante escribir un libro sobre que pensaría e sentiría unha persoa cuxo destino fose o de aniquilar a humanidade.
2. A idea do apocalipse tan potente dentro da relixión, aplícase sen embargo en inevitable relación co tecnolóxico. Poderíamos falar dun credo da cibercultura agora mesmo?
Por suposto. Se te fixas, eu trato a rede social Mysoul (da miña invención) como se estivese a falar dunha relixión. Ten os seus ritos, seguidores, detractores... e todos profesan unha fe, as veces cega. Tanto para ben, como para mal.
3. Polo que teño entendido, gústalle comparar un pouco a novela con outros produtos culturais como series de televisión, como Black Mirror. Que relación cre que establece a súa novela con outras prácticas artísticas e culturais?
Hoxe en día non podemos separar ningún produto cultural do resto. De facelo, estaríamos nun erro. Este libro funciona case como unha serie de televisión ou internet. Para ser un libro é moi visual. Supoño que a miña formación como deseñador e ilustrador tamén ten que ver moito nisto.
4. A estética deste mundo é moi escura, xa non so polos acontecementos que nel se producen senón polas descricións que se fan del. Cre que o noso futuro pode responder a formulación que vostede fai na novela?
Espero que non, gustaríame que no futuro tecnoloxía, natureza e humanidade vaian xuntas sen facerse dano. Por outra banda, se te paras a pensar, o libro, pese a ser ficción, relata situacións que poden ser moi plausibles mesmo hoxe en día. Por exemplo, o poder das grandes corporacións. Se nos fixamos na cesta da compra podemos observar que, pese a multitude de marcas existentes, en realidade son catro grupos empresariais os que están detrás. Por outra banda, xa estamos a ser testemuñas dos problemas coas redes sociais e como algunhas destas podes ser unha fonte de abuso fronte ao cidadán de a pé.
5. O poder das redes sociais para mover masas preséntase na novela como algo tan forte que fai reflexionar o lector. Considera que os nosos comportamentos sociais están fortemente influídos pola rede e as novas formas de comunicación?
Por suposto. Polo menos en certas xeracións xa é así. Os cativos falan máis do que ven en Youtube ou Instagram do que aparece noutros medios. Isto, por si mesmo non ten nada de malo. De feito, existe toda unha rede de bloggers e youtuber que falan de literatura e é algo abraiante. Mais, como digo eu sempre, un coitelo pode utilizarse para facer o máis delicado sushi ou para cometer un horrible asasinato. O problema non o ten a ferramenta, senón que a manexa. Coas redes sociais pasa o mesmo. Estamos a tempo de ensinarlle, sobre todo aos máis cativos, o potencial desta nova ferramenta e así evitar problemas e abusos no futuro.
6. Resultoulle complicado a creación duns personaxes tan diferentes a nivel social e contextual? Ten que ser complexo pensar en diferentes vidas ó mesmo tempo.
Si, pero foi un proceso gratificante. Investigar lugares, sociedades e estratos sociais, gustos, planificar os detalles máis ínfimos.... É como un mecanismo dun reloxo. Se algo non encaixa, aínda que sexa por uns milímetros, non funciona. Penso que nese sentido é o libro que máis dificultades me supuxo, pero polo mesmo motivo foi realmente enriquecedor. Aprendín moito da experiencia de facer unha novela coral coma esta.
7. Na novela hai moitos detalles sobre Xapón que fan a inmersión nese país nipón futurista moito máis interesante. Ten algún gusto particular pola cultura do país?
Si, me encanta desde neno. Tiven a ocasión de viaxar e quedei fascinado con aspectos culturais dese país que na nosa sociedade resultan incomprensíbeis. Desde entón decidín que escribiría algún libro ambientado nese país. O certo e que xa levo dous. Un é 4 Xinetes e o outro, Os Megatoxos e o dragón de xade.
8. Semella significativa a decisión de chamar a rede social Mysoul (A miña alma). Considera que o verdadeiro espírito dos habitantes do seu mundo futurista, so se representa a través de Mysoul?
Creo que eles así o creen. Alí depositan os seus pensamentos, os seus comentarios, as súas fotografías persoais, as súas relacións amorosas, o seu curriculum de traballo e se senten libres de dicir o que queiran. Incluso algún estabelecen un nexo de unión similar ao que se estabelece nas relixións. Así que si, podemos dicir que os habitantes (sobre todo os máis novos) mostran alí o seu espírito. Non podemos esquecer que en Mysoul, en teoría, non hai censura e non está controlada por ninguén nese sentido. Tampouco creo que deba resultarnos tan alleo, pois é algo que xa se ve hoxe en día. Hai persoas que viven máis tempo nas RRSS que na súa vida física. Entón cabe preguntarse: Cal das súas vidas é a real? Onde reside a súa alma?
9. Persoalmente creo que amosa unha valentía, cada vez máis habitual na literatura xuvenil, de presentar ó público xuvenil conflitos éticos tan enormes como o futuro da humanidade e a idea da bondade ou a maldade da mesma. ¿Considera que a novela xuvenil pode ser un eido perfecto para tratar calquera tema?
Sen dúbida. De feito penso que os lectores xuvenís son máis sensíbeis a este tipo de debates filosóficos ou éticos, moito máis que o lector adulto. Por iso, a miña premisa de cargarlle nos ombreiros a responsabilidade da Apocalipse a catro mozos, resulta tan acaida e ten moito sentido. É interesante ver as reaccións dos lectores de 4 Xinetes pois, igual que lles acontece aos personaxes do libro, van cambiando a súa idea de que farían eles con semellante destino.
10. Algo que se valora moito por parte dos lectores nos comentarios que se fixeron da novela foi a capacidade da historia para dosificar a información. ¿Foi complicado pechar a trama mantendo a emoción?
Foi complicado e ao mesmo tempo estimulante. Cando fixen a comparación do reloxo non o dicía por dicir. A acción acontece en varios países, en diferentes fusos horarios, retransmisións por televisión e Mysoul... Para min foi un gran reto manter ao lector pegado ás páxinas tendo en conta que, as veces, pasan varios capítulos sen que saibas nada dun personaxe.