Vanesa Santiago : " Aínda sen querelo, o máis habitual é que haxa unha deriva fantástica en tod
Vanesa Santiago (Fontán-Sada, 1983) defínese, por esa orde, como curiosa, lectora e escritora. Tamén bibliotecaria, blogueira e secretaria da Asociación Irmáns Suárez Picallo de Sada. Está titulada en Biblioteconomía e Documentación, estudos e traballo que a levaron a vivir en Ferrol e Lugo. Actualmente reside de novo na bisbarra da Coruña e compaxina o emprego esporádico en bibliotecas co activismo cultural e a escrita. Publicou varios relatos e poemas en libros colectivos e revistas. Ninguén lembra (Urco, 2013) foi a súa primeira noval, agora con A vida sinxela de Marcelo Firmamento vén de gañar o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos, o que supón un paso máis na súa prometedora carreira literaria.
Texto : Galaxia
Imaxe : CABALAR
- Para comezar. De onde xorde o seu amor pola literatura?
Eu penso que é un amor atávico. Xorde da miña cerna como ser humano e a nosa paixón polos relatos. Imaxino ás tribos cromañoas nas cavernas, arredor do lume sagrado, escoitando os contos na noite tras un longo e duro día de faena, e aquí estamos nós, cos nosos libros, códices ou tabletas electrónicas, letriña a letriña, sendo parte das historias, sendo memoria viva e imaxinación pura, sobrevivindo aos séculos e aos milenios.
- De feito, vostede comeza a súa andaina como autora coa publicación de relatos, algún mesmo premiados.
É o máis natural, dende o meu ver. De nena sempre quería que me contaran outro conto máis. Sempre outro máis. De seguro que houbo un intre en que ou a xente cansou da miña insistencia ou, impaciente por escoitar outro máis, decidín contarme contos a min mesma dun xeito voraz e caníbal. E, para poder contarmos, primeiro debía escribilos. De feito, sempre digo que o reverso da lectura é a escritura. Van as dúas xuntas. O tema dos premios considéroo importante en canto é un aliciente para que eses contos non morran en ti, senón que tomen pulo para que cheguen aos máis lectores posibles, e esa historia que naceu no teu maxín viva e medre, mais non creo que sexa un indicativo de valía literaria porque dependen da opinión dun xurado que pode estar máis ou menos fundada ou atinada. No meu caso, ímolo destacar, penso que estivo sempre atinadísima [nótese que son amiga das brincadeiras]. Falando en serio, hai xente que escribe de marabilla e nunca viu un premio e ao revés. Non obstante, para min foron acicate para seguir traballando e ferramenta que me permitiu facer visible ese traballo máis alá do meu círculo de amizades, así que non podo máis que estar agradecida por todos eles.
- En Urco aparece a súa primeira novela Ninguén lembra (Urco, 2013). Polo que teño entendido, unha historia que escribiu durante moito tempo…
Ninguén lembra é unha historia que estivo moito tempo comigo, foi medrando coas miñas experiencias ao longo de varios anos e foi duro desprenderse dela e deixar que seguise o seu camiño en solitario. Nace, case sen decatarme, no momento en que, aproximadamente con dezasete ou dezaoito anos, remato de ler O señor dos aneis e penso que eu quero ler algo así en galego, pero nese intre non hai nada semellante, agora por fortuna hai algo máis de oferta pero daquela non, así que teño que escribilo eu. Non estou dicindo que quixese escribir un Señor dos aneis á galega, senón que, simplemente, quería ler unha historia longa de aventuras e fantasía en galego, unha lingua moi axeitada, cría e sego a crelo, para escoitar falar de cousas fabulosas, unha lingua que ten cen palabras para falar de choiva.
- Unha obra de fantasía pura pero no que hai tamén unha profunda reflexión sobre a vida en liberdade e en comuñón coa natureza.
