top of page

Recensión: María Xosé Queizán, Rosalía e o poder sexual


Título: Rosalía e o poder sexual

Autora: María Xosé Queizán

Editorial: Xerais

Coleción: Ensaio

ISBN: 9788491212539

Nº de páxinas: 152 páxs

 

Sinopse:

Rosalía de Castro é unha das escritoras que mellor comprendeu e reflectiu na súa obra, tanto poética como narrativa, a sedución, entendendo esta como o poder sexual que os homes exercen sobre as mulleres. Quere isto dicir que a primeira escritora galega no século XIX, recoñecida e valorada na actualidade por todos, ten como leitmotiv da súa obra a sexualidade e o poder patriarcal. Antes de que se estudase e se lle dese nome ao patriarcado, esta galega xa foi pioneira, con orixinalidade e con audacia, nun tema vixente na actualidade, causante dun holocausto que non se frea. Nas novelas e ensaios rosalianos e en boa parte da súa poesía a muller é a principal protagonista, unha muller que padece os efectos do abuso do patriarcado, tanto no aspecto político como emocional, sendo, como sinala Kathleen March, “a opresión da muller o seu tema único”.

María Xosé Queizán reúne aquí sete ensaios de temática rosaliana, dende o introdutorio, que lle dá título, no que se estuda o carácter feminista de toda a obra rosaliana, pasando polos que abordan o amor e o suicidio na obra poética, até os dedicados á súa consideración a través da historia e á persecución que sufriu no seu tempo. Complétase o libro con media ducia de poemas e dous relatos nos que Queizán homenaxea a nosa primeira escritora.

 

Nos tempos que corren é preciso dar unha volta a todas as nosas lecturas. Cando se trata de Rosalía de Castro, a crítica en xeral sempre adoptou unha posición bastante ríxida e pouco revisionista. María Xosé Queizán nesta compilación de ensaios, que leva por título un deles, Rosalía e o poder sexual da unha volta a maioría dos estudos rosalianos e presenta unha análise da obra da figura máis simbólica da literatura galega dende o xénero.

Fronte á fidelidade das mulleres, das viúvas dos vivos, aparece a deslealdadade que fai a Rosalía perder a esperanza en Deus, na xustiza e nos homes. Xa non espera nada. (...) O único amor valedero e firme que aparece na poesía de Rosalía é o amor á nai e aos fillas. Cando vai perseguida, o que ansía é chegar xunto aos seus fillos. (páx. 26)

A autora propón unha análise que sen deixar de ser erudita non se perde en argumentación banais nin en engordar o texto. Cada palabra do texto é concreta e directa, a argumentación, sempre apoiada en conexións intertextuais, sinala todas as posicións e engade algunha máis. Os textos son de curta extensión, poderían ser bosquexos de artigos científicos máis amplos, pero expoñen de maneira moi eficaz todas as ideas que plantexan.

Considera a obra de Castro un proceso de <<subversión do discurso de autoridade>> contra a <<vontade dos señores de la tierra>>, que <<son homes, son os líderes da estrutura económica; por conseguinte, a referencia a <<mis iguales>> revela unha ironía subxacente porque a falante (Rosalía) afirma: <<pero no acato los mandatos de mis iguales y creo que su hechura es igual a mi hechura y que su carne es igual a mi carne>>. Se estes <<iguales>> fosen exactamente iso -iguais non superiores- non habería necesidade de desobedecer as súas ordes, porque ditas ordes non existirían. (páx. 45)

A vixente actualidade da discriminación e o maltrato que sofren as mulleres tanto literal como metafórica é, en opinión Queizán, unha óptica que xa indicaba Rosalía nos seus textos mediante elementos como a ironía e a sátira. Repasa para iso tanto a obra poética como os seus textos narrativos tanto en castelán como en galego.

Non se pode dicir máis sobre a submisión e dependencia das mulleres do patriarcado, do que fai Rosalía ao glosar os versos: <<San Antoniño, dádeme un home, anque me mate, anque me esfole!>>. É cruel, é real, é actual. Lúcida ironía a da escritora, a súa arma fundamental! Mentres as mulleres non o acepten, mentres non recoñezan a súa valoración do poder masculino, o seu desexo a ser desexadas, non o superarán, e seguiran sendo esfoladas e asasinadas. (páx. 14)

En resumo, Rosalía e o poder sexual é un conxunto de textos que presentan unha análise crítica, afinada e concreta da obra de Rosalía e que discute cunha boa argumentación a parte máis ríxida dos estudos rosalianos. O volume tamén se adereza cuns relatos e poemas de moita calidade e que funcionan como banda sonora destes eruditos e brillantes textos.

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page