top of page

Recensión : Sabela González, As crónicas de Landereina: Sangue de Lúa.


Título: Sangue de lúa Autora: Sabela González Editorial: Galaxia

Saga: As crónicas de Landereina ISBN: 9788491510123 Nº de páxinas: 220 páxs

 

Sinopse:

Coa apócema de destrución da Pedra de Lúa xa nas súas mans, Berenguela e Güenaela deben escapar da illa dos sabios para dar chegado á capital de Landereina e rescatar o príncipe Ohn.

Alí, a traidora segue a gañar terreo, aterrorizando o reino e sen ceder na súa procura de todos os anacos do amuleto máxico que lle conferirá o máxico poder co que levar a cabo o seu tiránico goberno.

O castelo semella lonxano os problemas seguen a xurdir no seu camiño, mais Berenguela e Güenaela non descansarán ata xuntar o sangue dos Gheiroez elixidos, pois só así poderán destruír a Pedra de Lúa e derrotar a malvada Maëriss para poñer a salvo, por fin e para sempre, o reino de Landereina.

 

Toda saga chega ó seu fin e este ano tocoulle o quenda As crónicas de Landereina de Sabela González con Sangue de Lúa. Foi unha intensa triloxía pola que apostou a Editorial Galaxia e que creceu moitísimo en cada libro, pechándose dunha maneira fantástica nesta última entrega.

O libro arranca cun resumo que sintetiza un pouco as dúas partes anteriores xa que os máis despistados esquecerían parte da aventura e os menos tamén agradecen lembrar detalles que o tempo puido agochar. Xa dende o comezo a aventura funciona como unha conclusión da viaxe do heroe tradicional formada por un grupo heteroxéneo, Tolkien chamaríao comunidade, que vai rematar co sufrimento de Landereina.

A trama é moitísimo máis escura e violenta que nos anteriores libros e hai un xogo de temporalidades moi logrado, que remata nunha converxencia nun presente bélico que é brillante. As motivacións dos personaxes e os espazos teñen unha función importantísima na novela e outorgan a trama un punto maior de madurez que noutras entregas.

Con respecto os personaxes non se pode máis que loar o traballo da autora. A evolución de Berenguela e Güenaela é enorme do primeiro ó terceiro volume. A química entre elas é tan forte como notoria, de feito eu creo que hai un pouco de tensión sexual sen resolver, e que se complementan a perfección sendo dous caracteres tan distintos. Wiasmau deixa de ser un inimigo moi light con motivacións limitadas, a erixirse nun malvado de categoría inmerso nunha problemática definida e cuns obxectivos amorais.

Para que vexades materializada a evolución da protagonista, déixovos estas liñas:

As palabras de Berenguela sacaron a Gan do seu ensimismamento. O rapaz pestanexou e mirouna cun sorriso forzado.

- Estou.

- Non o parece - dixo ela, con suavidade.

A cabeza ladeada e os ollos riseiros procuraban tranquilizar o seu amigo. Pola contra, aquela tranquilidade non facía máis que apertar o nó que xa el tiña no peito. Un nó de medo ao descoñecido e ao fracaso. Desexaba tanto ser el quen se erixise en protector do resto e, pola contra, era Berenguela quen asumía o papel de líder, de guerreira e nai, a pesar de todo canto sufrira. Nada parecía afectala, e nada lle minguaba ós ánimos, parecía. (páx. 77)

A prosa nesta obra xa non resposta a inexperiencia senón a un estilo ben conformado. O traballo coas descricións é un exemplo perfecto desta afirmación xa que as salas e ambientes non son unicamente decorados, senón que fanse completamente tanxibles para o lector. O aumento na calidade da prosa permite ó lector visualizar moitísimo mellor os feitos e viaxar por distintas temporalidades sen despistarse.

O salón do trono era unha estancia inmensa. O seu teito elevábase máis dunha ducia de metros sobre as súas cabezas, todo cuberto de gravados e pinturas que representaban escenas do máis dispar, mais todas elas de vitoria, contra exércitos, bestas ou males máis mundanos. Nas altísimas paredes dispúñanse cadros de reis e raíñas, estampas familiares dos Gheiroez que durante tantas décadas reinaran en Landereina. En liña recta dende a porta máis ao fondo da sala, sobre un estrado de tres chanzos, alzábase o trono real: unha cadeira xigantesca de madeira escura labrada e tapizada en veludo granate que a Berenguela lle lembrou a cor do sangue seco que viña de ver no vestíbulo. (páx. 199)

Para concluír teño que sinalar que esta triloxía crece cos lectores. Persoalmente gústame comparala sempre con Harry Potter, xa que nos primeiros libros temos un inimigo mortal con poucas motivacións e uns personaxes moi infantís e nos posteriores libros aparece un mundo moitísimo máis traballado, a violencia necesaria en toda fantasía e un viaxe do heroe cun final satisfactorio. Desexo a autora moitos éxitos no futuro e recoméndovos que leades esta saga ou que a merquedes para os vosos rapaces xa que, sen dúbida, é unha boa escolla.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page