Si. Case sempre no que conto hai un aquel de morriña polo que puido ser e non foi, por outro xeito de chegar á actualidade sen matar a nosa identidade nin a nosa paisaxe, por pertencer ao século XXI nunha terra sa e con orgullo polo legado positivo do noso pasado, como a lingua, cunha tecnoloxía que non implique guerras en África nin cambio climático acelerado, nin un sistema político que ampare a corrupción e desprotexa á xente humilde. Quen non ten recursos non ten marxe de manobra para elixir. A liberdade non pode ser isto.
- Tamén publica varios relatos na revista Contos estraños.
Publico. Grazas a Ninguén lembra e á extinta rede social Redelibros, entro en contacto con xente arriscada que ten ideas na cabeza, que crea un espazo, a revista de formato libro “Contos Estraños”, para quen estamos petando na porta cos nosos relatos e non temos unha canle para publicalos, e ofrécenolo. Un conto propio só non vas publicalo, pero se a ese conto sumas os contos doutras persoas tes un libro, e iso xa é outro cantar. Eu tiven a ocasión e a oportunidade, eles seleccionaron algúns dos meus relatos (“A sombra de luz”, “A revelación de Li Kun-woo” e “Niño de serpes”, cada cal máis chusco e marabilloso que o anterior), e agora andan polos andeis, con maior ou menor fortuna, pero na mellor das compañas, porque grazas a “Contos estraños” teño un feixe de amigos novos máis fanáticos do fabuloso e o terrorífico ca eu mesma.
- Falando de Contos Estraños. Urco Editora pode considerarse a gran canteira de narradores en lingua galega, xa que apostou por autores sen recorrido tanto na colección de narrativa como na publicación da revista. Gran parte da crítica gusta de agrupar a autores novos coma vostede, que publicaron na editora e na revista, baixo a etiqueta “xeración estraña”. Que opinión lle merece?
Moi ben. Como dixen, moitos deses compañeiros de escrita son agora amigas e amigos, e que me etiqueten a carón deles é unha honra. Que se esa etiqueta ten sentido? Penso que si, porque todos os que podemos englobarnos aí somos servos do estraño, da literatura que explora o sobrenatural [matizo que, con todo, eu son ecléctica nos meus gustos], e porque a revista marcounos o paso definitivo entre a escuridade e a luz, entre que os nosos escritos deixaron de ser nosos para ser dos lectores. No meu caso, malia xa ter publicado antes, incluso unha novela tan contundente (referíndome a voluminosa) como Ninguén lembra, considero que Contos estraños significou esa diferenza porque logrou que mantivera unha continuidade, unha inquedanza por seguir publicando que, sen iso, quen sabe?, talvez tería renunciado a ela unha vez satisfeita con ver nos escaparates as cincocentas páxinas do meu primeiro libro. Mais, mira por onde, non todo rematou con Ninguén lembra.
- Agora en 2017, catro anos despois, temos nova novela. Como nace A vida sinxela de Marcelo Firmamento (Galaxia, 2017)?
Nace no momento en que Galaxia convoca o Premio Illa Nova para menores de 35 anos. Pensei que era agora ou nunca, que, con 33 anos, ese premio era o incentivo literario preciso para encher de palabras a paréntese laboral que estaba vivindo (vivo en base a parénteses laborais continuas), encher o tempo con historias, e descubrín que había unha concreta que levaba moito tempo querendo contar, a de Marcelo Firmamento, un mariñeiro de Sada que vai facer unha viaxe fantástica ao corazón dos mares. Unha historia que saíu de min coma un torrente furioso e que fun quen de escribir nos dous meses de prazo para poder presentala ao premio. Recoñezo que me dou un pouco de mágoa vela marchar tan axiña do meu carón, mentres Ninguén lembra viviu tantos anos comigo...
- Que supuxo para Vanesa Santiago gañar o premio Illa Nova?
