Recensión: Ledicia Costas, A señorita Bubble
Título: A señorita Bubble Autora: Ledicia Costas
Ilustrador: Andrés Meixide Editorial: Xerais
Coleción: Sopa de libros ISBN: 9788491210160 Nº de páxinas: 168 páxs
Sinopse:
A xente da vila sentiu un odio repentino pola señorita Bubble desde o mesmo día da súa chegada. A inventora apareceu por sorpresa unha mañá solleira, conducindo un convertible que funcionaba a vapor, e instalouse naquela vivenda que levaba tantos anos deshabitada. Repudiárona polo seu atavío, polos seus inventos, polo seu singular xeito de vivir. Ninguén sospeitaba o que en realidade sucedía no interior da mansión da señorita Bubble.
Non é casualidade que a volta ó cole sexa sinónimo dunha nova publicación de Ledicia Costas. A raíña indiscutible da literatura infantil e xuvenil galega publica este mes de setembro A señorita Bubble, unha novela que os escolares galegos recibirán con ilusión e, polo menos, fará máis levadeiras as clases.
Nesta novela ofrece unha historia entretida e ben tecida. Nela introduce con moito acerto dúas caras distintas dun mesmo mundo, a realidade cotiá coa que critica o automatismo da sociedade e a típica familia gris de clase media fronte a un mundo moito máis fermoso, onde a imaxinación e a liberdade son as normas. Este último aspecto amósase na meirande parte dos inventos de esta intelixentísima inventora que é quen de detectar os grandes males do seu mundo e intentar cambialos dende a sombra.
Noa fitou o Flash bubble e chegou a conclusión de que a muller dicía a verdade. Xamais vira nada igual. Para empezar, tiña tres rodas. O asento era un sofá de tres prazas de veludo granate cun oco onde había un parasol violeta. Enriba da roda traseira, unha pequena plataforma sostiña un barril cheo de cables e termóstatos dourados. Dous enormes tubos de escape elevábanse a un lado e outro do barril. Eran como pequenas chimeneas antigas, rematadas en punta. (páx. 20-21)
A señorita Bubble, a nosa gran protagonista, representa a todos esas figuras femininas esquecidas na historia en todos os ámbitos do saber, a incomprensión da sociedade sobre o que é diferente e o illamento radical ó que somete ó individuo diferente. Unha muller de estética peculiar que posee a súa propia marca, é independiente e que, pese ó trato descortés da xente, sempre pensa no ben común. En todo o texto, as súas conversas coas nenas serven para extraer reflexións moi tan importantes como necesarias.
A xente que non é quen de chorar acaba coa tristura enquistada. Chorar tamén é necesario, aínda que hai moitos que non o saben. Axuda a limpar os ollos e o corazón. (páx. 59)
Todo isto aderezado coas incribles ilustracións de Andrés Meixide, que retrata perfectamente ó mundo que a autora quería retratar e que fai que a lectura tamén sexa unha gozada a nivel audiovisual.
En resumo, este setembro Ledicia está de volta, como o cole, e semella que o verán non pasou por ela. Volve como a primeira da clase, cos deberes feitos e cunha novela que dará moito que falar entre os rapaces e da que os maiores tamén gozarán moito.