Iria Misa : "Escribir o mundo de Ánxela foi botar unha ollada a aqueles anos intensos e cheos d
Iria Misa Peralba (Gondomar, 1983) é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e profesora de ensino secundario.
Durante os anos de formación académica comezou o seu interese pola literatura, o que, co tempo, levaríalle a enguedellarse no oficio da escrita.
«Xa non estou aquí», Premio Jules de Verne de Literatura Xuvenil 2016, é a súa primeira obra publicada.
Texto : AELG e Xerais. Fotografía: Marcos Álvarez
1. Que supuxo para vostede gañar o premio Jules Verne de literatura xuvenil?
O Jules para min supuxo una alegría enorme e tamén una gran responsabilidade. Unha alegría porque trouxo consigo a miña primeira publicación. Unha responsabilidade porque foi como comezar moi forte. Pasar de cero a cen de súpeto, todo viu xunto. O mundo editorial, enfrontarme ás entrevistas, ás e os lectores… en definitiva, deixar que un anaco de min saíse polo mundo adiante e estivese a disposición de calquera que se quixese achegar a el. É una sensación poderosa, de bastante vertixe a verdade. Digamos que todo este tempo estiven adaptándome, aprendendo a vivir neste mundo da escrita, a asumir o que é sacar un libro e ver como se van dando as cousas…
Foi un ano moi intenso. Agora que pronto haberá outro premio Jules Verne nas librerías sinto que é hora de asentarse e de seguir camiñando con calma. O que si estou é moi contenta de que por fin isto dos libros estea na miña vida. É algo que me complementa e me fai moi feliz.
Iria Misa co Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil entregado por Xerais. Fotografía: Xerais.
2. Por que decidiu presentarse ó premio Xerais?
A razón fundamental é que me aterraba a idea de ir petar na porta de alguén para deixarlle os meus libros. Son unha tipa bastante insegura e tímida, a verdade. Ademais é moi difícil ser obxectiva coas cousas que unha escribe, polo menos no meu caso. Presentarse a un concurso é un xeito de poñerse a proba. Un xeito anónimo, ademais. Gañar era para min impensable, o certo é que non sei moi ben que agardaba ao presentarme…lanzarme ao baleiro e ver que pasaba, imaxino.
3. Xa non estou aquí continua liderando o ranking dos máis vendidos en literatura xuvenil galega. Agardaba esta boa acollida?
Non agardaba nada, a verdade. Ao partir de cero, todo o que foi chegando resultou marabilloso e un premio extra. De todas as cousas boas que foron pasando estes meses atesouro xa moi boas lembranzas. Lembranzas que me sacan sorrisos e me animan a moverme cara adiante cando me sinto feble.
4. Que teñen en común Ánxela e Iria Misa?
A experiencia da adolescencia, supoño. Escribir o mundo de Ánxela foi botar unha ollada a aqueles anos intensos e cheos de sensacións, boas e malas. Pode que os sentimentos sobre o valor da amizade, as experiencias do amor e o desamor…pero non é que sexan cousas que teño eu en común con ela. Son sentimentos e experiencias universais. Tenas Ánxela en común comigo e con calquera persoa que algún día, aínda que xa non o pareza, tivo dezaseis ou dezasete anos.
5. En esencia, esta novela é coral. Foi complexo para vostede crear unha voz persoal para cada un dos personaxes?
Foi un reto moi estimulante. Para facelo tiven que compoñer unha imaxe de cada un dos personaxes, crear una idea global deles moi rica e completa. Gustábame que fosen distintos. Que tivesen unha voz de seu e reflexasen a diversidade que existe dentro de cada grupo. Isto parecíame determinante nun libro para adolescentes, xa que ás veces parece que hai que conformarse a certas normas e que se non o fas es “raro” ou quedas á marxe. A diversidade enriquécenos. Ademais, a nivel técnico era un bo recurso para narrar a historia. Todo o que pasa en Xa non estou aquí enténdese mellor cando tes a imaxe completa, e iso pasa ao achegarse a cada un dos personaxes e o seu xeito de afrontar os feitos.
6. Outorgar unha voz propia a cada personaxe supón tamén darlles a súa parte de culpa nos feitos…
Claro, claro que si. Por que ademais, cada un dos personaxes amosa o que quere e garda para si - ou o intenta- aquilo que desexa. Outro punto importante relacionado con isto é que eu sabía que os e as lectoras, conforme fosen lendo, ían ir facendo as súas hipóteses sobre o que pasara ou sobre quen podería estar implicado. Gustábame a idea de participar nese xogo con eles.
7. Cre que Xa non estou aquí é un libro cun alto contido didáctico?
Mentres o escribía fuxín deliberadamente do didactismo, ou polo menos intenteino. Creo que o libro fai reflexionar sobre moitas cousas pero non desde unha postura marcadamente didáctica. Paréceme moi importante que a rapazada adquira valores, por suposto. Pero tamén me parece importantísimo que gocen lendo. Lendo en galego, ademais. E son un público esixente, eh? Non lles vale todo. Se lles marcas moito o camiño, estou por asegurarche que non lles vai gustar nada e non o van coller.
8. Como autora e docente, pensa que se debe concibir dunha forma especial a literatura para os máis xóvenes?
Penso que os novos poden ler literatura de todo tipo, e tamén que os adultos poden ler literatura xuvenil e infantil. O que si é certo é que me parece importante que nestas idades teñan historias nas que se poidan ver reflexados. Como comentaba antes, é unha época convulsa da vida, de moitos cambios, podemos chegar a sentirnos realmente sós. Que se atopen nos libros é bo porque pode facerlles ver que todos, no fondo, nos sentimos deste ou aquel xeito. Un libro pode ser a mellor das compañas e, repito, un xeito fantástico de entretemento.
9. Ten algún traballo novo no caixón do que poidas adiantar algo?
Teño. A comezos do ano vindeiro, alá polo mes de Febreiro, verá a luz o meu segundo libro, que publicará Xerais. Trátase doutra novela xuvenil que resultou tamén finalista no Jules Verne da pasada edición. A historia ten como protagonista unha rapaza que vive cos seus país no hotel que estes rexentan, e que, tras a morte dun familiar, vese inmersa na resolución dun misterio…e ata aquí podo ler.
10. Cal sería o seu consello para alguén que teña intención de presentarse en vindeiras edicións dos premios Xerais?
Que traballen a reo, que nunca dean nada por sentado. Que se pensan que xa teñen a obra lista que senten e volvan revisala. As cousas queren tempo e non é bo precipitarse. E sobre todo, que nunca se rendan. Se se perigue algo con verdadeiro afán, con traballo e esforzo, ao final conséguese.
David Pérez Iglesias, Manuel Esteban Domínguez e Iria Misa posan cos seus galardóns. Fotografía: Manuel G. Vicente