top of page

Eli Ríos : " Luns é unha novela visceral, para sentir "


Eli Ríos naceu en Londres ao mesmo tempo que o punk rock pero, ao pouco tempo, regresou ás terras de Ordes onde se criou. Despois de moitas voltas e reviravoltas decidiu instalarse ao pé do castro de Elviña. Publicou os seguintes libros: "nós escoitando o badalo de marienplatz" (2010), XII Premio de Poesía Concello de Carral; "rúa da cancela" (2009), IV Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas; "María" (2013), I Premio de Poesía Figurante; "Anamnese" (2014), II Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey; "Diario de fotogramas" (2014), Segundo premio do I Concurso de Poesía Centro Recreativo de Artes, Concello de Ribeira; "Remexido de patacas" (2014), XL Certame de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo; "Doe tanto a túa ausencia" (2015), XVIII Certame Francisco Añón de Poesía, Concello de Outes; "Bicha" (2015), XIIº Premio Pura e Dora Vázquez de Narración, Deputación de Ourense; "Marta e a píntega" (2016), conto infantil; "Mulleres bravas da nosa historia: María Victoria Moreno" (2016); "Luns" (Xerais, 2017), novela, I Premio Torrente Ballester para obras en galego da Deputación da Coruña, 2016; e "Café intenso" (2017), I Premio de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón. Colabora na revista dixital de crítica literaria feminista "A Sega".

Texto: Ficha da autora en Xerais e AELG

Fotografía: Eli Ríos

 

1. Que significou para ti gañar o 1º Premio Torrente Ballester en lingua galega?

A porta de entrada na narrativa. Nun momento no que publicar é tan complicado, este premio conleva a publicación e cunha certa visibilidade. Ademais, supón participar nun proxecto, o da Deputación da Coruña, que admiro. Dignificar as condicións de traballo das persoas da escrita en lingua galega.

Fallo do xurado dos premios Torrente Ballester en Galego (Fotografía: Diputación de A Coruña)

2. Cal é o xerme de Luns?

O xerme de Luns é rabia. Hai realidades e situacións que nos acostumamos a lelas na prensa e pasan a ser habituais, normais. Desas que dicimos: unha máis... E non pode ser, non está ben. Quería escribir un texto que provocase a reacción, as ganas de moverse. Unha novela visceral dirixida directamente ao hipotálamo.

3. Como se pode construír unha obra que fala sobre o día a día e manter o interese da persoa lectora?

Damos por suposto que a vida está aí e que estará sempre até que non está. Ese punto no que nos enfrontamos á nosa vulnerabilidade é o mesmo no que se encontra Nere, a protagonista. Vivir é unha aventura fantástica. A mellor aventura que nos tocou experimentar. E cando nos decatamos de que cada día é único e irrepetible a ficcionalidade escríbese soa. O interese vén, imaxino, das ganas que teñamos de vivir.

Exemplares de Luns. (Fotografía: Eli Ríos)

4. Luns fala da inestabilidade e a fraxilidade, de como todo o que era sólido pode caer nun abrir e pechar de ollos…

Nun sistema consumista, como o noso, depositamos a nosa estabilidade na maior cantidade de obxectos materiais e, nese proceso de adquisición constante, esquecemos que ninguén vai saír viva de aquí e acabaremos no mesmo burato. Hai certas situacións que nos obrigan a parar e repensar. Á protagonista acontécelle isto e, cando detén a voráxine do diario, chega ese momento no que analizar se a vida que tén é a que quere, se hai algo que ela poida facer para cambiala.

5. O tempo tamén é un tema capital pola necesidade que terá a protagonista de organizalo e aproveitalo…

O tempo é un dos bens máis preciados que temos, pero é unha convección. Podemos moldealo ao noso gusto ou desexos. Pode dar para moito ou para pouco. Depende de cómo o aproveitemos, de como o sintamos. Hai días que terán máis de 24 h e outros nos que apenas o desfrutemos un par de horas. Aí está a riqueza de Nere: ela é consciente do tempo que ten.

6. Todo isto co cancro de mama como xerme, unha enfermidade que afecta case exclusivamente as mulleres. A visión feminina desa realidade será tamén un aspecto importante no libro?

