top of page

Henrique Alvarellos: "a cultura, e a lectura sobre todo, é o motor do coñecemento."


Henrique Alvarellos Casas (Lugo, 1968) é xornalista e escritor, e dende xuño de 2004 —data de falecemento de seu pai, Enrique Alvarellos Iglesias— dirixe Alvarellos Editora. Polos 40 anos de vida da editora, decidín facerlle unhas preguntas sobre o pasado, presente e futuro da mesma. Con moita amabilidade e agarimo deixanos aquí un pouco desa historia da editora.

 

1. 40 anos despois do seu nacemento, os libros de Alvarellos continúan a encher estantes nas librerías de toda Galicia…

Publicamos, cada ano, uns 10-12 novos títulos, e temos actualmente vivos 130 en catálogo; preto de 400 títulos en toda a nosa traxectoria. Somos una editora pequena, pero chegamos ao 40 aniversario, que non é pouco. Este ano daremos un pequeno xiro na nosa liña de traballo. Iniciaremos axiña unha colección de libros infantís e xuvenis e, por outra banda, imos tratar de difundir o noso catálogo en cinco países de Latinoamérica —Arxentina, México, Colombia, Chile e Ecuador—, mediante un acordo con Podiprint que é unha imprenta multinacional, que servirá os nosos títulos baixo demanda.

Quique Alvarellos con Marta Pérez e a colaboradora Sabela Porto na Feira do Libro de Santiago (Maio 2017)

2. Como foi para Quique Alvarellos tomar ó mando da empresa familiar?

Cando faleceu meu pai, en xuño de 2004, eu estaba dedicado ao xornalismo e á consultoría de comunicación, pero sempre estivera atento á editorial da casa. Decidín que había que seguir con ela, non se podía deixar morrer. Fun deixando pouco a pouco o xornalismo e os gabinetes e afondando cada vez máis na edición. Ata hoxe. Trece anos despois. Aquí estamos. 3. Alvarellos Editora é unha das editoras máis veterana de Galicia. Cal é o segredo para manterse nestes tempos?

Moito traballo, continuado; moita resistencia; tamén moita re-existencia, renovándose sempre, e que guste a un o que fai. Iso pode ser a receita múltiple. Aínda así, nos anos da crise, sobre todo no 2011, pasámolo moi mal; a piques estivemos de pechar... E ese medo sempre o levamos dentro.

Acto inaugural de Alvarellos Editora. 17 de Xuño de 1977.

4. Sen embargo, a propia empresa é un perfecto exemplo de cómo cambian os tempos...

Meu pai tiña un triplo proxecto cultural e educativo. Unha Academia que fundou coa miña nai en 1963, unha imprenta que abriu en 1966 e a Editorial en 1977. As dúas primeiras non sobreviviron aos cambios da tecnoloxía ou das formas de ensino. A Editorial si, démoslle unha volta grande para adaptala ao século XXI.

5. Alvarellos Editora apostou nos seus comezos pola nova narrativa galega…

Si, foi unha das súas bazas. A primeira novela de Xabier Alcalá, A insua, por exemplo, publicouna meu pai en 1978, ou poemarios tan innovadores como Catavento de neutrós domesticados de Manuel María. Poemas, teatro, humor, recuperación de facsimilares do XVIII e XIX... Tocou moitos xéneros en moi pouco tempo, naqueles anos do que se deu en chamar o “segundo Rexurdimento”, coincidindo coa chegada das liberdades e a Transición democránica, entre 1977 e 1985...

null

Xavier Alcalá. A Insua (Alvarellos, 1978)

Manuel María. Catavento de neutrós domesticados (Alvarellos, 1979)

6. O facsímil é un dos elementos de identidade do catálogo da editora, e tamén un producto moi cobizado polos amantes da literatura. Cal é a resposta do público en xeral na venda destas edicións ?

É moi limitada, como podemos imaxinar. Nós mantivemos en catálogo algúns títulos editados na primeira época da empresa, como as obras completas do Cura de Fruíme ou os tomos galegos da “España Sagrada”, pero non continuamos con esa liña...

7. Falando de facsímile, hai pouco tempo publicastes un manuscrito inédito de De catro a catro de Manuel Antonio…

Si. O manuscrito orixinal, nunca publicado ata hoxe de Manuel Antonio. Unha verdadeira alfaia. Pertence á nosa Colección Rescate, unha colección que nos leva dado grandes alegrías estes anos. Debemos agradecer ao profesor Anxo Tarrío que nos confiase a edición do manuscrito de Manuel Antonio; el fixo a transcrición, e logo contamos tamén coa colaboración do Consorcio de Santiago e da Universidade, e dos herdeiros de García Sabell, que teñen o orixinal. En fin, un esforzo colectivo para recuperar un dos grandes tesouros da nosa cultura escrita.

8. A mostra de que na actualidade o traballo está ben feito é a presenza de tres publicacións da editora entre os finalistas da gala do libro galego deste ano…

Si, o 2016 foi un ano moi produtivo. Tivemos a sorte de atopar e publicar contidos diferentes, ben preparados e con boa recepción do público, e tres títulos están efectivamente de finalistas da Gala do Libro 2017, o manuscrito de Manuel Antonio do que falabamos, o ensaio Os últimos carballos do Banquete de Conxo, no que tamén participei eu como escritor xunto con Xurxo Martínez, Paco Singul e Martín Souto, e “Rosa tántrica” o enigmático e gran poemario de Luz Pozo Garza que publicou con 93 anos.

9. Considera que en Galicia a cultura é unha preocupación de primeira orde?

En absoluto. Nin de moitos dos poderes que nos gobernan nin de moita xente. É unha mágoa, porque a cultura, e a lectura sobre todo, é o motor do coñecemento.

10. Que pensa que pode aportar a editorial no futuro ó sector do libro e da cultura galega?

Desde esta primavera nós definímonos como “Factoría de contidos”. É algo máis que editorial ou que publicar libros. Facemos roteiros culturais, montamos exposicións de fotografía histórica, organizamos actividades para dar a coñecer aos escolares algúns dos temas cos que estamos a traballar (o Banquete de Conxo, por exemplo). A nosa intención é difundir contidos atractivos e de calidade que cheguen a públicos amplos, ben en formato libro ou noutros...

Galería: Expectación ante a exposición de fotografías presentada na Feira do libro de Santiago de Compostela. Escolares e o "Banquete de Conxo". Roteiro pola Alameda. (Fotografía: Alvarellos)


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page