top of page

Recensión : Antía Otero, O cuarto das abellas


Título: O cuarto das abellas Autora: Antía Otero Editorial: Xerais ISBN: 9788491211280 Nº de páxinas: 80 páxs

 





Sinopse:

Este libro nace da tensión entre o doméstico e o salvaxe. O tempo detense na formalina dos recordos e fai ecoar, nas celas da memoria, o misticismo indomábel de Emily Dickinson: «A morte –escribiu ela nunha carta– é inofensiva, coma unha abella, agás para aquelas que corren.» "O cuarto das abellas" é unha abellariza de palabras, unha estrutura pechada e inquietante na que Antía Otero esmelga o froito dunha poesía que é, no entanto, agre, sen almibres. Porque amarga é a verdade, o amor e todo aquilo que aquí doe pola súa certeza. A autora, entre un enxame de obreiras, adéntrase cautelosa na linguaxe e comparte connosco o seu fermoso acto de risco, o perigo-mel duns versos que, coma o veleno das abellas, proen e sandan á vez. (Fran P. Lorenzo)

Premio Gala do Libro Galego (Poesía), 2017

 

Na miña opinión, aínda que non descubro nada, a poesía nace sempre do diálogo entre dous referentes en distintos planos que manteñen un conflito que pode saldarse nunha superioridade dun elemento sobre outro ou a convivencia inexplicable deles no entorno. O cuarto das abellas de Antía Otero é un exemplo de como a natureza e as súas manifestacións pode introducirse no cotián e manter unha relación con el de convivencia, en primeira orde simbólica e en segunda real.

Este é un poemario moi diverso, que manifesta sempre a tensión existente entre referentes, pero que tamén xoga cos suxeitos, dende a individualidade a colectividade. A propia autora fai referencia a un traballo de desestruturación e descomposición dos elementos para utilizalos a súa vontade, facendo combinacións de termos que respostan a unha loita entre o salvaxe e o máis doméstico.

Anular o son

evitar as entrañas

líquido figado

frase que aguilloa

-o material está aquí-

agora

fagamos imaxes

trampas

algo que cegue a mágoa. (páx.32)

É un libro en continuo crecemento, tanto na extensión dos poemas como nos suxeitos que interveñen neles, dende un eu poético dos primeiros poemas ata a colectividade de "obreiras". Válese da imaxe da abella, moi ilustrativa pola ríxida estrutura social e espacial na que se ven obrigados a convivir estes insectos. Isto permítelle facer toda unha serie de reivindicacións da necesidade para os colectivos oprimidos dun espazo propio e fuxir desa cela, real e metafórica, da abellariza.

A estrutura dos poemas xoga coa necesidade de debullar o momento, construíndo versos que poderían ser efémeros pero que deixan a súa marca na pel e que nalgúns casos convidan a pechar os ollos e que o lector continúe as composicións.

En conclusión, O cuarto das abellas é un libro de tensións que contén unha chamada necesaria a concluír coa marcada tendencia a separar o natural do urbano, evitando conflitos, e que convida a unha lectura pausada e atenta, co fin de escoller as ferramentas perfectas para chuchar todo o mel que conteñen as composicións.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page