Recensión : Eva Mejuto, 22 segundos
Título: 22 segundos Autora: Eva Mejuto Editorial: Xerais ISBN: 9788491212393 Nº de páxinas: 136 páxs
Sinopse:
O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase."Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá –ou non quererá comprender– nada. O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas... E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son."Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. "22 segundos" relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis –e a sociedade– deixen de consideralas enfermas.
Dentro da semana mundial do orgullo LGTBI non hai mellor forma de falar dun tema necesario no mundo actual que non sexa a través da literatura. 22 segundos é unha proposta pioneira na LIX galega para falar ós xóvenes da transexualidade e da necesidade de visibilizar esta elección como unha tan válida e socialmente aceptada como calquera outra.
Eva Mejuto mostra a evolución do protagonista de Ánxela a Álex, que non soamente supón un cambio dun xénero imposto ó desexado, senon unha busca da liberdade dende a infancia dunha "nena" que nunca quixo selo. Mediante o uso dunha primeira persoa, escolla fantástica, coñecemos os pensamentos e preocupacións de Álex, que dende a súa infancia séntese distinto das rapazas que coñece, e que sufre todo tipo de discriminacións por ser muller en ámbitos que semellan tan pouco importantes coma xogar no patio, pero que son definitorios na formación dunha personalidade.
A novela está chea de enunciados moi certeros que colaboran moitísmo no calado da mensaxe. Non se pode ignorar a intención didáctica que hai nesta ficción pero non por iso a desvirtúa, xa que a novela responde a unha estructura moi forte e non deixa ningunha incógnita por resolver, nin personaxes por desmenuzar.
- Querer ser coma o rabaño é de covardes, Adeliña. O que hai que tentar, sempre, é ser un mesmo ou unha mesma, con todas as letras. Se lles gusta aos demais, perfecto. E se non, pois tamén. (páx. 48)
- Vouche dicir algo, sempre vai haber quen non nos queira, que non nos acepte, pero nós non temos que vivir para esa xente, temos que vivir para nós. Ti o único que tes que saber é quen es e que queres. A min dáme igual ter neto ou neta, chamarte dun xeito ou doutro. Eu o que quero é saber que es unha boa persoa e que es feliz, que es quen de loitar polo que queres. (páx. 93)
O avó é o personaxe máis importante da novela na miña opinión. Tanto na infancia como na adolescencia de Álex, como na súa presencia ou ausencia na vida do rapaz, cumple a función dun lugar simbólico e propio onde el pode acudir e ser quen é realmente. O avó é o suxeito da maior parte das secuencias máis simbólicas da novela e considero que o cambio de Ánxela a Álex non se daría se non fose por el.
Como comentario negativo, sorprende un pouco a aceptación que recibe este cambio por parte de case todo o mundo, sobre todo nunha etapa tan complexa como é a adolescencia. É dicir, Álex pelexa máis consigo mesmo que co seu entorno. Non nos equivoquemos, é unha ledicia inmensa ver unha historia onde a aceptación tanto de amigos, familiares, e incluso dunha parella, é case total. Por desgraza temos que entender que a autora, representa un caso que non ilustra a actitude máis habitual da sociedade; amosa máis a conducta que "debería ser" que a que "é".
Este libro pola súa brevidade, a prosa sinxela e directa e a brevidade dos capítulos constitúe unha lectura moi entretida e que un pode ler nunha sentada. Unha novela necesaria para ilustrar tanto a xóvenes coma adultos sobre temas tan importantes como que a sexualidade e o xénero son formas de liberdade e que estar contra elas é unha forma de opresión.