Presentación : Héctor Cajaraville, Once Portas. Feira do libro de Santiago de Compostela (02/05/2017
A feira do libro de Santiago de Compostela foi o lugar escollido pola editorial Xerais para a presentación de Once Portas, Premio Ánxel Fole de narrativa curta do concello de Lugo, do autor santiagués Héctor Cajaraville. A escolla do lugar non puido ser máis correcta sendo esta unha "noveliña", non por calidade senón por extensión, que ten a capital de Galicia como protagonista.
No acto acompañou ó autor Manuel Bragado que comezou o acto destacando a versatilidade de Cajaraville como autor e a súa forte irrupción no mundo da literatura con seis publicacións en apenas dous anos. Da novela destaca a súa construción sólida e precisa pese a ser unha obra híbrida con elementos da novela histórica e a de viaxes. Non esqueceu sinalar a gran capacidade do autor para “ensarillar a información” e, tampouco, a necesidade de ter esta historia como unha máis que engadir a un corpus de textos sobre a cidade de Santiago que nativos e foráneos debían de ler.
Héctor Cajaraville presentou a súa historia como unha obra que xurdiu dunha investigación a título persoal sobre a historia da cidade, que lonxe de ser tediosa foi o xerme dunha nova historia que se engadiu as outras nas que simultaneamente traballaba. Presentou o texto a moitos premios dos que recibiu respostas negativas e fixo que pouco a pouco realizase cambios que contribuíron a un resultado final moito máis puído. Destacou tamén que toda a incerteza que existe sobre o propio orixe da cidade e a muralla supuxo para el que cada descubrimento melloraba a historia principal.