Recensión: Eli Ríos, Marta e a Píntega
Título: Marta e a Píntega Autora: Eli Ríos Editorial: Galaxia
Ilustracións: Patricia Román
ISBN: 9788498656985 Nº de páxinas: 132 páxs
Sinopse:
Marta é unha nena á que lle pasan cousas incribles.
Como, por exemplo, saltar ao mundo dos contos. Alí agardan por ela personaxes que coñecemos de sempre e que a necesitan para solucionar un problema ben gordo.
Na actualidade penso que se precisa máis literatura que dinamite o sistema dende dentro e que amose ó lector que a realidade sempre ten que pórse en dúbida. O lectorado infantil e xuvenil non pode ser unha excepción nese proceso. Con Marta e a Píntega, Eli Ríos presenta un relato onde Marta pon en dúbida o funcionamento do mundo dos contos e no que se interroga sobre as inxustizas nas que a desigualdade por cuestións de xénero se impón na súa vida cotiá.
Neste libro o lectorado infantil atopa unha historia moi entretida e formulada mediante o formato dunha gran aventura entre mundos. Unha novela de curta extensión pero que aproveita con precisión as súas páxinas para pechar tramas e introducir reflexións moi necesarias para os lectores máis pequenos da casa, aínda que tamén para todos os públicos.
- Estaslle dando a volta ás cousas! Non é iso! Así soa moi feo!
- Non estou cambiando nada, Marta. Estasme dicindo que se ti tiras os calcetíns no medio do cuarto, túa nai, como a túa criada que é, ten que recollelos...
Marta queda pampa. Nunca o pensara desa maneira. Mamá non deixara o monopatín no medio do corredor... entón por que lle dixera a mamá que o recollese ela? Por que lle rosmara que non pensaba limpar as migas de galleta que ela mesma tirara no sofá? Mamá non era a súa criada! Non! (páx. 30)
O libro ten como protagonistas ás figuras femininas dos contos máis importantes da tradición literaria. No mundo dos contos as propias protagonistas teñen a intención de rebelarse contra as desiguais condicións que os heroes masculinos impoñen. Marta e a Píntega axudarán a estas mozas a liberarse de todos os tabús e imposicións para que leven unha vida plena e en liberdade.
- (...) imaxina pasar douscentos anos facendo sempre o mesmo... Unha e outra vez... O único que nos permiten é enchernos de adornos, cociñar e limpar... E veña e dálle... Un día tras outro... Así unha e outra vez... porque os príncipes decidiron que os que mandan son eles... Unha e outra vez... sen poder opinar sobre o que queremos, porque seica as princesas non sabemos facer nada máis que esperar a que nos rescaten... E veña e dálle... Un día tras outro... Coma se fósemos parvas, pouco menos... Sabes? Hai moitas cousas que nunca vimos... (páx. 51)
En resumo, este libro é unha proposta necesaria para unha colección de literatura xuvenil. Unha publicación que critica o discurso e a historia elaborada por homes dende unha óptica de fácil comprensión para os nenos e nenas.