Recensión: Rosa Aneiros, A batalla da pequena Chañan Curi Coca
Título: A batalla da pequena Chañan Curi Coca Autora: Rosa Aneiros
Ilustradora: Almudena Aparicio Andión Editorial: Xerais ISBN: 9788491212751 Nº de páxinas: 104 páxs
Sinopse:
A nai de Noelia e Miguel non ten cartos para pagar o piso, xa que foi despedida do estaleiro onde traballaba. Hai un grupo de persoas solidarias que está axudando a familia para lograr un aprazamento e evitar que os tres queden na rúa. Por riba, desde que a avoa Elizabeth marchou, os domingos perderon a maxia dos contos incas e cidades perdidas que tanto lle gustaban a Noelia. Como a guerreira inca Chañan Curi Coca, a escolleita, que nunca se rende, Noelia pensa nunha nova estratexia para, chegada a hora da batalla, organizar a defensa coa axuda da súa veciña Mamá Huaco.
En definitiva, e afortunadamente, a LIX non ten teito dentro da literatura galega. Os autores e autoras enchen cada mes as librarías do país con obras para os máis pequenos da casa que non fan máis que asombrar a lectores e crítica. Neste mes de outubro Rosa Aneiros, que volve cun novo libro tras un período de relativa inactividade, publica A batalla da pequena Chañan Curi Coca, unha obra na que introduce ós máis pequenos na desgraciada actualidade dos desafiuzamentos.
Nesta novela temos como protagonistas a dous irmáns moi diferentes. Noelia é unha nena soñadora, divertida, trapalleira e unha namorada dos libros e as historias que teñen lugar neles. Non perder oportunidade para dar vida ó que le neles e facer cousas que deixan pampos ó seu irmán e a súa nai. Miguel é o irmán maior, pesa nel tanto o instinto de protección da súa irmá pequena como tamén a presa por crecer e vivir no mundo dos maiores. Un rapaz que gusta de xogar a facer pulseiras, cociñar e axudar a súa nai. A combinación entre eles supón un paralelismo interesante sobre a (in)consciencia e (des)esperanza.
- Xa che dixen que eu non me quero ir de aquí!
- So é unha casa Miguel. Non esquezas que o importante somos nós, non o edificio. Hai cousas máis valiosas ca unhas paredes de cemento. O mundo é moi grande e poderemos vivir en calquera outro lugar. (páx. 27)
Na novela a nai adopta o papel máis complexo de presentar ós lectores máis pequenos. Os dous nenos viven no seu mundo pero ó mesmo tempo sofren o resultado do seu desgrazado periplo laboral e económico. A nai e forte, independente e loitadora e por iso goza da axuda de todos os veciños e do aparente "control" dunha situación que curiosamente so o poder da xenerosidade, a unidade e o amor solventará dunha maneira beneficiosa para todos.
O seu edificio de dous andares sempre fora unha illa no medio dun océano de silvas. O Huayna Picchu, a vella montaña que aparecía nos contos da avoa Elizabeth, murmuraba Noelia. A illa do capitán Calabrote, porfiaba Miguel. Pero ese día, rodeado por unha marea de persoas, berros e aplausos, a illla parecía menos illa e máis continente. (páx. 84)
Nesta novela vese perfectamente a combinación entre un mensaxe potente, unha historia divertida e uns personaxes cos que calquera pode identificarse. Rosa Aneiros tece unha novela cunha prosa sinxela e con capítulos breves que entretén ó mesmo tempo que amosa unha cruenta realidade a un público que moitas veces non se ten en consideración.
A edición tamén merece comentarios non só pola beleza das ilustracións máis grandes e a varias cores, senón polo coidado dos detalles que aparecen en cada páxina. Estes aderezan a estética do libro e acompañan ó lector mediante unha liña continua chea de pequenas ilustracións ás páxinas de cada capítulo.
En resumo, polo seu mensaxe potente, o entretido da historia e os magníficos personaxes que ten, A batalla da pequena Chañan Curi Coca supón un chanzo máis na escaleira dunha LIX galega que, polo de agora, non ten teito.