Fundamental. É unha enfermidade sobre a que se avanzou moito, pero masculinizada. De nada serven os grandes avances se se segue ignorando quen a padece. Desde o prospectos dos medicamentos que recomendan doses de uso para "O paciente, o enfermo, o doente" ata a violencia nos tratamentos. Hai unha dobre vara de medir na que a muller con cancro, neste caso do libro de mama, ou é tratada como gando ou cunha condescendencia ofensiva. Por exemplo, á hora de facer exames médicos... A falta de intimidade, a "normalidade" dun cancro de mama nas consultas, etc, contrasta coa severidade e atención que recibe, por exemplo, un caso máis grave (nótese a retranca) como é un cancro de testículos. Xa o mesmo ton de voz co que o conta o persoal médico desde o minuto un acende todas as alarmas. E xa non vou entrar noutras cuestións como a conciliación, as próteses ou elementos como as perrucas porque aí escoitas auténticas animaladas e precisaríamos outra entrevista enteira. De nada serve que teñamos leis, avances médicos, etc, se non formamos as persoas encargadas de aplicar todo isto. Precisamos, con urxencia, reformularnos.

7. Cres que Nerea é unha personaxe coa que é fácil identificarse?

Se o crese esta novela non tería sentido. Haberá persoas que se identifiquen con Nere, pero moitas outras farano con Manuel, coa señora Lola, con María,... E escribín esta novela para que nos poñamos na pel de Nere, esa persoa que pode ser calquera das que temos ao noso redor e observamos sen movernos, sen botar unha man, sen reaccionar. Quero que te identifiques, que a entendas, que sintas con ela, que esteas con ela día a día e non só nese momento no que colgas un emoji no seu muro para solidarizarte, quero...

8. Ó falar deste libro sempre se salienta o arriscada e innovadora que é a técnica literaria que se emprega. Na súa opinión, por que Luns non é un libro convencional ou, polo menos, por que é distinto de todo o que tes publicado?

Primeiro porque é narrativa e nunca tiña publicado unha novela. Segundo porque precisava, por todo o que falamos antes, unha técnica axeitada para o contido. Cargueime as intermediarias, non hai narradoras en terceira persoa que lle indiquen á persoa lectora como se ten que sentir. Necesito que quen le estea dentro do relato todo o tempo, que as emocións cheguen sen filtros. Por iso, tampouco hai capítulos. Só días. Tempo. Isto non é unha novela negra, non é importante a intriga. É unha novela visceral, para sentir. Sen adobíos, descarnada. Acontece na miña cidade, na túa, en todas. Non importa. O relevante é sentir, sentir, sentir. Na miña casa, na túa. Tanto dá. O fundamental é que chegues ao final sendo consciente que non podemos quedar no sofá sen facer nada. Temos que reformularnos na realidade, no mundo real onde acontecen as cousas.

9. Todo isto súmase tamén ó recente premio López Abrente de poesía, no que con Culpable temos tamén outra proposta rompedora. Cre que dinamitar o sistema é unha forma de facelo máis dinámico para a persoa lectora?

Si. A literatura se non ten nada a ver co cotián non ten sentido. As persoas que len libros son de carne e óso e a literatura débese a quen nos le. O tanxible, a humanidade, as pulsións humanas non deberían quedar fóra da escrita. E penso nas crianzas cando comezan ler que non encontran a súa realidade reflectida no que len, a adolescencia que non se identifica,..., e así por diante. E a onde leva isto? Á perda de xente que lea. Por que? Porque o mundo cambiou, porque hai mulleres que cando lles diagnostican cancro non queren ser tratadas como gando, porque hai rapazada que xa non queren ser princesas ou os heroes dos contos, porque hai adolescentes que non queren morrer por amor, porque hai persoas adultas que reclaman o dereito a ter un día triste e que as cuncas non lle anden enviando frases "buenrollistas"... Se non dinamitamos esta perversión na escrita que continúa transmitindo valores caducos, como o facemos? Sentámonos no sofá e dedicámonos a mirar como a vida pasa dentro dunha pantalla de televisión?

10. Para pechar, cal cre que é o elemento que mellor define a súa obra literaria?

O humor, sempre.

Para máis información tedes unha marabillosa entrevista de María Solar á autora no novo programa da Radio Galega, Chamando á terra.(http://www.crtvg.es/podcast_rg/0167/0167_20170909150000.mp3)

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page