Recensión : Mulleres bravas da nosa historia, #3 Maruja Mallo
Título: Mulleres bravas da nosa historia. Maruja Mallo Autora: Elvira Ribeiro
Ilustracións: Eva Agra
Revisión lingüística: Raquel Vila Amado
Editorial: Urco Editora ISBN: 9788416121823 Nº de páxinas: 36 páxs
Sinopse:
A través deste volume mergullámonos na vida dunha das nosas artistas máis rompedoras. Coñecemos a aquela nena que amarrou con forza o soño de se converter nunha extraordinaria pintora. Ela era unha muller apaixonante e apaixonada. Unha muller intelixente, estudada que prendeu nas cores vivas, nas formas xeométricas, no cosmos e todo aquilo que podía representar nos seus lenzos. Unha muller que fixo unha personaxe de si mesma e que non deixaba indiferente a quen se cruzaba no seu camiño. Unha muller libre e comprometida. Unha muller leal ás amizadas e, sobre todo, unha muller brava. Ela era… Maruja Mallo.
Apenas tres meses despois da publicación dos primeiros dous números da colección Mulleres bravas da nosa historia que tiveron como protagonistas a Rosalía de Castro e a recentemente elixida como homenaxeada para o día das letras galegas 2018, María Victoria Moreno. Esta terceira entrega ten como protagonista a unha das figuras femininas máis importantes na arte surrealista e que temos a sorte de que sexa galega, Maruja Mallo.
Neste caso o texto é responsabilidad de Elvira Ribeiro que dalle un toque moi dulce a unha figura que sempre foi traballada como exemplo da extravangancia e a incorreción. Maruja Mallo preséntase como unha soñadora e iso vese tamén na escolla do surrealismo como forma de transmitir a súa visión do mundo.
Non lle importa o que lle digan, ela é unha muller valente, disposta a se facer un oco no mundo da arte e a conseguir o seu soño de ser recoñecida.
Maruja foi unha muller moderna e rompedora, soubo crear unha personaxe de si mesma; unha personaxe que chamaba a atención e fascinaba a toda persoa que se achegaba a ela.
As ilustracións de Eva Agra respostan a liña editorial do resto da colección pero creo que nesta entrega son aínda máis brillantes. Gústame moitísimo ese ton alegre que lle aporta a figura da artista de viveiro e algunhas das ilustracións en concreto son dignas para colocar nalgún cadro na casa. Os nenos van disfrutar moitísimo con elas.
En conclusión, esta colección segue a manter unha calidade sorprendente e consegue o que se pretende: amosar ós rapaces unha biografía propia e exenta de purismo das mulleres máis importantes, e por desgraza silenciadas, do noso país. Moi contento de participar na súa promoción e de ser un dos mecenas dunha colección tan necesaria como fermosa.