top of page

Recensión : María Reimóndez, Corredora


Título: Corredora Autor: María Reimóndez Editorial: Xerais ISBN: 9788491212188 Nº de páxinas: 104 páxs

 




Sinopse:

Genet Mullugueta naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende noviña o que máis lle gustaba era correr e correr polo ventre da montaña. Mais a fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai e a pedir esmola polas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba. Alí, vendendo panos nos cruzamentos, Genet coñeceu a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo que, sorprendido coa súa resistencia e velocidade, lle propón adestrar en Meskel Square. Dende entón, a súa vida mudará, como a doutras nenas, mozas e mulleres etíopes que corren contra si mesmas sen fin. Corredora é unha historia colectiva de superación deportiva. Recolle a tradición atlética de Etiopía na busca activa de talentos entre as crianzas do rural ou empobrecidas nas cidades.

 

A necesidade de contar a historia da subalternidade é un elemento transversal a toda novela social na actualidade. Os países do chamado "terceiro mundo" e os seus habitantes son moitas veces invisibles para unha sociedade que non vive en primeira persoa o sufrimento máis alá das preocupacións banais. A novela da que hoxe falo, Corredora, penetra no campo do subalterno, o incriblemente descoñecido no "mundo moderno", cunha historia baseada en feitos reais.

A nova proposta de María Reimóndez para o público xuvenil é unha historia necesaria. Unha historia que fere ó lector mediante a súa confrontación co real. Un país como Etiopía, con poucos medios e mala distribución da riqueza, da orixe a unha traxedia humana que a autora non transforma en ficción baleira, senón que amosa sen reparar nas fendas que pode provocar. A vida de Genet a súa mai, as rúas de Addis Abeba, a fame ou os soños, todo é descrito sen aderezos e directo ó corazón.

Addis é un monstro sen forma. A cidade ábrese e péchase sen dar explicacións. Fóra das avenidas principais o aire corre entre pedras, seixos e calellos estreitos. As casas de lata acollen centros de vida. Súa mai di que tiveron sorte de poder ir traballar nesa casa, grazas á mediación da igrexa, que polo menos están <<dentro>>, ou sexa, detrás do muro que rodea o chalé, a salvo, e teñen un cuarto para elas. (páx. 30)

Dentro deste "monstro sen forma" habita Genet, a personaxe principal desta historia. É unha nena que quere mellorar a súa vida e a dos seus, que soña con abandonar a cidade e poder ser feliz. O máis interesante dela é que supera obstáculos ó mesmo tempo que supera estigmas sociais pola súa condición de muller. Genet quere ser libre e para iso renuncia a todo o que na súa sociedade considerase adecuado, non lle preocupa a aceptación dos demais, só ser feliz.

Máis ela só pode pensar na seguinte carreira. Pensa tamén en saír da clase e poder ir correr á noitiña relaxadamente, sen cronómetro, darlles descanso á cabeza e ás pernas. Despois diso xa tanto lle ten durmir na casa como na residencia como en calquera lugar. (páx. 75)

O deporte, máis concretamente o atletismo, é un fío condutor para amosar a reprodución dun soño colectivo: a liberdade. Correr supón a posibilidade de afastarse de todas as preocupacións e as necesidades. É unha actividade que simboliza para Genet e os etíopes liberarse das cadeas e que a fame, a penuria e o medo non lles poda alcanzar. Unha tradición deportiva que neles supón moito máis que iso.

En resumo, Corredora é unha historia de superación, de construción da identidade e de liberdade absoluta a través do deporte. Unha publicación de obrigada lectura para o público xuvenil, que é necesario que se atope coa realidade de fronte para poder ser suxeito de cambio no futuro.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page