Podes imaxinar que foi algo marabilloso. Nun primeiro momento vivino con ilusión e incredulidade, principalmente ao non comprender que esa historia que escribira en dous meses estaba madura abondo como para ser a gañadora do certame. Logo, con fondo agradecemento porque o xurado confiase nela e porque sabía que nas mans de Galaxia ía estar ben coidada. E agora, no presente, cando acaba de saír a librarías e comeza o ciclo de presentacións, véxoo como un enorme recoñecemento público a un traballo de anos que ata agora permanecía nun limbo. Non invisible, abofé, mais si calado. Nun futuro, agardo que o premio supoña a posibilidade de continuar publicando as historias que, con total certeza, van seguir medrando comigo.
- Supoño que a escolla do apelido do protagonista non é froito do azar…
O protagonista é Marcelo Firmamento. Non é casual nin o apelido nin tampouco o nome, malia que estamos ante un apelativo, con “Firmamento”, máis que ante un apelido. O apelido non chego a desvelalo, e tampouco vou desvelar agora de onde demos ven que lle chamen así ao home. Para iso vou ser un pouco mala e suxerir que se lea o conto.
Vanesa Santiago recibindo o premio Illa Nova (Fotografía : Editorial Galaxia)
- Considera que esta novela pode adscribirse o realismo máxico?
Claro. O realismo máxico é que na vida cotiá o sobrenatural transcorra dun xeito natural. Dalgún modo, iso tenteino xa con “Ninguén lembra”, pese a ser fantasía nun grao máis puro. Que ocorridos fantásticos non sexan sorpresivos para as personaxes, que as vivan como parte do día a día sen abraiarse. E en “A vida sinxela de Marcelo Firmamento” xa dende a primeira liña decátaste de que as fronteiras entre o real e o fantástico non están moi definidas. Como amante do relato oral, o realismo máxico é consubstancial ao mesmo, e eu quero iso para os meus contos. E, aínda sen querelo, o máis habitual é que haxa unha deriva fantástica en todo o que escribo. Supoño que a literatura fai que manteña a esperanza de que podemos descubrir detalles fabulosos ao noso arredor se prestamos suficiente atención.
- Este libro mestura as lendas máis coñecidas do rural galego con mitoloxía máis contemporánea. Foi complexo traballar con tantas referencias?
Non o foi porque estou moi familiarizada con todas elas. As lendas escoiteinas dende cativa, e os mitos fascínanme como a explicación a interrogantes que se fixo o ser humano no pasado en distintas partes do mundo e que, curiosamente, foron elaborando respostas semellantes, coa idiosincrasia propia de cada lugar, por suposto. Na lenda inuit de Sedna, a deusa do mar, falan de como xorden os animais mariños e mencionan especificamente focas. Cada un narra o conto adaptándoo á súa contorna.
- A crítica recibiu a obra con comentarios moi positivos, algúns mesmo entusiastas. Agardaba esta boa resposta do público?
Eu confiaba no potencial da miña historia. Non estaba tan certa do resultado acadado, ao enviala ao certame, en canto non a limei tanto como habitualmente adoito facelo, mais as miñas expectativas catastrofistas non se cumpriron, senón ao contrario. E hei confesar que como nai quéreslle ben aos teus fillos de papel e eu sabía que o conto ía atopar os seus lectores e lectoras. Xa en canto ao grao de entusiasmo, a resposta tenme asombrada, porque como escritora nunca son quen de calibrar ese aspecto a priori, e non podo máis que estar feliz do bo recibimento.
- Para concluír, ten agora mesmo algún traballo en mente do que poida adiantar algo?
A cabeza non para. Sempre ando con varias historias a un tempo. Malia non poder adiantar moito, estou matinando na continuación dun relato nun internado para a rapazada na zona da Costa da Morte, a imitación daqueles de Enid Blyton pero adaptado ás circunstancias actuais. Claro que, como son eu, algo fantástico acabará saíndo polo medio. Que lle imos facer.