Lucecús Teatro : "Intentamos facer un teatro do noso, propio, para que o mesmo poida ser orixin
"Lucecús Teatro nace da confluencia de varios proxectos artísticos. Logo de moitos anos de traballo en diferentes colectivos teatrais de Lugo, tres vagalumes decidimos xuntarnos e dar un paso adiante coa máxima ilusión do mundo. Tres lucecús chamados Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez que teñen percorrido os escenarios de Galicia da man de grupos como Achádego, Palimoco ou Microefectos Dramatúrxicos. A compañía acaba de nacer pero xa son moitas as actuacións que levamos ás nosas costas, esperando ansiosos que o número se multiplique.
Texto e imaxe : www.lucecusteatro.com
1. Que é Lucecús Teatro? Como xorde esta compañía?
Lucecús Teatro é un soño feito realidade. A posibilidade de facer o que máis nos gusta dun xeito profesional. Ter a posibilidade de investigar e xogar coas artes escénicas, coa escrita, co corpo, coa palabra en escena. A compañía xorde logo da experiencia conxunta na compañía de microteatro Microefectos Dramatúrxicos. Alí Isa Herrero, Anxo Manoel e máis eu decidimos xuntarnos e dar un paso adiante, e aquí seguimos.
2. Persoalmente gústame a definición da compañía como “tres vagalumes que deciden xuntarse e dar un paso adiante coa máxima ilusión do mundo”. Foi complicado dar ese paso?
Montar unha empresa non é doado, se inda por riba esta pertence ao sector cultural moito máis. Por outra banda somos de Lugo, unha provincia na que hai moito traballo por facer. A programación profesional existente é moi escasa. Un dos eixes da compañía é colaborar a desenvolver esa actividade teatral, crear estruturas, público. Que nun futuro non sexa tan compricado adicarse ao teatro e vivir en Lugo.
3. Cales son as bases nas que se asenta a vosa concepción do teatro?
Partimos da escrita propia dos textos. A partir dahí queremos investigar e afondar sobre diferentes temas ou propostas que nos conmoven ou preocupan. Amais xogamos co espazo, intentamos facer un teatro do noso, propio, para que o mesmo poida ser orixinal.
4. Unha obra que está collendo moita sona é A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna…
É unha montaxe coa que estamos moi contentos. Fixemos unha chea de funcións, máis de 50. Unha mágoa que se vise tan pouco fóra da provincia de Lugo. É un espectáculo que funciona cos maiores e coa rapazada. Teatro familiar cen por cen que pasou moi desapercibido nas carteleiras das principais programacións do país. Un espectáculo sinxelo cunha estrutura en capas, que homenaxea á poesía popular, ao propio oficio actoral e ao teatro de cachiporra, amais dos propios textos de Manuel María que sofren unha actualización sen perder a súa esencia. Xogamos cunha dramaturxia propia a partir dos seus textos. Non entanto seguimos en ruta. Este luns estaremos nun colexio da Coruña.
5. Supoño que moitas veces esquecemos que en Manuel María ademáis dun poeta dunha calidade sobresaínte, tamén hai un dramaturgo notable.
É un tema do que temos falado moito con Alberte Ansedes, Saleta Goi e a xente da Fundación Manuel María. O teatro de Manuel María é moi importante e moitos dos seus textos todavía non están publicados. Non entendemos como é posíbel que quedasen textos sen publicar sendo o autor homenaxeado nas Letras do ano pasado.
6. A órbita do lucecú fala dos esforzos do ser humano para chegar a metas, que moitas veces, non alcanza… Polo visto, unha premisa inicial moito máis realista que ficcional…
As personaxes do espectáculo teñen unha serie de metas na vida como chegar a Marte ou recuperar o soño de Tesla de conseguir enerxía gratuíta, pero o realmente importante non son esas metas senon todo o que hai detrás das mesmas. A soidade, o baleiro, querer deixar algo no mundo, o que sexa, calquera de nós pode ser unha das personaxes. Todas somos lucecús.
7. Seguindo con A órbita do lucecú. Os novos medios de comunicación e unha sociedade cada vez máis tecnolóxica tamén están presentes entre as premisas da obra.
A tecnoloxía e os medios de comunicación foron unha das primeiras premisas coas que xogamos nos ensaios e que Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, as directoras da montaxe, tan ben nos foron levando nas improvisacións. Estamos a vivir unha verdadeira revolución no xeito de comunicarnos, unha revolución que por outra parte semella deixarnos máis sós, máis aburbullados (a RAG non recoñece este termo pero penso que moitos podemos identificarnos co mesmo).
8. Que considerades que aporta esta compañía ó teatro galego?
Tentamos aportar espectáculos diferentes cunha chea de ilusión. Queremos asentarnos pouco a pouco, consciente da realidade que temos e que debemos ir a modiño, creando espectáculos bos, diferentes, de calidade. Iso é o que queremos aportar.
9. Que prometedes ó público que merca unha entrada para os vosos espectáculos?
Prometémoslle que vai pasar un bo tempo, que vai gozar e pensar.
10. Como definiríades a situación actual do teatro en Galicia? Credes que hai un pulo suficientemente grande das políticas culturais á industria teatral?
Pensamos que hai moitas cousas que teñen que cambiar. É preciso crear redes de traballo máis potentes así como sinerxias entre as administracións. Crear público e que haxa programacións estables. Que a xente poida ir ao teatro todas as semanas.
11. Tedes algún novo proxecto en mente?
Agora mesmo estamos traballando nun espectáculo familiar que se chama PingüiSOS. Unha viaxe de tres personaxes que escapan por mor das bombas e do cambio climático, a través do clown.
Amais queremos estrear no derradeiro trimestre do ano Logos, un espectáculo que reflexiona sobre os mitos da publicidade e o consumismo, que agora mesmo está escribindo Anxo Manoel e que contará coa dirección de Santiago Cortegoso.
12. Para rematar. Cal considerades que é a esencia do teatro?
A esencia do teatro é intrínseca ao ser humano. Necesitámolo para sobrevivir. Está en nós mesmos e no público. Vai máis alá da palabra, do corpo, do público ou de compartir.