top of page

Recensión : María Solar, Os nenos da varíola


Título: Os nenos da varíola Autora: María Solar Editorial: Galaxia ISBN: 9788491510260 Nº de páxinas: 208 páxs

 






Sinopse:

Sen dúbida, estamos diante da novela máis ambiciosa e lograda de María Solar

Desta volta achégase a unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes. Aínda que o foron. Nos seus pequenos corpor, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Sacados dos hospicios da Coruña, Santiago e Madrid, cruzarán o Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis e na que unha muller fascinante, Isabel Zendal, xogará un apapel determinante. A historia comeza en 1803. Na miseria dos orfanatos. Nun barco que pode ser tamén unha tumba. Nun mar hostil e desapiadado. No medio dese universo cruel, a esperanza e un posible futuro. O heroísmo anónimo de 22 nenos que, grazas a este libro, xa non o serán máis nunca.

 

Disque Edward Jenner puxo a proba un método en 1796 para intentar radicar os contaxios masivos provocados pola varíola, unha das enfermidades máis perigosas da época. Este home descubriu que mediante a vacinación podería evitarse o contaxio. Esa técnica preventiva foi moi mal vista por moitos, sen embargo, algúns como Francisco Javier Balmis viron neste método a oportunidade de erradicar a varíola e programou unha expedición que levaría a vacina a América nos corpos de 22 nenos que sen sabelo serían historia. Todo isto son datos que coñecemos agora, tristemente silenciados no sistema educativo do país tanto pola falta de educación científica como da reacción alérxica que produce a memoria no país. María Solar recupera este gran evento da historia da medicina universal no seu novo libro.

Neste libro a autora non pretende unicamente literaturizar feitos reais, senón reivindicar o papel dos seus protagonistas nun exercicio literario documentado e con aspectos de crónica. As fases da enfermidade, o papel dos expósitos ou a situación do país están descritas fielmente e amosan a intención da autora de facer unha historia marcadamente realista.

Era unha praga infernal que mataba ou marcaba a pel de por vida. Unha peste terrible e temible. Contábase de familias enteiras en que todos os seus membros foran caendo uns tras outros, aldeas, vilas cheas de contaxios en que xa ninguén quería entrar nin para vender. Persoas feitas monstros, sen un centímetro de pel sen pústulas e pus, ata dentro da boca, dentro dos ollos. Horrible. (páx. 16)

Os 22 nenos expósitos aparecen acreditados nesta historia cos seus nomes e apelidos reais, como tamén os restantes membros da expedición. Os únicos engados ficcionais son as historias que teñen lugar fora do orfanato e que, aínda sendo creacións, constatan a traxedia das nais que non poden permitirse alimento para o seus fillos e tentan protexelos dun mundo moi cruento cos que non teñen posibles.

De cada cen expósitos, entre setenta e oitenta non chegaban a facer os dez anos de vida. Esa era a realidade, case todos morrían. A lei fixaba a necesidade de darlles un oficio para sacalos da mendicidade. Chegados aos oito anos, sairían por horas do hospicio para traballar, e o seu salario sería destinado en parte para sufragar os seus propios gastos, e outra parte para gardar e dárllelo cando abandonasen a institución. Liñas e liñas escritas. Papel mollado. Aqueles cativos mal podían traballar xornadas de incontables horas, cando a fame e a debilidade non lles permitía nin medrar. (páx. 25)

A prosa de María Solar alcanza neste libro o seu punto máis alto de madurez. Pese ó marcado peso documental que a historia esixe a información outorgase en resposta as necesidades de cada situación. O estilo é axeitado e a novela pechase cun adecuado epílogo que nutre ó lector da información restante sobre a expedición. Con probabilidade sexa máis sinxelo para un adulto sacarlle todo o zume a esta publicación pero creo que para un lector xuvenil máis formado tamén será unha obra de lectura obrigatoria.

Agardo que este libro teña o éxito que merece e que sexa unha aliciente máis para constatar a necesidade de educación científica da poboación e dun futuro no que as lembranzas de grandes heroes da humanidade teñan o seu recoñecemento.


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page