top of page

Recensión: Agustín Fernández Paz, Un mundo de palabras


Título: Un mundo de palabras

Autor: Agustín Fernández Paz (Edición de Isabel Soto)

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491212348

Nº de páxinas: 160 páxs

 




Sinopse:

"Un mundo de palabras" reúne máis rastros de Agustín Fernández Paz, dándolle así continuidade ao proxecto concibido polo autor e cuxo primeiro froito foi O rastro que deixamos (2012). Os diferentes textos aquí escolmados presentan unha dupla perspectiva arredor do acto de ler e do amor pola literatura.Dende unha mirada subxectiva, atoparemos neles a memoria do lector que foi ao longo da súa vida, a partir do momento en que, da man do seu pai, responsable do contaxio do pracer da lectura, entrou nun mundo que decontado o fascinou. Mais tamén accederemos ás reflexións de signo máis teórico que responden á visión e ao intenso labor do experimentado docente. Nelas afonda, entre outros aspectos, no concepto de lectura como ferramenta de acceso ao coñecemento e na súa importancia para construír unha sociedade moderna, xusta e máis libre. Convencido de que as aulas son un espazo privilexiado para a transmisión do virus da lectura e para a súa promoción, incide no decisivo papel dos docentes e na necesidade de renovar e reinventar as estratexias de animación, achegando as súas propias propostas.Estes textos permítennos gozar unha vez máis da voz de Agustín Fernández Paz en primeira persoa, da lucidez e coherencia que demostrou en toda a súa traxectoria pública, das súas mensaxes cargadas de optimismo e esperanza nun futuro mellor. Dende o respecto e a admiración, estas páxinas pretenden dar a coñecer o valioso legado dun lector e dun creador inesquecible.

 

Ler é para moitos una actividade insubstancial e que carece dunha función importante para o desenvolvemento do individuo e da sociedade en xeral. A chegada das redes sociais e outros tipos de entretemento desprazaron á lectura das actividades de ocio para os cidadáns. Este libro presenta as visións sobre a lectura e a literatura de Agustín Fernández Paz, que teñen como misión unha reflexión profunda sobre as bondades da lectura e tamén expresar as súas vivenzas propias coa mesma.

A maioría destes textos xa se publicaran ou foran lidos en conferencias durante a vida do escritor pero agora se recompilan, algúns con modificacións que sempre benefician ó texto, nunha escolma de textos que compre ler con moita atención pola potencia das ideas que hai nos enunciados que os conforman. Isabel Soto, colaboradora neste proxecto con Agustín, é a encargada da edición desta escolma e sinala nun eficiente e traballado limiar, a xénese, obxectivos e contidos deste libro. En palabras da mesma:

Accedemos así a moitas das claves que acada un significado e caracterizan o seu universo literario, un percorrido que se completa coas experiencias asociadas aos libros e á lectura na adolescencia e na idade adulta, a mención dos títulos que leu nas diferentes etapas da súa vida e deixaron unha fonda pegada nel […] (páx.8)

Agustín aproveita moitos destes textos para falarnos da súa vida lectora, dende a súa infancia ata os títulos que releu en moitas ocasións. Vicio da lectura que debe ó seu pai e que en moitos dos textos lembra ós lectores as dificultades que tivo para facerse con exemplares ou o cales foron os primeiros títulos que devorou.

Con aqueles escasos títulos, nas poucas horas libres que lle deixaba o traballo, transmitiunos o vicio de ler. [… ] Aínda hoxe, cando lembro aqueles anos, escoito o estrondo das ondas e o ruído do vento nas velas, e teño medo porque me encontró nunha selva onde habita o perigo, e contemplo asombrado un espazo lunar cargado de silencios... Ese primeiro estadio, caracterizado polo entusiasmo ante o que les, semellante ao que tan ben describe Michael Ende en A historia interminable, contaxioumo o meu pai. (páx. 25)

Este libro considero que é unha lectura obrigada para calquera lector e amante da obra de Agustín Fernández Paz. Nel fálase sen tapuxos da necesidade dunha educación literaria para os rapaces que estea exenta de entender o libro como elemento didáctico na ensinanza da lingua. Considerado mestre pola gran maioría de autores e educadores galegos, Agustín déixanos unha penúltima lección, nunca chegara a derradeira, de sabedoría.

Porque a lectura é un pracer que se contaxia, como a gripe ou a rubéola. E quizais sexa este un aspecto sobre o que teñamos que reflexionar hoxe, pois só poden contaxiar os que antes experimentasen nas súas carnes ese mesmo pracer. (páx. 25)


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page